Jose Perozo: Expresión e emoción que nacen dunhas mans obreiras

Por Os Catro Gatos

Jose Perozo, no seu estudo. Foto: Delio Sánchez

Jose Perozo naceu en Vigo en 1978. Estudou Escultura na Escola Mestre Mateo de Compostela e Escenografía en Escénica Técnica na Escola EPFCA de Granada. Visitamos a súa gorida, un taller cheo de obras acabadas ou esperando os seus últimos remates. O primeiro que apreciamos son os cheiros dos distintos materiais que utiliza, á vez que a vista non se cansa de mirar aquí e alá, tentando rexistrar todo o que vemos: restos de escenografías, bocetos de pezas, moldes, mesas de traballo... Madeira, cerámica e metal son os materiais máis utilizados, aínda que tamén vemos outros como metacrilato, corda ou cristal.

Jose paréceme un  home  amabilísimo que quere que nos sintamos a gusto. Non hai pose nin afectación nas súas palabras. Todo é verdadeiro. Nótase que ten querenza polo seu espazo. Falamos da exposición escultórica: ‘Fragmentaria’. Cóntanos que aínda que estas obras son diferentes ás da súa mostra anterior, ‘Bastións’, son tamén en certo xeito unha evolución daquelas.



‘Fragmentaria’ pode visitarse no Museo Eugenio Granell ata o 12 de xaneiro, como resultado do proxecto Artista en Residencia 2019 que tivo lugar durante este ano nas instalacións da propia Fundación. A mostra está formada por unhas vinte pezas, nas que cada unha delas ten outras tantas encastadas que forman parte dela, e pezas que son fragmentos das principais. “A intención era facer que a idea que está asociada á peza, saia do corpo como parte do seu interior e que emerxa dela”, explícanos.

Nas cinco pezas principais hai unha figura humana rodeada, abrazada, por outros elementos que nos transportan á idea que transmite. Esas ideas emerxen da figura, sempre configurada de fragmentos, para potenciar o seu significado. Estas cinco pezas reflicten a  duplicidade, a filosofía, a xeometría e arquitectura, a fraxilidade e a aventura ou a viaxe. Todas ao redor de quen as evoca e as provoca, a persoa. Aparecen tamén outras obras que se xeran a partir das primeiras, fragmento de fragmentos con identidade propia.

As esculturas respiran verdade, custa deixar de miralas e non sentir o desexo de volver facelo. Non hai lugar para efectos gratuítos, a sensación que provocan é profunda, convida a pensar. Non se adornan de elementos decorativos banais porque non o necesitan.

Perozo considérase obreiro no seu taller, as súas mans  modelan, cortan, lixan, soldan, de modo tradicional, con ferramentas manuais as súas obras escultóricas. En canto ás técnicas que utiliza fálanos do modelado directo ou con molde. Cando traballa a madeira utiliza a talla por puntos ou directa e tamén a carpintería con ferramentas  tradicionais. Esta é a primeira vez que expón unha escultura integramente de metal, fragmentada e  construída  sobre un modelado de barro. Tamén por primeira vez expón unha peza con luz feita de metacrilato e cortada a láser a partir dun modelado 3D.


Seguídeo en joseperozo.es e no seu Facebook e Instagram JOSE  PEROZO ESCULTURA.