fbpx

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño

When:
20 Maio, 2022 – 20 Xullo, 2022 all-day
2022-05-20T00:00:00+02:00
2022-07-21T00:00:00+02:00
Where:
Museo Centro Gaiás
Cost:
Free

A mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación “la Caixa”, recala na Cidade da Cultura como última parada do seu percorrido pola xeografía galega. A exposición reúne dez traballos de fotografía e vídeo de artistas actuais, tanto galegos como de fóra do país, que presentan unha nova ollada audaz e orixinal sobre a Ruta Xacobea.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta mostra, que poderá visitarse de balde ata o 20 de xullo no Gaiás e está incluída dentro da programación cultural para o Xacobeo 21-22. Seis grandes contedores de barco transformados en salas de proxección albergan as propostas artísticas que dan forma a “un itinerario de múltiples caras no que ten cabida a paisaxe e o territorio, a historia, a vertente espiritual pero tamén as emocións da experiencia do Camiño”, manifestou.

Desde Galicia achegan as súas interpretacións Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, que se conxugan coas de notables fotógrafos internacionais aproveitando as conexións das rutas de peregrinación a Santiago de Compostela. Así, o traballo de Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum, representa o Camiño Inglés; André Cepeda, o Camiño Portugués; Michel Le Belhomme, o Camiño Francés; mentres os españois Miguel Ángel Tornero e Cristina de Middel —Premio Nacional de Fotografía en 2017— mostran nos seus traballos a Vía da Prata e a Ruta da La, respectivamente.