fbpx

Volta atrás: novas restricións para a hostalaría e espectáculos co público sentado

Café de Altamira. Foto: Iván Barreiro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou en rolda de prensa das novas medidas acordadas polo comité clínico, e entre as que destaca a decisión de limitar a apertura dos locais de hostalería e restauración ás 00,00 da madrugada, e do ocio nocturno ás 2,00.

No caso da hostalería e a restauración, os venres e os sábados poderán ampliar os seus horarios de apertura até as 1:00h.

Entre as novas medidas, que entrarán en vigor ás 00,00 horas do día 31 de decembro, e que estarán vixentes ata o día 18 de xaneiro, destacan a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día, e tamén a volta da prohibición de consumir nas barras dos locais.

Sanidade tamén remitirá ao Tribunal Superior de Xustiza unha solicitude para establecer a limitación de xuntanzas de persoas non convivintes en espazos públicos entre ás 2,00 e ás 6,00 horas, polo que, de ser ratificado, durante esas horas só poderán transitar pola rúa persoas soas, ou membros dunha mesma unidade familiar.

O responsable de Sanidade, recomendou evitar a asistencia a eventos masivos que, en todo caso, serán con público sentado, tanto en interior como en exterior.

Medidas específicas para Noitevella e o Día de Reis

No que atinxe dun xeito específico á festividade de Noitevella, os locais de hostalería e restauración deberán pechar os seus locais a 1,00h da madrugada, mais, co ánimo de evitar que se retomen as xuntanzas, non poderán voltar a abrir os seus locais antes das 10,00 da mañá do día 1 de xaneiro.

Respecto das ceas e comidas do último día do ano, Sanidade recomenda xuntanzas cun máximo de dúas unidades familiares e, preferiblemente, que sexan as mesmas do día de Nadal. No caso de levarse a cabo en lugares públicos, establécese o límite de 8 persoas na mesma mesa, en interior, e un máximo de 10 no exterior.

En canto ás cabalgatas do Día de Reis, García Comesaña precisou que é necesario minimizar as posibles aglomeracións, ademais de recomendar que esta sexan estáticas.

Concerto das pasadas festas da Ascensión celebrado no Obradoiro. Foto: Iván Barreiro

Inxustamente castigados

A Asociación Hostalaría Compostela amósase moi preocupada pola situación que atravesa o sector nesta recta final do 2021 e comezo do 2022 e denuncia que o sector volve a ser “inxustamente castigado”. As novas restricións anunciadas hoxe pola Xunta de Galicia poden, segundo esta entidade, “ser fatais para unhas economías xa moi tocadas“.

Neste senso, Hostalaría Compostela destaca que o sector leva case dous anos acatando as normas sanitarias, adaptándose a multitude de cambios e demostrando que os seus espazos son seguros. “Os nosos negocios levan demasiado tempo realizando un gran esforzo. Pedimos que se teña en conta e se garanta a nosa supervivencia”, afirman desde a Xunta Directiva.

Segundo detallan nun comunicado de prensa, os restaurantes da cidade acumulan xa varias semanas de cancelacións, nunha época do ano que tradicionalmente supoñía unha elevada facturación polas comidas e ceas de Nadal. “Ter que suspender estas celebracións supón unhas perdas cuantiosas para os locais porque as mercancías están compradas e os contratos do persoal feitos”, sinalan. “O mesmo ocorre co ocio nocturno que, unha vez máis, resulta enormemente prexudicado”, engaden.

Por outra banda, a situación da rama da hospedaxe tamén é moi delicada. “Moitos dos hoteis e pensións asociados á entidade decidiron pechar nestas datas debido á escasa demanda e aqueles que permanecen abertos apenas chegan ao 25% de ocupación”, apuntan desde o sector.

Importante incremento de casos positivos

No transcurso da súa intervención, o conselleiro de Sanidade salientou que o importante aumento de novos casos positivos nas últimas datas, así como a alta positividade das probas diagnósticas realizadas no conxunto da comunidade obrigou ao Comité clínico a adoptar novas medidas para a atallar a expansión do coronavirus.

Neste senso, o responsable de Sanidade informou que desde o inicio do mes de decembro as incidencias acumuladas -tanto a 7 como a 14 días-, incrementáronse dos 137 casos por 100.000 habitantes aos 621; e dos 221 aos 953, respectivamente.

Ademais o número de casos activos, pasou dos 5.973 que se rexistraban o 1 de decembro, até os 28.334 da xornada de hoxe e, a taxa de positividade, sitúase arredor do 15%.

A motivación da toma destas medidas, a pesares de que a meirande parte dos novos casos sexan leves grazas ao avance na vacinación, débese a que a explosión de casos está a xerar unha intensa presión asistencial na atención primaria e corre o risco de xerala nos hospitais, pois no caso de que esa pequena porcentaxe de ingresos se produza sobre un número de contaxios moi elevado xeraría a entrada nas plantas e nas unidades de críticos dun importante volume de pacientes que podería levar a ter que paralizar ou suspender actividade ordinaria, preduxicando a pacientes tanto covid como non covid.

A Xunta está a tomar medidas organizativas para automatizar a declaración como positivos das persoas que realicen un test de antíxenos, sen necesidade de que os profesionais de atención primaria soliciten unha PCR de confirmación. Nese mesmo sentido estase a traballar nunha solución centralizada para descargar noutros profesionais sanitarios a xestión da tramitación das incapacidades temporais que agora mesmo debe realizar cada médico de familia sobre os seus pacientes.

Galicia segue a ser unha das comunidades autónomas con maior porcentaxe de poboación vacinada, ocupando o primeiro lugar en porcentaxe de poboación con dobres doses, e tamén na porcentaxe de menores vacinados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.