fbpx
A CoruñaCulturaGaliciaNovas

Estes son os proxectos finalistas dos XXVIII Premios de Teatro María Casares

Un total de 19 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer esta tarde en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido pola actriz Cristina Collazo, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Gonzalo Castro, concelleiro de Promoción e Fomento do Concello da Coruña; Miguel Diéguez, director territorial da Zona Noroeste da SGAE, e Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, que participaron no evento en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

O espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, acadou nove finalistas (espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, vestiario, maquillaxe, espazo escénico e iluminación), mentres que Hamelin, de Redrum Teatro, logrou seis (espectáculo, dirección, actor protagonista, actor secundario por partida dupla e iluminación).

Dúas obras do Centro Dramático Galego acadan cinco finalistas: Shakespeare en Roma (actor protagonista, actriz protagonista por partida dupla, vestiario e adaptación-tradución) e Un hotel de primeira sobre o río(actriz secundaria por partida dupla, dirección de movemento, vestiario e espazo escénico). O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, tamén se sitúa con cinco (espectáculo, dirección, actor protagonista, vestiario e espazo sonoro).

Gonzalo Castro, concelleiro de promoción e fomento do Concello da Coruña, Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Arantza Villar, presidenta da AAAG, Miguel Diéguez, director da zona Noroeste da SGAE; Eva Fórneas, viceptresidenta da AAAG; Isabel Blanco, da Fundación AISGE e Jacobo Sutil, director da Agadic. Foto: La Diapo / AAAG

Entrega en man, de Contraproducións, aspira a tres galardóns (adaptación-tradución, maquillaxe e actriz secundaria) mentres que por dous compiten as pezas Crisálida, de Caramuxo Teatro (espazo escénico e espectáculo infantil); Vox populi, de Malasombra (iluminación e espazo sonoro) e Deadpan Karaoke(maquillaxe e espazo sonoro).

Cun finalista atópanse outros dez espectáculos, tres deles optan ao mellor texto orixinal: Códice K, de Ainé; A nai, de Amorodio Teatro, e Mosca, de Ártika Cía. Outras tres aspiran ao galardón de monicreques, obxectos e figuras animadas: A teteira de Kabul, de Xarope Tulú; Coliño, de A Xanela do Maxín, e Nanai da China, de Pérez&Fernández.

Pola súa banda, Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos, e Backstage, de NegroLópez, son finalistas no apartado de espectáculo infantil, mentres que Frida, de A Cova das Letras, e Insubmisa, de Antagonista Teatro optan ao premio á mellor dirección de movemento.

Estes 19 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 21 de marzo. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.

‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro, acadou 9 finalistas. Foto: La Diapo / AAAG

Relación de finalistas por montaxes

  1. Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro (9 finalistas): espectáculo, dirección (Tito Asorey), actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), adaptación-tradución (Tito Asorey e Vanesa Sotelo), iluminación (Laura Iturralde), espazo escénico (Dani Trillo), maquillaxe (Martina Cambeiro) e vestiario (Martina Cambeiro)
  2. Hamelin, de Redrum Teatro (6 finalistas): espectáculo, dirección (Alex Sampayo), actor protagonista (Machi Salgado), actor secundario por partida dupla (Fran Lareu e Roberto Leal) e iluminación (Carlos Álvarez-Ossorio)
  3. O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG (5 finalistas):espectáculo, dirección (Quico Cadaval), actor protagonista (Víctor Mosqueira), vestiario (Carlos Alonso) e Espazo sonoro (Piti Sanz)
  4. Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego (5 finalistas): actor protagonista (Toni Salgado), actriz protagonista por partida dupla (Sheyla Fariña e Rebeca Montero), vestiario (Saturna), adaptación-tradución (Volodymyr Snegurchenko para Coriolano, Ana Carreira para Xulio César, Ana Abad de Larriva para Antonio e Cleopatra e Lorena Conde para Tito Andrónico)
  5. Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego (5 finalistas): dirección de movemento (María Torres e Gonçalo Guerreiro), actrices secundarias por partida dupla (Raquel Espada e Lidia Veiga), vestiario (Carolina Díguele) e espazo escénico (Gonçalo Guerreiro)
  6. Entrega en man, de Contraproducións (3 finalistas): actriz secundaria (María Roja), adpatación-tradución (Cándido Pazó e Santi Romay) e maquillaxe (Martina Cambeiro)
  7. Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro (2 finalistas): maquillaxe (Baia Fernández) e Espazo Sonoro (Mónica de Nut)
  8. Crisálida, de Caramuxo Teatro (2 finalistas): espectáculo infantil e espazo escénico (Diego Valeiras)
  9. Vox Populi, de Malasombra (2 finalistas): espazo sonoro (Carlos Mosquera Mos) e iluminación (Octavio Mas)
  10.  Backstage, de NegroLópez (1 finalista): espectáculo infantil
  11. Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos (1 finalista): espectáculo infantil
  12. Frida, de A Cova das letras (1 finalista): dirección de movemento (Olga Cameselle)
  13. Insubmisa, de Antagonista Teatro (1 finalista): dirección de movemento (Marta Alonso)
  14. Códice K, de Ainé, (1 finalista): texto orixinal (Manuel Cortés)
  15. A Nai, de Amorodio Teatro (1 finalista): texto orixinal (Laura Porto)
  16. Mosca, de Árika Cía (1 finalista): texto orixinal (Gustavo del Río)
  17. Nanai da China, de Pérez&Fernández (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
  18. A teteira de Kabul, de Xarope Tulú (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
  19. Coliño, de A Xanela do Maxín (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.