fbpx

Festival ‘Acento’

When:
21 Xuño, 2022 @ 7:30 p.m.
2022-06-21T19:30:00+02:00
2022-06-21T19:45:00+02:00
Where:
Terraza da SGAE-Santiago de Compostela
Cost:
Free

Fundación SGAE, a iniciativa do Consello Territorial SGAE Galicia, presenta a segunda edición do festival ‘Acento’. A creación musical en galego vive un momento de auxe xeralizado nos diversos estilos, e esta programación trata de ofrecer unha representación da escena actual: ‘Acento’ integra o neofolclore de Caamaño & Ameixeiras, a fusión popular de Momboi e unha sesión para bailar con Coolnenas DJ.

A Fundación SGAE organiza este evento o 21 de xuño, con acceso libre, nunha dobre conmemoración: o 25º aniversario da entidade e o Día Europeo da Música. O concerto celebrarase na terraza da SGAE en Santiago de Compostela (Parque Vista Alegre) e conta co apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22.

Programación

‘Acento’ celebrarase na terraza da SGAE en Santiago de Compostela o martes 21 de xuño, Día Europeo da Música, a partir das 19:30 horas.

O acceso é libre para todo o público no Parque Vista Alegre.

Artistas:

Caamaño & Ameixeiras

Caamaño & Ameixeiras caracterizan a renovación da música e o baile de raíz galega. Formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) en 2018, este dúo acumula numerosos concertos no ámbito galego e internacional. De natureza principalmente instrumental, malia que incorporando tamén temas vocais, Caamaño & Ameixeiras entenden a tradición como algo vivo e en constante cambio. As súas composicións e arranxos manteñen a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos.

O seu disco Aire!, no que participan tamén Fetén Fetén, Sílvia Pérez Cruz ou Abraham Cupeiro, foi recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría Folk e co 1º Premio no Folkez Blai 2021 (Ermua, País Vasco).

Momboi

Con orixe en Noia, Momboi presenta a fusión como sinal principal de identidade, mesturando con elegancia folk, rock, ritmos latinos e tradición galega. A banda debutou en 2019 con Ofrenda, un EP sorprendente que chegou como brisa fresca ao ecosistema musical. Esta mesma primavera de 2022, Momboi vén de publicar Vacacións en Ornanda, o seu primeiro disco longo, que toma como referencia estética o desaparecido Hostal Azteca da praia de Ornanda, en Porto do Son, para traer á memoria o turismo de explotación da costa de Galicia nos anos 90, segundo explica Brais Sánchez (letrista, cantante e guitarrista).

Momboi foxe da rixidez das etiquetas porque entende os xéneros como organismos mutantes: “Gústanos imaxinar que na música do futuro os moldes non romperán por completo, senón que deles han agromar novos estilos.”

Coolnenas DJ

O trío Coolnenas DJ é a proposta máis hedonista de dani, mariagrep e Kimberley Tell. Todas elas son coñecidas representantes do novo poder feminino no pop de 2022. A viguesa Dani Costas (dani) deu a badalada co seu primeiro disco, Veinte (2020), e dende aquela a súa carreira despegou como un foguete. A compostelá María Gallego (mariagrep) debutou co suxestivo Si un día (2021) e evolucionou cara o pop para bailar. A lanzaroteña Kimberley Tell lanzou nos tres últimos anos unha serie de cancións que a converteron en referencia actual do pop de dormitorio. As tres formaron Coolnenas DJ para picar a música que lles gusta: as súas sesións son festas para bailar, saltar e cantar.

En ‘Acento’ presentaranse en formato de dúo, con dani e Kimberley Tell, e prometen pechar o festival en todo o alto.