fbpx

Premios Follas Novas do Libro Galego

When:
22 Abril, 2023 @ 7:00 p.m. – 9:00 p.m.
2023-04-22T19:00:00+02:00
2023-04-22T21:00:00+02:00
Where:
Teatro Principal, Santiago de Compostela

A gala dos Premios Follas Novas do Libro terá lugar o vindeiro sábado, 22 de abril, no Teatro Principal, a partir das 19:00 h, nunha gala na que se coñecerán os gañadores das distintas categorías dos premios Follas Novas do Libro Galego.

O evento foi presentada no ambigú do teatro nunha rolda de prensa polos representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras. Na presentación participaron Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Xurxo Couto, deputado de Cultura de A Coruña; Henrique Alvarellos, presidente de Asociación Galega de Editoras (AGE); Ramón Fernández, presidente da Federación de Librarías de Galicia (FGL) e Diana Varela Puñal, secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Os premios Follas Novas pecharán unha nova edición de revisión e posta en valor da produción literaria e editorial do pasado ano en Galicia. Como xa é habitual, a entrega dos Follas Novas ponlle cumio a un proceso que, como salientaron todos os participantes na rolda de prensa, supón un exemplo de traballo cultural feito por sectores distintos do libro.

A gala dos premios Follas Novas, que se celebrará o vindeiro 22 de abril, será conducida por Patricia de Lorenzo, integrante de Chévere Teatro. A parte musical correrá a cargo do grupo Mallou, gañador da máis recente edición do premio NARF da Deputación da Coruña. A entrada é libre, pero é necesario solicitar un convite no correo da AGE (s.tecnica@editorasgalegas.gal). No mesmo acto deuse a coñecer a estrea na web que reunirá a información dos premios desde a súa primeira edición ata esta oitava, todas elas celebradas en Santiago.

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras, apuntou a importancia do traballo feito desde a primeira edición destes premios, “nos que se reuniron os tres sectores do mundo do libro para ganar visibilidade e proxección para todos”. Alvarellos sinalou que esta é unha celebración “festiva que temos que entender como unha das festas culturais de Galicia”.

No mesmo sentido, a secretaria da AELG, Diana Varela, sinalou que esta gala e o conxunto dos premios supoñen non só “unha festa literaria, editorial ou libreira, é unha festa cultural para todo o conxunto da cultura galega”.

Ramón Domínguez, presidente da FLG, cualificou os premios como unha “festa moi sólida que necesita o compromiso de todos para seguir medrando, para ganar visibilidade diante da sociedade galega”.

Xurxo Couto, deputado de Cultura de A Coruña, estes premios son unha maneira de ditinguir “as mellores obras e unha celebración da riqueza literaria e identitaria”. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta, apuntou que os Follas Novas son unha oportunidade de visibilizar máis o libro unha vez superada a pandemia, “unha época na que a xente volveu descubrir a lectura, o noso traballo agora é fidelizar eses lectores e lectoras”.

Mercedes Rosón, tenente alcalde e responsable de Acción Cultutal do Concello de Santiago, destacou a importancia de ver traballar ao conxunto do sector e que os “premios representan a excelencia creativa do país e o momento en que se encontran as letras e o sector do libro en Galicia”.

Premios honoríficos

Cada unha das tres asociacións organizadoras entrega na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais. Os galardóns desta edición son para Ediciós do Castro, pola Asociación Galega de Editoras; a libraría Númax, pola Federación de Librarías de Galicia, e a escritora mexicana con orixes galega Lydia Cacho, nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como escritora galega universal.

Ediciós do Castro

O premio da Asociación Galega de Editoras é para a histórica editorial Ediciós do Castro por ter contribuído de maneira tan decisiva á existencia do libro galego e por unha traxectoria que exemplifica como poucas o compromiso co saber e a literatura galega. Henrique Alvarellos salientou a “extraodinaria importancia histórica desta editoral que agora cumpriría sesenta anos”. O premio será recollido por Xosé Díaz, fillo do fundador da editorial, Isaac Díaz Pardo.

Libraría Númax

O recoñecemento da Federación de Librarías de Galicia é este ano para a Libraría Númax, de Santiago de Compostela. O presidente das Librarías explicou que Númax representa todo o que se pode esperar dunha libraría, “unha libraría con inquedanzas, con curiosidade intelectual, con moitas actividades, e integrada nun espazo cultural cunha oferta leva de man cine e libros”.

Lydia Cacho

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Lydia Cacho, xornalista mexicana, con raíces galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos, como Escritora Galega Universal en 2023, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra. A AELG salienta con este recoñecemento o seu traballo sobre o feminicidio en Ciudad Juarez, polas súas investigacións sobre a prostitución infantil.

Listado Finalistas dos Premios Follas Novas 2023

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
– A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Daniela Ferrández Pérez. Edicións Xerais de Galicia
– A música das palabras. Darío Xohán Cabana. Edicións Xerais de Galicia
– Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza. María do Cebreiro. Editorial Galaxia

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
– Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo. Marilar Aleixandre e Emma Pedreira. Editorial Galaxia
– O libro negro da lingua galega. Carlos Callón. Edicións Xerais de Galicia
– Memoria diversa. Eva Mejuto. Deputación da Coruña

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
– Non penses nun elefante rosa. Antía Yáñez. Edicións Xerais de Galicia
– Os seres queridos. Berta Dávila. Edicións Xerais de Galicia
– O tradutor de sombras. Moncha Fuentes. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA INFANTIL
– Animalario de ler a diario. Eduard Velasco (autor), Nuria Díaz (ilustradora). Edicións Xerais de Galicia
– O gran libro da nosa horta. Blanca Millán. Edicións do Cumio
– O neno de lume. Ledicia Costas (autora), Iván R. (lustrador). Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA XUVENIL
– A ladroa da biblioteca de Meirás. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia
– A lebre mecánica. Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia
– Que me pare o corazón se te esquezo. Andrea Maceiras. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
– Cando leo. Bea Gregores, (autora, Eva Mejuto). Edicións Xerais de Galicia
Verme. Federico Fernández. Germán González. Kalandraka Editora
– Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente. Ramón D. Veiga (autor), Iván R. (ilustrador) Edicións Embora

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
– Miñoca e pega. Iván Raña, Ramón Veiga. Edicións Xerais de Galicia
– Pequena historia de Vigo. Pedro Feijoo, Xosé Tomás. Edicións Embora
– Roxín Roxal. A daga do conde. Manel Cráneo, Brais Fierro. Demo Editorial

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
– Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero). VV. AA. Edición de Marta Dacosta. Chan da Pólvora Editora
– Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
– Entre leiras e labores (antoloxía verbo-visual de autoras galegas). VV. AA. Editora Urutau

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
– Carol. Patricia Highsmith / Traducido por María Alonso Seisdedos. Kalandraka Editorial
– Léxico familiar. Natalia Ginzburg/ Traducido por María Alonso Seisdedos. Editorial Laiovento
– O verán en que miña nai tivo os ollos verdes. Tatiana Țîbuleac / Traducido por Andreea Birsanu. Rinoceronte Editora

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
– Barroco. Antía Otero. Apiario
– Materia. Yolanda Castaño. Edicións Xerais de Galicia
– Montaña Ioga. Lupe Gómez. Edicións Espiral Maior

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
– As alumnas. Paula Carballeira. Editorial Galaxia
– Chévere (1987-2022).Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
– Estrela… fugaz? Carlos Labraña. Editorial Galaxia

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
– Barroco. Antía Otero. Apiario
– Chévere (1987-2022), Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
– Criptografías. Pepe Cáccamo e Baldo Ramos. Alvarellos Editora

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
– Canle de Youtube de Neeumatiko
– Surfeando libros
– Traballadoras das Bibliotecas Municipais da Coruña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.