fbpx

Axenda

Xul
14
Xov
Raniero Fernández. O arquivo
Xul 14 2022 – Feb 12 2023 all-day

O CGAC acolle desde o 14 de xullo unha nova proposta expositiva que revisa desde unha perspectiva contemporánea a obra dun dos fotógrafos galegos de referencia nos anos 50 e 60, o vigués Raniero Fernández. A exposición súmase ás outras dúas que mantén abertas o museo estes meses dentro da súa programación de verán, que se centran na performance, as artes vivas e a fotografía.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da mostra, na que estivo acompañado do director do CGAC, Santiago Olmo, e dos comisarios Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.

O representante da Consellería de Cultura, FP e Universidades destacou a capacidade desta exposición para “achegar unha nova visión da prolífica obra do que foi un dos fotógrafos galegos de referencia da súa época, cuxo legado merece ser divulgado”, indicou. Neste sentido, recordou o papel de Raniero Fernández como presidente da Agrupación Fotográfica Gallega, cando se converteu, dixo, en dinamizador da actividade cultural da súa cidade natal, Vigo, e gran parte de Galicia “como tamén quedou reflectido na súa obra”.

Anxo M. Lorenzo valorou o traballo do fotógrafo vigués ao ser quen de retratar “parte da nosa historia cun estilo diferente para a súa época, con imaxes do porto de Vigo que hoxe en día son testemuña da pegada da emigración a América da década dos 50 ou coa súa visión particular de elementos etnográficos propiamente galegos”, engadiu.

Valor documental

A exposición Raniero Fernández. O arquivo divulga a obra do fotógrafo vigués desde unha perspectiva contemporánea. Inclúe pezas da década dos 50 e 60 nas que retrata a Galicia da emigración, o mundo rural desde unha perspectiva idealizante como é costume na fotografía non profesional. Tamén inclúe fotografías que adquiren un importante valor documental como imaxes de mulleres vendendo leña ou leite no centro de Pontevedra ou unha muller levando o leite en burro en Lugo xunto a fotografías da feira de Santiago de Compostela, un tema recorrente desde principios dos 40.

A mostra que pode visitarse ata o 12 de febreiro conta, ademais, con series de cruceiros e hórreos dos que ten catalogados máis de 400 negativos. Esa mesma procura arquivística empregouna tamén para abordar a temática da ourivaría relixiosa, xerando series que hoxe, á luz da fotografía contemporánea, adquiren un importante interese ao traer á mente a obra de artistas coetáneos. Co obxectivo de revisar a obra do fotógrafo vigués desde unha óptica actual, pero contextualizándoa na súa época inclúense tamén obras doutros fotógrafos como Ferrol, Losada, Rueda, Schimidt de las Heas, Terré, Veiga Roel e Zamora.

Tres exposicións

Raniero Fernández. O Arquivo súmase ás outras dúas exposicións que mantén abertas o CGAC durante todo este verán. Por unha banda, pode visitarse ata o 2 de outubro O museo como escenario, dedicada ás artes vivas, á performace e a fenómenos escénicos. A partir das propostas de Rosana Antolí, Marta Pazos e Berio Molina, os espazos do CGAC convértense nun lugar de produción e experimentación onde as instalacións creadas polos artistas funcionan de xeito autónomo, pero tamén poden ser activadas polo espectador.

Ademais, o CGAC tamén ten aberta a exposición Nalgures da australiana Narelle Jubelin, coa que se afonda na memoria da paisaxe. Entre outras obras, a artista inclúe por primeira vez nunha exposición outras creacións artísticas, como pezas descatalogadas de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, algunhas pertencentes ao Laboratorio de Formas e poderá visitarse ata mediados de outubro.

Out
21
Ven
Exposición ‘De lugares e cousas. Colección de arte Banco Sabadell’
Out 21 2022 – Abr 17 2023 all-day

Por definición, un lugar é espazo determinado capaz de acoller unha cousa calquera. O que nos permite caracterizar e distinguir un lugar de outro é precisamente a natureza do que contén (persoas, cousas, pensamentos) e os procesos e o tempo nos que foi constituído. Memoria, identidade, pertenza ou límite son algúns dos conceptos fundamentais que ligamos aos lugares e os dotan de sentido para nós.

De lugares e cousas é unha exposición que reflexiona, a través da arte contemporánea, sobre os símbolos, significados e sentidos cos que dotamos e construímos os lugares, e tamén sobre a relación da obra artística cos espazos que habita.

A través de 41 obras pertencentes aos fondos da Colección de Arte Banco Sabadell, De lugares e cousas trae ao Gaiás pezas dalgúns dos artistas contemporáneos e actuais máis relevantes de Galicia, España e tamén Portugal.

Referentes como Eduardo Chillida, Esther Ferrer, Antoni Tàpies, Isidoro Valcárcel Medina, José Pedro Croft ou Susana Solano, entre outros, están presentes canda pezas de Cristina Iglesias, Jaume Plensa, Dora García, Alicia Framis, Jordi Colomer ou David Bestué. Da parte galega, participan na mostra Manolo Paz, Ángela de la Cruz, Antón Patiño e Christian García Bello.

Tres xeracións de artistas

De lugares e cousas reúne tres xeracións de artistas, dos máis relevantes de Galicia, España e Portugal, cos que percorremos a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século XX ata os nosos días.

Na mostra atopamos pezas de figuras fundamentais que abriron novos camiños na pintura, a escultura e a arte plástica. Pioneiros do informalismo e da abstracción, e tamén da arte conceptual: Antoni Tàpies, Jorge Oteiza, Isidoro Valcárcel-Medina, Eduardo Chillida, Esther Ferrer, Jorge Teixidor, Miquel Navarro, Ana Jotta, Antón Patiño e Sergi Aguilar.

A segunda xeración está composta por artistas nacidos maiormente entre finais dos 40 e dos 50. Atopamos aquí traballos que afondan na experimentación coa técnica e os materiais para crear propostas que reflexionan sobre a relación da arte coa literatura e a palabra, os medios de comunicación de masas, a natureza ou a arquitectura, realizadas por Txomin Badiola, Manolo Paz, Susana Solano, Jaume Plensa, Pedro Cabrita Reis, Cristina Iglesias, Juan Ulsé, Pep Durán, José Pedro Croft, Ignasi Aballí, Montserrat Soto e Lluis Hortalà.

Rematamos o noso percorrido coas creacións de artistas nacidos a partir da década dos 60 que continúan a exploración fóra dos límites, tanto da obra artística como da súa relación co espazo de exhibición: Mar Arza, Irma Álvarez-Laviada, Alicia Framis, José Dávila, Ángela de la Cruz, Alberto Peral, Dora García, Itziar Okariz, Oriol Vilapuig, Mateo Maté, Jordi Colomer, David Bestué, Christian García Bello e Teresa Solar Abboud.

Arte en relación

Nesta exploración da relación simbólica da arte en relación cos obxectos e cos lugares, a arquitectura, a natureza e a cidade están moi presentes ao longo de toda a mostra. Así, atopamos en De lugares e cousas obras que reflexionan sobre os espazos urbanos —Maravillas e Prototipos (2), de Jordi Colomer—, que empregan elementos arquitectónicos para dotalos dun novo sentido —La habitación de la arquitectura prohibida, de Alicia Framis—, e outras que traballan a partir de elementos naturais como materia prima ou obxecto de representación. Isto último vémolo, por exemplo, na estrutura de panal en madeira de Vértigo, de Manolo Paz ou en Phreatic Zones Studi IV, de Cristina Iglesias, onde o cobre recrea a idea dos acuíferos.

Outro elemento común en varios dos artistas que compoñen a mostra é o traballo en relación coa escrita, a literatura e a poesía. A modo de exemplo temos a escultura We, de Jaume Plensa, composta por letras realizadas con oito alfabetos distintos que permiten construír, a pesar da disparidade lingüística, unha figura única, reflexiva e transparente. Dora García, Ignasi Aballí e Mar Arza son outras dúas artistas que traballan con palabras, fragmentos de libros e referencias literarias para construír mundos poéticos e visuais.

Por último, hai en De lugares e cousas unha corrente adicional na que a obra fai evidente a construción dunha relación co propio feito artístico, ben con autoras, autores e movementos anteriores ben coa sociedade na que se inscribe e como esta percibe a arte contemporánea. David Bestué, Ana Jotta, Irma Álvarez-Laviada, José Dávila ou Isidoro Valcárcel Medina son algúns exemplos de creadores que traballan nesta liña. Pezas reflexivas, irónicas, humorísticas incluso, que revisan a modernidade da escultura e da pintura e o seu papel na sociedade actual.

Colección de Arte Banco Sabadell

A Colección de Arte Banco Sabadell foise ampliando ao ritmo do crecemento do banco. A maioría das obras son actuais e, como é habitual, foron adquiridas pola súa calidade artística, o seu valor innovador e o que poidan supoñer de investimento, ademais do seu valor decorativo. En tal sentido, cómpre lembrar que unha das cuestións que a singularizan é, precisamente, a función de decoración dos espazos de traballo e de relación cos clientes e os accionistas do banco. Daquela, valores e estética conxúganse para se converter nun elemento destacado da imaxe e da marca Banco Sabadell.

Nov
3
Xov
‘Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero’
Nov 3 2022 – Xan 15 2023 all-day

A Fundación Luis Seoane abrirá as súas portas o vindeiro xoves 3 de novembro á mostra ‘Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero’, que lle achegará á cidadanía o percorrido e traxectoria de tres destacadas pioneiras da fotografía na historia da axencia Magnum, fundada no ano 1947 por prestixiosos profesionais do gremio como Robert Capa, Henri Cartier-Bresson, Maria Eisner e Rita Vandivert, entre outros. 

A exposición, producida polo Centro Niemeyer de Avilés en colaboración coa propia axencia e Contacto Grupo Europa Press, conta co apoio do Concello da Coruña e, en paralelo, do Instituto Asturiano de la Mujer, Fundación EDP, Ariexca e Universidade de Oviedo, e a Deputación de Valencia. 

Desta forma e ata o día 15 de xaneiro de 2023, o público asistente poderá achegarse polo miúdo á historia da primeira muller que ingresou na axencia Magnum. Foi a norteamericana Eve Arnold (Filadelfia, Estados Unidos; 1912), que desde o ano 1951 e a través do seu obxectivo amosou os cambios sociais experimentados pola sociedade dos Estados Unidos da época, así como unha ollada nova sobre o mundo do cinema, máis afastada da perspectiva hollywoodense e próxima á vida diaria de figuras da sétima arte como Marilyn Monroe, Paul Newman e Marlene Dietrich. 

Tras Arnold, incorporouse á axencia Magnum a austríaca-estadounidense Inge Morath (Graz, Austria; 1923), discípula de Cartier-Bresson e que, ao igual que Arnold, mantivo unha especial relación co cinema e un dramaturgo como Arthur Miller. A súa obra recolle, ademais, persoeiros como Yves Saint Laurent ou Ingrid Bergman, pero tamén amosa a súa sensibilidade a pé de rúa, con persoas anónimas das rúas en cidades como Londres e Teherán, que enchen de vida as súas imaxes. 

A exposición ‘Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero’ achega, ademais, o traballo da primeira fotógrafa española na axencia Magnum. Cristina García Rodero (Puertollano, Ciudad Real; 1949), comezou a percorrer o país na década dos setenta co obxectivo de recoller, en imaxes, as súas festas, costumes populares, ritos e supersticións. Condensou este traballo na obra ‘La España oculta’, e deulle continuidade a este concepto, a escala global, viaxando por Europa do Leste, Haití, A India ou Etiopía, plasmando tamén en fotografías as tradicións e rituais locais. 

Nov
4
Ven
Exposición ‘Arte e memoria democrática’
Nov 4 2022 – Xan 8 2023 all-day

O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, presentou esta mañá a mostra ‘Arte e memoria democrática: a guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia’, unha exposición organizada polo Concello que, a través da expresión artística, convida a unha reflexión sobre o impacto dos conflitos armados sobre as persoas, tamén sobre as súas consecuencias e a dor que as guerras deixan tras de si. 

A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 8 de xaneiro na Casa Museo Casares Quiroga. Inclúe gravados como os ‘Desastres da Guerra’, onde Francisco de Goya reflicte, cunha visión moderna e comprometida, a violencia, a crueldade e a morte; tamén o traballo de Pablo Picasso, cos seus gravados de ‘Soño e mentira de Franco’, a través dos cales denunciou o levantamento militar que provocou a Guerra Civil. 

A exposición reúne, ademais, obras de recoñecidos artistas como Castelao, Luís Seoane, Arturo Souto, Isaac Díaz Pardo, Manuel Colmeiro, Xosé Conde Corbal e Xaime Quessada, que tamén se situaron en contra da violencia, a represión e a guerra. Todos eles canalizaron, por medio da arte, o seu compromiso e denuncia contra o sufrimento. 

O concelleiro Jesús Celemín subliñou que “as institucións públicas temos o deber de traballar pola divulgación histórica e contribuír a esclarecer o pasado, especialmente o que ficou silenciado”. Para isto, continuou Celemín, “a arte ten a capacidade de transmitir realidades á cidadanía, tamén a memoria, e o Goberno de Inés Rey está firmemente comprometido con esta causa”. 

Ademais, o catálogo da mostra ‘Arte e memoria democrática: a guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia’ pode descargarse, de forma gratuíta, aquí. 

O Concello e a UNED colaboran nun ciclo de conferencias paralelo á mostra 

Este venres, ás 17.00 horas, o Centro Asociado da UNED na Coruña abre as súas portas á presentación do ciclo de conferencias ‘Arte e memoria democrática’, unha actividade promovida polas áreas de Educación e Memoria Histórica, en colaboración coa UNED, e que se leva a cabo en paralelo á mostra da Casa Museo Casares Quiroga. 

Este ciclo, dirixido por Rosario Sarmiento e que terá continuidade ata mediados de decembro, abrangue cinco sesións, en formato mesa redonda, nas que historiadores e historiadoras e especialistas deste ámbito abordarán temas como a violencia e a guerra e o seu reflexo na arte contemporánea en Galicia, o exilio como vía de expresión intelectual e artística e o compromiso dos creadores plásticos fronte á realidade que lles tocou vivir. 

Á primeira das conferencias, ‘Arte e guerra, e o seu relato na arte contemporánea en Galicia’, que se impartirá esta tarde na UNED (17.00), seguirán outras catro sesións. Os días, horarios e localizacións previas son os seguintes: 

  • 8 de novembro (18.30 horas), na Casa Museo Casares Quiroga: ‘O exilio e a súa memoria como creación intelectual e artística’, coa participación de Abdón Mateos, catedrático de Historia Contemporánea da UNED.
  • 24 de novembro (18.30 horas), na Casa Museo Casares Quiroga: Mesa redonda ‘Creación plástica e compromiso’, coa participación de José Mª Luna director da Agencia Pública para la Gestión de la Casa Natal de Pablo Picasso; Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación Castelao; e José Gómez Alén, da Fundación Xaime Quesada Blanco.
  • 13 de decembro (17.00 horas), no Centro Asociado da UNED na Coruña: Mesa redonda ‘Os artistas da vangarda histórica española: Guerra e exilio’, coa participación de Mónica Alonso, do departamento de Historia da Arte da UNED); Inmaculada Real, do departamento de Historia da Arte da Universidade Complutense de Madrid) e María Vitoria Carballo-Calero, do departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo e Real Academia Galega de Belas Artes.
  • 15 de decembro (18.30 horas), na Casa Museo Casares Quiroga: Percorrido guiado pola mostra ‘Arte e memoria democrática’, con Rosario Sarmiento, directora do ciclo de conferencias e comisaria da exposición artística.

As conferencias tamén poderán seguirse por vía telemática, a través da canle das áreas municipais de Educación e Memoria Histórica en YouTube.