fbpx
CompostelaCos nosos ollosCulturaNovas

A peste ou a importancia excesiva ao noso eu

Por Marta Seoane

A versión teatral de Cándido Pazó baseada na novela de Camus, ‘A peste’, desenvólvese no século XX na localidade arxelina de Orán. Narra os estragos dunha epidemia que causa centenares de mortes a diario. A propagación imparábel da enfermidade obrigará ás autoridades a impoñer un severo illamento.

A capacidade de sacrificio do doctor Rieux, protagonista de ‘A peste’, pon de manifesto que atribuimos unha importancia excesiva ao noso eu. A grandeza do ser humano reside na súa capacidade de amar, non na súa ambición persoal. Rieux non se acostuma a ver morrer aos seus pacientes. A vida é absurda, ilóxica. A intelixencia do home só o fai máis desgraciado, pois amósalle que o universo está gobernado polo azar. Camus admite que sen a perspectiva do sobrenatural, todas as vitorias do home son pasaxeiras. A vitoria definitiva e total corresponde á morte.

As actuacións desta obra son un gran acerto. Todas elas están a un bo nivel, como mínimo; o profesionalismo dos actores e actrices, e o seu traballo da sustento á proposta. Eles e elas logran manter as escenas, o conflito e as necesidades da acción dramática á que se xoga a obra. Nacho Castaño realza o seu personaxe dotándoo de profundidade e caracterizándoo verdadeiramente. O elenco complétase con Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Salvador Del Río, Casilda García, Paku Granxa, Luis Iglesia, Antonio Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante.

O deseño da obra é unha das cousas máis destacábeis da función. O decorado atrae a atención do público, xa que consta duns paneis cambiantes, os cales transforman a cor a medida que a peste vai matando aos veciños. Sen dúbida, esta é unha das facetas máis peculiares da obra.

Por outra parte, a medida que se desenvolve a historia, tamén conta cunha proxección en lingua de signos nos laterais do escenario. Esta medida paréceme moi interesante, e un gran paso a prol da inclusión.

Esta é unha obra que paga a pena ver; non só pola calidade teatral, senón tamén polas reflexións sacadas da historia. Ao finalizar de ver esta representación, é inevitábel atopar as similitudes da situación da peste negra, coa vivida actualmente na pandemia.

Se tedes ocasión, non perdades a oportunidade de vela.

 

ONDE? 

Salón Teatro en Santiago de Compostela

CANDO?

Ata o 13 de marzo, con sesións ás 18:00 horas os mércores e domingos e ás 20:00 horas de xoves a sábado.