fbpx

As Ultranoites de Desembarco Chévere

When:
23 Setembro, 2022 @ 10:00 p.m.
2022-09-23T22:00:00+02:00
2022-09-23T22:15:00+02:00
Where:
Liceo de Noia
Cost:
Desde 20 €

Chévere ofrece os vindeiros días 23 e 24 de setembro unha nova edición da Ultranoite, o cabaré seña de identidade da compañía, logo de catro anos sen novas citas. Esta Ultranoite, que vai pola edición número 111, poderase ver no Liceo de Noia, que ofrece mesas e servizo de bar. Coa Ultranoite comezará o DESEMBARCO CHÉVERE, un xeito de celebrar en ruta os 35 anos da compañía Chévere que se cumpren en 2022 e que ata o mes de decembro decorrerá en distintos lugares con actuacións, libros e exposicións.

A Ultranoite é un formato teatral creado e desenvolvido na Sala Nasa de Santiago de Compostela a partir de 1993. Un espectáculo anfibio que se alimenta de xéneros teatrais populares como o cabaré e o teatro de variedades, o vodevil e o café teatro, o music hall e a revista. A eles engade a sensibilidade contemporánea da performance, a urxencia do agitprop, a inmediatez do underground, unha retranca visceral e unha estética que reivindica a perrallada como arte povera escénica para situarse un pouco máis alá do teatro e moito máis perto da realidade.

Definida como revista radical da actualidade pola súa resposta inmediata aos acontecementos do momento, ou como teatro de usar e tirar porque usa a realidade como material de refugallo para compoñer cancións, pezas de vídeo e números teatrais, a Ultranoite é un fenómeno único na historia recente da producción cultural galega.

Nesta ocasión contará cos artistas Patricia de Lorenzo, Xesús Ron, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Arantza Villar, Mónica García, Borja Fernández, Carlos Santiago e Diego Anido, coa colaboración especial de César Goldi, Tito Asorey e Iria Pinheiro..

IR EN BUS Á ULTRANOITE

Ao igual que en anteriores edicións, porase á disposición do público un Ultrabús, un servizo pensado para as persoas que queren ir á Ultranoite dende Santiago, pero non teñen coche ou prefiren non collelo.

O Ultrabús sairá ás 21h. da Rúa da Rosa, en Santiago, do mesmo sitio onde saen os buses para Milladoiro. Fará unha parada en Bertamiráns, na Praza da Mahía, con saída ás 21,20h e chegará a Noia nas proximidades do Liceo. 

Dez minutos despois de rematada a Ultranoite, o Ultrabús sairá de Noia de volta para Santiago, con parada en Bertamiráns e chegada á rúa da Rosa. 

As entradas tanto para a Ultranoite como para a Ultranoite con Ultrabús están xa á venda en ataquilla.com