fbpx

Celebración Picasso 1973-2023

When:
1 Febreiro, 2023 – 31 Decembro, 2023 all-day
2023-02-01T00:00:00+01:00
2024-01-01T00:00:00+01:00
Where:
A Coruña

A Coruña será unha das sedes, xunto a Málaga, Barcelona, Madrid e Bilbao, da conmemoración do 50 aniversario do falecemento de Pablo Ruiz Picasso.

Picasso viviu na Coruña entre 1891 e 1895, dos 9 aos 13 anos. Esta foi unha estadía clave na súa formación como artista, xa que desta época datan as súas primeiras pinturas e as súas primeiras exposicións. Os actos procuran non só reivindicar a cidade como eixo da influencia na arte de Picasso, senón poñer o foco na importancia da educación nas artes a temperá idade.

A ‘Celebración Picasso 1973-2023’ contará con máis de 30 actividades ao longo do ano na Coruña. A programación está formada por exposicións, conferencias, congresos e actividades para todas as idades, que se desenvolverán de febreiro a decembro na cidade. Un dos actos principais será a exposición ‘Picasso branco no recordo azul’, que se poderá visitar no Museo de Belas Artes de marzo a xuño e que promoven o Concello e a Xunta de Galicia. O Quiosco Alfonso tamén será unha das sedes desta homenaxe coa mostra ‘En pretérito seguinte’, na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe.

Outro dos escenarios centrais será a Casa Museo Picasso, na que o Concello executará este ano traballos de reforma dun dos andares. Alí haberá tres actividades repartidas ao longo do ano. Por unha banda, a exposición ‘Abrindo a nosa colección’, que se dividirá en tres etapas (de decembro a xaneiro, de febreiro a abril e de agosto a outubro) e amosará documentos e obras que forman parte da colección e arquivo municipal e fondos da biblioteca da Asociación Pablo Picasso relativos á súa etapa coruñesa.

A partir do 28 de abril e no contexto da programación do Encontro Mundial de Humoristas 2023, levarase a cabo a mostra ‘O Guernika, unha viñeta universal – Humor na escuridade’.

Por último, a exposición ‘A miña casa’ estará dispoñible de outubro a decembro e amosará o traballo de ilustradores de Coruña Gráfica en homenaxe a Pablo Picasso.

Por outra banda, a Fundación Luís Seoane realizará dúas importantes actividades do programa. En abril, o terceiro Congreso Internacional de Arte e Educación centrará a súa edición deste ano no artista. Entre outras cuestións, analizaranse os eixos temáticos que o vinculan á arte española e as ferramentas da súa creación que son útiles para a educación artística. Haberá tamén na Luís Seoane o ciclo de conferencias ‘Protagonistas’, no que se falará de musas, amantes, modelos e investigadoras arredor do universo de Picasso. Será unha sesión ao mes de febreiro a outubro e o seu obxectivo será amosar o papel fundamental da muller na obra do artista.

Outra exposición en homenaxe a Picasso será ‘Pablo Ruiz en mi’, de abril a maio en Palexco, do artista cubano Nelson Villalobo.

A programación complétase con actividades didácticas para todas as idades, o impulso e a visibilidade da creación contemporánea na cidade a través dun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a ‘Torre de Caramelo’, denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.