fbpx

Axenda

Feb
1
Mér
Celebración Picasso 1973-2023
Feb 1 – Dec 31 all-day

A Coruña será unha das sedes, xunto a Málaga, Barcelona, Madrid e Bilbao, da conmemoración do 50 aniversario do falecemento de Pablo Ruiz Picasso.

Picasso viviu na Coruña entre 1891 e 1895, dos 9 aos 13 anos. Esta foi unha estadía clave na súa formación como artista, xa que desta época datan as súas primeiras pinturas e as súas primeiras exposicións. Os actos procuran non só reivindicar a cidade como eixo da influencia na arte de Picasso, senón poñer o foco na importancia da educación nas artes a temperá idade.

A ‘Celebración Picasso 1973-2023’ contará con máis de 30 actividades ao longo do ano na Coruña. A programación está formada por exposicións, conferencias, congresos e actividades para todas as idades, que se desenvolverán de febreiro a decembro na cidade. Un dos actos principais será a exposición ‘Picasso branco no recordo azul’, que se poderá visitar no Museo de Belas Artes de marzo a xuño e que promoven o Concello e a Xunta de Galicia. O Quiosco Alfonso tamén será unha das sedes desta homenaxe coa mostra ‘En pretérito seguinte’, na que os artistas contemporáneos da cidade amosarán a súa inspiración na paisaxe e na vida na Coruña de hoxe.

Outro dos escenarios centrais será a Casa Museo Picasso, na que o Concello executará este ano traballos de reforma dun dos andares. Alí haberá tres actividades repartidas ao longo do ano. Por unha banda, a exposición ‘Abrindo a nosa colección’, que se dividirá en tres etapas (de decembro a xaneiro, de febreiro a abril e de agosto a outubro) e amosará documentos e obras que forman parte da colección e arquivo municipal e fondos da biblioteca da Asociación Pablo Picasso relativos á súa etapa coruñesa.

A partir do 28 de abril e no contexto da programación do Encontro Mundial de Humoristas 2023, levarase a cabo a mostra ‘O Guernika, unha viñeta universal – Humor na escuridade’.

Por último, a exposición ‘A miña casa’ estará dispoñible de outubro a decembro e amosará o traballo de ilustradores de Coruña Gráfica en homenaxe a Pablo Picasso.

Por outra banda, a Fundación Luís Seoane realizará dúas importantes actividades do programa. En abril, o terceiro Congreso Internacional de Arte e Educación centrará a súa edición deste ano no artista. Entre outras cuestións, analizaranse os eixos temáticos que o vinculan á arte española e as ferramentas da súa creación que son útiles para a educación artística. Haberá tamén na Luís Seoane o ciclo de conferencias ‘Protagonistas’, no que se falará de musas, amantes, modelos e investigadoras arredor do universo de Picasso. Será unha sesión ao mes de febreiro a outubro e o seu obxectivo será amosar o papel fundamental da muller na obra do artista.

Outra exposición en homenaxe a Picasso será ‘Pablo Ruiz en mi’, de abril a maio en Palexco, do artista cubano Nelson Villalobo.

A programación complétase con actividades didácticas para todas as idades, o impulso e a visibilidade da creación contemporánea na cidade a través dun Festival Internacional de Muralismo ou unha curtametraxe sobre a ‘Torre de Caramelo’, denominación que empregaba Picasso para describir a Torre de Hércules.

Xuñ
28
Mér
1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega
Xuñ 28 – Nov 12 all-day

‘1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega’, é un ensaio expositivo sobre arte urbana, inédito no noso País. O proxecto xurde como continuación do traballo de investigación sobre arte urbana feminista de 7H Cooperativa Cultural, baixo a mirada das especialistas en graffiti e muralismo contemporáneo, Amabel González Troncoso e Clara Rodríguez Cordeiro, comisarias da mostra, un traballo que é froito dunha inxente labor de investigación desde unha revisión feminista do movemento.

Por vez primeira na historia da arte galega celébrase a primeira exposición en España sobre a historia da arte urbana feita por mulleres galegas en formato cronolóxico, e onde por vez primeira saen á luz algunhas das artistas. Tamén por primeira vez, un espazo de arte público amosa o desleixo mostrado ata agora por esta especialidade artística na historia da arte oficial e nos espazos que a sustentan. Actualmente é moi difícil atopar unha análise teoórica do movemento que contextualice a súa contribución á historia da arte desde unha perspectiva de xénero; a publicación ‘Cando elas toman os muros: feminismo e arte urbana (2022) de 7H’, editada pola UDC, é punto de partida para esta exposición.

A partir da numerosa documentación achegada por artistas e coleccionistas de toda Galicia, constrúese unha persoal xenealoxía na procura de deconstruir a tan extendida idea da suposta ausencia de mulleres que pintan na rúa. Unha historia da arte paralela á institucional que reúne o traballo de diferentes xeracións de creadoras combatindo os estereotipos de xénero con feitos históricos como o que demostran que o primeiro graffiti realizado en Galicia foi obra dunha muller Seor, en 1984, data que toma como punto de partida o proxecto que se desenvolve no percorrido expositivo. Este, cun carácter subversivo e rebelde ata a actualidade, amosa o traballo tan diverso feito o longo de case 40 anos pintando os muros de Galicia. A cultura underground, bandeira da liberdade, en moitas das súas variantes, pola contra amosou unha enorme falta de igualdade entre os seus actores masculinos e femininos na súa presenza na rúa, en festivais ou concursos. Esta arte é unha forma de loita e posicionamento máis que propio.

Estas artistas desafiaron os límites sociais, cos seus diversos fundamentos, motivacións e formas de expresións. Algunhas por vez primeira atoparan a confianza necesaria para contar unha realidade que na súa contra asumiron como normal pero agora aproveitan para denunciar. Tiveron que pintar en espazos non seguros, sufrir agresións verbais ou físicas polo feito de ser muller artista na rúa. Algunhas delas, por mor de diversas dificultades non continuaron, pero moitas fixeron da súa experimentación coa arte urbana todo un medio de vida profesional incorporándose a outros sistemas creativos, como as belas artes, o deseño, a ilustración ou as artes aplicadas.

Desde entón, a evolución de estilos, formatos e disciplinas non deixou de medrar, e moitas destas artistas conseguiron converter en profesión a súa experimentación dentro dun movemento marxinal no sistema da arte -ilegal en moitas ocasións– onde as posibilidades se mesturan coas trabas e coas dificultades que supón ser muller creadora no espazo público.

A persoa espectadora reflexionará sobre os prexuízos que probablemente teña sobre a arte urbana en xeral, e feita por mulleres en particular, non por dócil empatía, senón para derribar conceptos preconcebidos de índole educacional patriarcal. A exposición ‘1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega’ quere reforzar os referentes e motivar a creación e consolidación de redes e que, neste 2023, as crenzas de que as mulleres non pintan queden desterradas.

A mostra percorrerá as obras das seguintes artistas galegas: AËR / ALDARA THUNDERBIRD / XOANA ALMAR / TAMARA BAZ / LIDIA CAO / ABI CASTILLO / CATA UKELELE / DOA OA / DUNE / EME / EXPOSTAS / IRIA FAFIÁN / FERCHO / FESTA / FUNE / LULA GOCE / HYDRA / IRA / PORTE JEREMÍAS / KYA / LUPITA HARD / MISS 7 / NANA / ANDREA OTERO VÁZQUEZ / IRIA PROL / SAX / SELMA / SEOR / SMILE / SOURIS / SUELO /

A exposición permanecerá aberta até o 12 de novembro. A entrada é de balde e estará aberta todos os días de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h (os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h). No mes de xullo e todos os domingos a sala permanecerá pechada.