fbpx
A CoruñaDe libros

Javier Pereira,libraría Re-Read A Coruña: “Temos novidades todos os días e iso atrae á clientela”

Javier abriu a súa libraría no 2019. Foto: Iván Barreiro

Javier Pereira (A Coruña, 1983) é xornalista e mesmo con incursións na hostalaría (“nesta profesión hai que ser todoterreo”). Dentro da súa traxectoria, abriu no 2019 na Rúa de San Andrés 52 a sucursal coruñesa da cadea de librarías de segunda man Re-Read.

Javier, amante dos libros e da vida cultural en xeral -por algo tamén é compañeiro de Pincha relatándonos a vida musical herculina no noso Pincha Coruña- cóntanos nesta entrevista que tipo de autores e títulos triunfan neste recuncho para os afeccionados aos libros. 

Que foi o que che moveu e crear un Re-Read na Coruña? 

Pareceume interesante o investimento e tiña a confianza de que unha libraría dese estilo na Coruña podería funcionar. 

Que cres que atrae á xente de Re-Read con respecto a outros modelos de libraría de segunda man?

Polo que comentan os clientes, primeiro parécelles moi ben que as cousas estean ordenadas. Non é una libraría de segunda man tradicional.

Os prezos son accesibles e hai movemento. Aparecen novidades de títulos todos os días porque podemos facer compras e algunhas delas grandes, polo que aparecen novidades de golpe. Isto atrae á clientela. 

Onde comprades os libros?

Pois realmente son de particulares, aínda que ás veces chámannos de asociacións de veciños que tiñan biblioteca.

Logo hai unha parte que son de mudanzas de xente que marcha a pisos máis pequenos, e tamén defuncións, divorcios… Ademais hai máis conciencia ecolóxica, con non acumular tantas cousas. Xente que pensa que, se non vas volver ler o libro, mellor que teña unha segunda vida. 

Outra parte dos libros veñen porque os fillos marcharon da casa ou creceron. Venden os libros da súa infancia e adolescencia que xa non van utilizar. 

En xeral, a xente segue tendo moito reparo en tirar libros. 

Re-Read está na rúa de San Andrés, 52. Foto: Iván Barreiro

Que cres que segue atraendo á xente do libro en papel?

O que pasa por unha banda é que á xente o e-book non lle acaba de convencer. A compra de libro electrónico é pouca. Quen o fixo pensa que o que paga polo que recibe é escaso. Hai descoñecemento dos dispositivos que funcionan con tinta electrónica. Por exemplo, a tablet funciona con retroiluminación e iso é malo para á vista. 

Ademais, a xente é consciente de que é mais cómoda a lectura en papel. Facilítalles a inmersión na historia ou no caso do ensaio ou historia, a reter a información, ademais de que poden traballar sobre o texto. É máis cómodo e útil o papel. 

E dentro da libraría, que tipo de de xénero ou título triunfan máis?

Está bastante repartido. Por exemplo, triunfan o ensaio ou filosofía, aínda que a xente pense que non son tan populares, a autoaxuda ou narrativa. Dentro de narrativa: romántica, policíaca, ciencia ficción, fantasía… Clásicos como ‘Madame Bobary’ ou ‘Ana Karenina’, Jane Austen, as irmás Bronte, ‘Odisea’ de Homero… especialmente na xente nova. 

Tamén é moi buscado o libro en inglés e títulos en particular como ‘Cien años de soledad’, ‘La historia interminable’, ‘El principito’ o la Biblia, que son libros que non están en todas as casas, ao contrario do que se poida pensar. 

Tamén inflúe a actualidade. Por exemplo, cando morreu Almudena Grandes ou no atentado contra Salman Rushdie. 

Logo hai xente que vén ver se soa a frauta coas novidades, como por exemplo, ‘Mi persona vitamina’ de Marián Rojas. 

Que é o que máis che gusta de ter unha libraría?

O que máis me motiva e me gusta é descubrir títulos novos ou autoras como, por exemplo, Elizabeth Gaskell. Son autores que, se non tivera a libraría, non podería descubrir. 

Nós facemos dous ou tres recollidas grandes de libros -uns 200- á semana, e para min é como o Día de Reis (risos). 

Tamén me gusta coñecer xente que xa son amizades. 

E como ves en xeral a vida cultural na Coruña?

En cuestión musical estamos bastante cubertos. Quizais faga falla unha sala un pouco máis grande como pode ser a Capitol en Santiago e xestores con interese directo na escena musical.

Bótase de menos tamén un espazo para a xente que se dedica ás artes escénicas e para a produción teatral galega.

Hai moi boas iniciativas de microteatro como La Tuerka. 

Creo que o edificio da Fundación Luis Seoane está desaproveitado.

Houbo tamén unha perda coa pandemia de locais culturais autoxestionados de asociacións sen ánimo de lucro.

Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.