fbpx
De baresGalicia

Os bares, a rede social máis antiga, máis global e outra forma de culturizar!

‘A noite do xersei feo’ no Argentinos Burguer.

Por se ninguén se dera conta, é xusto e necesario lembrar que os bares compren unha ou/e dúas ou máis funcións sociais importantísimas. Por exemplo, teñen un papel dinamizador fundamental, especialmente nos pobos, aldeas e nos concellos máis pequenos como afirma, a boca chea, Gonzalo “Big Moe” do Argentinos Burguer. Ata a Estrada hai que ir para que nos corroboren que os bares son “a rede social máis antiga do mundo! (manda carallo!) Ou polo menos para os que pensamos con visión moi de pobo. Nós aquí seguimos indo de bares, é un costume. Nunha cidade é máis difícil que establezas conversación con alguén, pero nunha aldea, vese máis. Se es asiduo a un bar, acabas falando con todos e coñecéndoos a todos ou case! Eu vou sempre ao bar da miña amiga Silvia e aínda que non estea ningún dos meus amigos, vou falar con alguén seguro! Coa dona, co patrón que está tomando os viños, cos que están xogando as cartas… En Galicia séguese mantendo ese costume. O de ir de bares é algo moi característico de aquí, eu creo. O último en pechar nun pueblo, sempre é o bar! Temos sorte de que aínda que temos soldos baixos, todos sacamos algo para ir tomar unha caña, de cando en vez… Igual tamén inflúe que temos nove meses de inverno e que chove moito. (Nove ou catorce! Rimos a gargalladas, aínda que non sexa de rir). “Ir de bares é unha vía de escape. Cando chegaron aquí meus pais, os aniversarios dos nenos facíanse nos bares. Na Arxentina só ían os adultos aos bares… Co cal xa é cultural. Aquí da igual que sexa martes, que mércores…”.

Os bares forman parte da axenda local e persoal. “Vas vendo como está o mercado, se vai ser frouxa a fin de semana… E fas cousas! Nós xa temos actividades fixas ao longo do ano: ‘A noite do xersei feo’, distintas xornadas gastronómicas como as Italianas, Irlandesas, as dos Estados Unidos, Mexicanas, Alemañas… E despois, dependendo da época, almorzos de San Valentín; noites de bingo; sesións vermú; ‘O enchenta’, que é unha festa gastronómica en exterior, en colaboración con outros locais da Estrada; ‘Xoves de viño en viño’,  que é unha ruta para ir de viños pola Estrada, en colaboración coa Asociación da Hostalería; máis a Festa do Salmón, a Festa da Sidra… Todo isto serve para atraer xente de fóra, pero sobre todo para mover ao público local, iso é o primordial! A xente local, a xente de toda a vida. Que en xaneiro que chove, fai frío e gastaron todo en Nadal, pois que veñan!”.

Gonzalo “Big Moe” (á dereita) durante outra ‘Noite do xersei feo’.

Aos da Revista Pincha gústanos moito que o Argentinos Burguer e o seu equipo prioricen a súa xente máis de preto, porque é parte da identidade do local e cando non es de alí e vas ás festas, ves ese ambiente do que logo che gusta formar parte. Creo que parte do problema da masificación turística ou da desaparición dos establecementos míticos, dos comercios locais, sucede cando priorizamos formas de consumir que son rendibles só a curto prazo e que non pensan na xeración de riqueza a longo prazo e cara aos cidadáns, nin fan país tampouco, evidentemente! Porque ti se vas a Estrada, por exemplo, e aínda que pareza unha parvada, non será mellor que te guíe alguén da Estrada? Home, ademais de parar na de Gonzalo eu chamo a Lorena e a Esteban, que tamén saben de bares!

Pero, sobre todo, e aquí incide moito Gonzalo en algo que eu non me decatara: “Os bares inflúen na maneira de culturizara xente en canto a gastronomía. Teñen a función de descubrirnos denominacións de orixe de viños, estilos de cervexas fóra dos habituais, gastronomías doutros mundos. Aquí na Estrada moitas xeracións probaron a súa primeira hamburguesa e o seu primeiro ‘perrito’ no Argentinos. As primeiras pizzas devolvíanas dicindo que era unha empanada mal feita (falamos do ano 1987 e en 2019 choramos da risa pensándoo… Faltiña de mundo e faltiña de papeo!). Unha das nosas tarefas, porque nos gusta probar, é meter en carta pratos doutros lugares. O que aquí pasou coas hamburguesas, agora mesmo pasa co ceviche, co sushi… E iso é cultura, tamén!”.

Gonzalo convence a calquera, porque o sinte e lle apaixona o que fai! “A cociña é unha representación dunha sociedade. Que hai que máis represente a Galicia que o folk e a comida? O caldo, as orellas, as filloas… No mundo anglosaxón case comen por obrigación, pero aquí é unha festa! As familias xuntámonos ao redor dunha mesa. Co cal, no bar apréndense e ensínanse costumes diferentes, chegadas doutros sitios”.

O proceso de elaboración dun prato estranxeiro leva á busca de ingredientes propios do punto de orixe, das receitas máis tradicionais e das asociacións ás mesmas, como festas ou datas especiais.  Tamén leva toda unha serie de accesorios e abelorios que van a xogo con este elemento de comer. As comidas son parte da cultura e da identidade e, se as serven nos bares, logo eses establecementos serán axentes culturizadores!

Así que deixádevos de tanto ‘Tinder’ e ide de bares. Que comedes rico, coñecedes xente e con sorte atopádesnos a Gonzalo ou a min mesma e outra cousa ao mellor non, pero unhas risas has botare!