CompostelaCulturaNovas

Os 33 espectáculos de Artes Escénicas que non debes perder no primeiro semestre de 2022 en Compostela

Presentación do programa de Artes Escénicas. Foto: Concello de Santiago

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2022. Estiveron acompañados polo director de AGADIC, Jacobo Sutil, pois algúns dos espectáculos prográmanse dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A programación conta tamén co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, así como do programa Platea do Ministerio de Cultura. Serán un total de 33 espectáculos, 45 funcións, que se poderán ver no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal de xaneiro a maio. As mellores propostas de teatro, danza e circo do momento… e unha programación destinada a público familiar que inclúe dous espectáculos especiais para bebés. Propostas variadas, dirixidas a todos os públicos e cuns prezos moi accesibles.

O programa arrinca os días 14 e 15 de xaneiro con ‘Shock 1. El cóndor y el puma’ e ‘Shock 2. La tormenta y la guerra’, baseados en ‘A doutrina do shock’ de Naomi Klein e coproducidos polo Centro Dramático Nacional. Andrés Lima dirixe ambas propostas que buscan representar a nosa historia como vontade para coñecernos mellor. Veremos en escena a Pinochet, Allende, Thatcher, Reagan, Mandela, a familia Bush, Aznar ou Saddam, entre outros moitos, representados por actores e actrices recoñecidos como Antonio Durán “Morris”, Alba Flores ou Willy Toledo.

O mes de xaneiro continúa coa estrea absoluta de ‘O deus do pop’ de Diego Anido os días 21 e 22 e péchase o 28 e 29 con ‘Cigarreiras’, obra baseada en ‘La tribuna’ de Emilia Pardo Bazán, dirixida e versionada por Cándido Pazó. Sobre o escenario, un elenco integramente feminino formado por algunhas das actrices máis recoñecidas do noso teatro: Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Berta Ojea, Ana Santos e Ledicia Sola.

A programación de febreiro estréaa Sarabela Teatro con ‘Morgana en Esmelle’, a adaptación da novela de Begoña Caamaño que fixo Ánxeles Cuña, quen tamén a dirixe. Quico Cadaval, Fina Calleja e Fernando Dacosta, entre outros, poñen sobre as táboas do Principal, os días 3 e 4, a magnífica novela que recibiu aplauso de lectores e de crítica. O día 11 poderemos ver ‘Golfa’, unha proposta de José Padilla que nos convida a ser testemuñas da sesión de sexoloxía que propón unha xuíza tras un caso de acoso virtual nun instituto.

O 12 de febreiro chega ao Auditorio ‘Rif (De piojos y gas mostaza’), a proposta do Centro Dramático Nacional, Micomicón e Apriori arredor da Guerra do Rif e as súas consecuencias cruciais no devir do século XX. E pechamos este mes os días 17 e 18 con ‘Smoke on the water’ de Ibuprofeno Teatro: unha traxicomedia sórdida arredor de sexo, drogas e rock and roll, dirixida por Santiago Cortegoso.

Marzo tráenos as outras dúas estreas absolutas da programación: os días 4 e 5, ‘Rastros’ de Roberto Vidal Bolaño coa adaptación e dirección de Lois Blanco e en coprodución co Centro Dramático Galego; e os días 11 e 12 ‘Morte accidental dun anarquista’ de Darío Fo, adaptada por Cándido Pazó e posta en escena por Talía Teatro.

O día 18 visitan o Auditorio de Galicia María Galiana, Juan Meseguer e Jimmy Roca para presentar ‘El abrazo’ de Christina Herrström, versionada e dirixida por Magüi Mira. A Panadaría proponnos en ‘As que limpan’, os días 24 e 25, adentrarnos na loita organizada das camareiros de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. E pechamos marzo co ‘Othello’ de Voadora o 26 e o 27. Marta Pazos dirixe o famoso texto de Shakespeare nunha nova versión que nos convida a deter o tempo e volver sobre os pasos da historia propoñendo un debate arredor da construción do xénero, a percepción dun-ha mesmo-a e as relacións e a estrutura do sistema patriarcal.

Barco Pirata e a Compañía Nacional de Teatro Clásico ofrécennos unha festa do teatro en ‘Castelvines&Monteses. Los amantes de Verona según Lope de Vega’. Será o día 2 de abril cando chegue ao Auditorio esta proposta dirixida por Sergio Peris-Mencheta, arredor do humor, o xogo, a música, a maxia, o clown e o baile. Un espectáculo case de circo que nos reconcilia co teatro do século de ouro. Os días 7 e 8 de abril, Excéntricas presentan a súa versión de ‘O porco de pé’ de Risco. Quico Cadaval dirixe este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón cun elenco formado por Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo.

O circo de Alba Serraute i Les Ofèlies chega da man de ‘Desdémona’ o 9 de abril. Outra visión do ‘Othello’ de Shakespeare, desde os ollos de Desdémona e contado coa linguaxe do circo a través de acrobacias, música e imaxes cargadas de poesía. O día 21 poderemos adentrarnos na historia de ‘La Panadera’, o relato de Concha, muller de 40 anos cunha vida tranquila que un día esperta coa nova de que polas redes sociais corre un vídeo seu mantendo relacións sexuais cunha parella que tivo hai 15 anos. Continúa a programación deste mes o día 22 cando Pecado de Hybris presenta ‘Talaré a los hombres sobre la faz de la tierra’, que pon a violencia emocional e sexual en relación coa violencia sobre o medio ambiente.

O 23 de abril Teatro en Vilo proponnos un relato desgarrador co que desprega toda a súa poética teatral, irreverencia tenrura e humor para achegarnos unha obra divertida e valente. Un canto aos perdedores e perdedoras, aos que nunca deixan de esperar o seu momento, en ‘Hoy puede ser mi gran noche’. E para pechar o mes, os días 28, 29 e 30 de abril teremos unha tripla proposta de danza: ‘El hijo’ de Daniel Abreu, que fala do vínculo cos proxenitores, co lugar de onde ves; ‘O raro é que bailar sexa raro’ de Vacaburra, que nos invita a reflexionar sobre que bailar é perigoso, ameaza o sistema, complica a situación; e ‘Mocap’ de Matías Daporta, que se pregunta se é posible substituír o corpo de alguén por un dispositivo tecnolóxico.

Comezamos maio tamén con danza, o día 13, da man de Dantzatz que nos presenta ‘Bat’, un programa con tres coreografías de danza contemporánea, de Martin Harriague e Sade Mamedova. O día 14 chega ‘Decadencia’ dirixida por Mario Gas: Maru Valdivieso e Pedro Casablanc protagonizan esta obra cáustica e provocadora que persegue ao público e, a miúdo, obrigarao a rir por non chorar. E Fran Sieira presenta o día 20 o seu espectáculo ‘DeMente’, unha obra de baile e música tradicional galega que plasma a través da danza unha realidade, un estigma: as patoloxías mentais.

O 21 de maio poderemos ver ‘Inloca’, a última proposta de Matarile e o Centro Dramático Nacional, baixo a dirección de Ana Vallés. E pechamos a programación deste primeiro semestre o día 26 con ‘Silencio’, con texto e dirección de Juan Mayorga e Blanca Portillo en escena. Esta obra fálanos do silencio na vida e no teatro e pode que poña aos espectadores fronte aos silencios das súas propias vidas.

En Familia e #PorVezPrimeira

Dentro do programa de Artes Escénicas hai unha proposta específica para gozar En Familia que ofrece seis espectáculos. O 5 de febreiro El espejo negro presenta ‘Cris, pequeña valiente’, que conta a historia dunha nena trans que loita polo seu dereito a ser a persoa que é e que se sente. Ese mesmo mes, o día 19, coñeceremos a ‘Os nenos da varíola’, que levaron a cabo unha das maiores xestas médicas da historia da humanidade. Xa en marzo, o día 26, a Cía Seon presenta ‘Infinit’, un espectáculo de acrobacia, trapecio, clown e danza, recomendado para todos os públicos e o 24 de abril celebraremos unha nova Gran Gala do Circo de Compostela coordinada por Pista4.

En maio chegan as propostas de #PorVezPrimeira que ofrece dous espectáculos especiais para bebés, co obxectivo de que o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia se convertan nos lugares da primeira experiencia cultural dos novos composteláns e compostelás. O 6 de maio o colectivo de percusión creativa Crassh de We Tum Tum presenta ‘Crassh Babies’, que nos propón unha viaxe polo mundo coa súa propia linguaxe, o Crasshones, que entenden ata os bebés. E o día 7 de maio teremos ‘La luna en un cazo (un espectáculo incomprendido)’ de La Petita Malumalaga. Unha montaxe adaptada a bebés no escenario do Auditorio cun coidado espazo escénico para espertar todas as sensacións a través da música en directo, a danza, o teatro e a tecnoloxía.

Entradas á venda

Todos os espectáculos serán ás 20.30 h agás os de En Familia que teñen uns horarios específicos e os dous ‘Shock’ que serán as 19.30 h pola súa duración. As entradas para todos eles poñeranse á venda o vindeiro martes, 21 de decembro, ás 11.00 h, tanto na páxina web compostelacultura.gal como na Zona C. Punto de Información Cultural que abre de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Ademais, poderán mercarse entradas nos espazos escénicos nos que se celebren os espectáculos o propio día da función desde unha hora antes do seu comezo.

As entradas teñen uns prezos de 10 a 14 euros, cos descontos do 50% para os colectivos habituais (persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas). Os espectáculos de En Familia, incluídos os de bebés, terán un prezo único de 3 euros por persoa.