GaliciaNovas

Os xeados artesanais de La Central Heladera xa teñen o seu selo Galicia Calidade

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron entrega en San Cibrao das Viñas do distintivo de garantía a La Central Heladera, empresa especializada na elaboración de xeado artesán 100% galego. No acto estivo tamén presente Marisol Díaz Mouteira, delegada da Xunta de Galicia en Ourense.

Creada no ano 2015, La Central Heladera naceu coa vocación de converterse na alternativa máis saudábel aos xeados máis industriais. Con este recoñecemento, a empresa ourensá contará co selo de garantía para os seus sorbetes de froitas e xeados artesanais de crema, elaborados mediante unha formulación propia.

Os xeados de La Central Heladera elabóranse a partir de produtos autóctonos de calidade, con materia prima de proximidade e elaborados de forma artesanal, o que permite manter as súas propiedades e conservar o seu sorprendente sabor. Son comercializados a través de diferentes formatos, xa que a empresa conta con puntos de venta propios na provincia de Ourense e Pontevedra e con BOX móbiles distribuídos pola xeografía galega. O xeado de La Central Heladera tamén se pode atopar en puntos de restauración a nivel nacional, con presenza en Barcelona, Sevilla e Madrid.

A directora xeral de Comercio e Consumo agradeceu a aposta de La Central Heladera pola calidade e os produtos galegos para a elaboración dos seus xeados. Pola súa banda, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, mostrou a súa satisfacción pola incorporación dun produto tan ligado á tradición e que se mantén en constante innovación en sabores e produtos empregados como son os xeados artesanais. Deste xeito, destacou “incorporamos a Galicia Calidade un novo produto que integra calidade, orixe, tradición e innovación”.

Coa incorporación desta compañía ourensá, o selo de certificación Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, suma máis de 400 produtos e servizos de máis de 115 empresas galegas.