Xosé Sánchez Bugallo: “Hai que pensar no papel que ten a cultura na construción do futuro da xuventude”
Por Silvia Castiñeiras
Declárase asiduo a pasear polo casco antigo cara a noitiña, así que sobre esas horas paramos con Xosé Sánchez Bugallo nun dos locais de moda da zona vella e, ademais, atrevéndonos a aproveitar a terraza en pleno inverno.
Que visión ten do sector da hostalería en Santiago?
A hostalería ten unha vinculación clara co turismo e o maior reto que temos como cidade é xestionar o éxito de maneira que non se acabe convertendo nun problema, tendo en conta a boa conectividade que temos agora mesmo unido á consolidación dos múltiples Camiños de Santiago. Hai que xestionar estas cuestións e seguir apostando polo turismo de congresos. A hostalería é un gran dinamizador.
Falando de turismo, que nos pode dicir da taxa turística e os pisos turísticos?
A taxa é unha cuestión de equidade co conxunto dos cidadáns de Santiago e unha fórmula para que o turismo contribúa ao mantemento da propia cidade, onde os gastos e os beneficios non se reparten da mesma maneira. Non é xusto que recaían os custos de mantemento en persoas que non obteñen ningún beneficio do turismo. Funciona noutras cidades e con custo moi moderado.
Con respecto aos pisos non estamos totalmente en contra deles, pero non podemos permitir a súa proliferación incontrolada porque supón unha alteración do modelo de cidade e expulsión da poboación tradicional. Ademais, supoñen competencia desleal para outro tipo de establecementos turísticos, polo que deben ser considerados unha actividade económica. Nós habilitamos a posibilidade de que os pisos de estudantes poidan dedicarse dous meses ao ano a aluguer turístico. Temos que defender un modelo de cidade para cidadáns.
A hostalería tamén se ve afectada polo cambio no reparto de mercadorías na zona vella…
Temos a obrigación legal de articular todas as medidas para a posta en marcha de zonas de baixas emisións. O noso obxectivo é que o novo sistema empece a ser operativo a principios de 2025 e para isto hai certas cuestións a resolver, algunhas xa en marcha como son os mecanismos de control de acceso e medidores da calidade do aire. O seguinte é a plataforma loxística, que nos gustaría que estivera máis cerca do casco antigo, pero non foi posible. De todas formas, as mercadorías chegarán en vehículos de menor tonelaxe e baixas emisións ao centro histórico.
As bases están postas, incluíndo o inicio do proceso para establecer a normativa necesaria que regule, entre outras cousas, a mobilidade. Xa comezamos a redacción dun documento que se prevé estea listo en 2023. A partir de aquí hai que facer un timing de actuación, é o reto para a nova corporación.
Cal é o seu balance no eido da cultura?
Temos claro o papel da cultura na construción do futuro da xuventude. A cultura podemos contemplala como consumidores e usuarios de servizos culturais ou, por outro lado, tendo en conta as facetas da creación, produción e emprendemento artístico. Preocupámonos moito nestes anos de pandemia de manter a programación neste eido, en condicións moi limitadas, procurando apoiar ás empresas de produción artística. Elaboramos programas extraordinarios e temos que seguir medrando dende esa posición na que soubemos manternos. O balance do noso apoio á cultura nestes anos é moi positivo.
Cales serían as ideas de chegar a un novo mandato?
A idea é seguir apostando pola cultura como unha referencia de Santiago e como un sinal de identidade. A cidadanía merece unha oferta cultural á altura do que é Santiago e ten que ser unha opción de futuro para a mocidade. Hai que pensar que a cultura ten un valor económico extraordinario cun peso importante no PIB da cidade e tamén moi grande no conxunto de Galicia, máis tendo en conta o noso peso demográfico.
Entón que propón en canto á cultura e mocidade?
É moi importante que as novas xeracións se acostumen tanto a producir cultura como a xestionala e comercializala, como valor de futuro. Pretendemos que non sexa unha actividade de supervivencia, senón que permita que as persoas se gañen moi dignamente a súa vida. Para conseguir isto hai que dar un salto. A prioridade nestes anos complicados foi aguantar a estrutura que tiñamos, pero agora hai que dar un salto e converter a cultura nunha referencia na cidade en nun importante motor económico.
FÓRA DE CARTA
Chocolate. “Aínda que me gusta pedir unha cervexa fresca, como estamos na terraza e vai frío apeteceume mellor un chocolate quente. Iso si, eu normalmente son máis de café, longo de auga tipo americano e sen azucre”.
Xantar e ceas. “Coa familia quedo para comer e facer sobremesa con café. Coas amizades son máis de ir cear. Ademais, gústame pasear pola noite pola cidade, sobre todo na zona histórica, e tomar algo. Non sempre se pode porque me levanto moi cedo ata na fin de semana”.
Camiñar e ver deporte. “Andar é algo que me relaxa moito e que me permite gozar das paisaxes que ten Santiago, fago moitos quilómetros. Antes tamén me gustaba ir en bicicleta, pero xa me atrevo menos, téñolle respecto. Nas fins de semana tamén procuro ir ver algún partido, de fútbol, baloncesto…”