CompostelaEntrevistasNovasSilvia Castiñeiras

Borja Verea: “Compostela ten que volver liderar os movementos de vangarda e ser un epicentro cultural”

Por Silvia Castiñeiras

Borja Verea durante a nosa conversa. Foto: Iván Barreiro

Quedamos con Borja Verea no Ensanche, nun local que, di, abrangue todas as etapas da súa vida, dende que tomaba un bocadillo despois de saír pola noite ata o actual café das mañás. E para etapas novidosas, a que lle agarda desta vez, ben no goberno ou na oposición, no Concello de Santiago.

Como analiza a situación do sector hostaleiro?

Temos unha hostalería forte e importante pero que aínda non esgotou as súas posibilidades. O gran problema que existe son estas políticas de prohibición, de burocracia e exceso de normativa que en moitas ocasións é innecesaria e afoga proxectos que están en marcha ou bota para atrás os novos. Queremos facilitarlles a vida aos profesionais deste sector que queiran apostar por Santiago, con redución de prazos e unha atención preferente dende o Concello. Hai mecanismos que están a funcionar noutras cidades que non supoñen atrancos.

Que opina sobre a taxa turística e as vivendas de uso turístico?

Nós cremos que o debate do actual alcalde equivócase tanto na forma como no fondo. Ninguén sabe a que se refire con esta taxa, hai que explicala. Hai que saber a quen lle quere cobrar, canto e a que se van dedicar eses fondos. Estamos dispostos a entrar neste debate porque cremos que é unha medida viable se a taxa está ben deseñada, é proporcional e hai conformidade con todos os axentes da cidade, entón si tería a súa utilidade. É dicir, apostamos por unha taxa seria, solvente e traballada.

No caso das vivendas turísticas propoñemos limitar e regular este tipo de pisos, pero non levar a cabo unha prohibición absoluta sen alternativa. No ecosistema turístico actual hai que ter en conta estas vivendas como un factor máis que traen riqueza á cidade, debidamente reguladas, iso si. Sería unha irresponsabilidade non aproveitar toda esta riqueza para a cidade, para reforzar o valor residencial tanto da zona vella como dos barrios. Propoñemos que haxa pisos turísticos controlados e aproveitar as fortalezas que poidan aportar ao tecido económico e comercial.  O que realmente fai falta en Santiago é unha verdadeira política de vivenda para evitar que unha nova xeración abandone a cidade.

E a súa postura con respecto a un cambio no reparto de mercadorías da zona vella?

É un tema que non está dialogado coas partes implicadas como son os comercios e a hostalería do casco histórico, que non saben como vai funcionar, que horarios haberá, que provedores van participar, se vai estar en situación de monopolio ou cada un poderá seguir coas súas empresas tradicionais nesa nova regulación do reparto.  O primeiro é que un cambio tal como é o sistema de subministro de mercadorías no casco histórico ten que contar cos seus protagonistas principais, os seus usuarios.  Esa é a primeira premisa para empezar a falar dunha renovación no reparto.

Neste senso, en canto ao centro de loxística previsto no Polígono non imos continuar co proxecto actual se non hai acordo co tecido comercial do casco histórico e deseñaremos o modelo de reparto sostible e respectuoso co patrimonio que se require.

En que nivel cultural cre que está Santiago?

A vitalidade brutal neste aspecto que tiñamos en Santiago nos 90 perdeuse. O que teño claro é que Compostela ten que volver liderar os movementos culturais de vangarda, ser de novo epicentro cultural e sen pechar ningunha porta. Non penso na especialización nunha área concreta, senón en abrirnos a todo:  industrias musicais, audiovisuais, artes escénicas, editoriais…

Por que apostaría entón no eido da cultura?

Penso que non se pode apostar pola cultura da aglomeración e macrofestivais e á vez querer desenvolver unha estratexia de calidade. O noso obxectivo é apostar por formatos medios, de vangarda, integrados no contexto urbano, que servirían ademais de apoio ao comercio e hostalería. Ademais, hai que falar do talento local en dúas vertentes: os axentes culturais e os creadores. Eu como responsable público deixaría o desenvolvemento da estratexia na man dos que máis saben disto, sendo eles os protagonistas. O que ten que facer un alcalde é proporcionar un contexto áxil e fluído, dar as ferramentas para conseguir unha industria local forte e competitiva. Hai exemplos importantes como Edimburgo, Braga… En definitiva, penso en crear o contexto para conseguir unha industria local forte.

 

- Borja Vera é un asiduo no Bar Raíces Galegas, na rúa Nova de Abaixo. Foto: Iván Barreiro.
Borja Vera é un asiduo no Bar Raíces Galegas, na rúa Nova de Abaixo. Foto: Iván Barreiro.

FÓRA DE CARTA

Cervexa 0’0. “Gústame moito a cervexa, pero cando estou traballando non adoito tomar alcohol, por sorte temos esta opción e moi boa cervexa en Galicia. Aínda que tamén me gusta moito tomar un viño”.

Tarde-noite. “Para quedar prefiro antes de cear, ou cear e despois tomar algo, pero que sexa así ao final do día, na tarde-noite, cando xa podes estar máis relaxado. Iso coas amizades, se é coa familia xa cando manden (risas)”.

Cine e natureza. “Dende moi novo sempre ando lendo, sempre teño a man dous ou tres libros, pero tamén son moi cinéfilo. A última peli que vin foi unha en Numax, Aftersun. Por outro lado, gústame estar ao aire libre en contacto coa natureza, sobre todo para facer deporte: andar, correr, nadar ou ir en bici”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.