Lucía Veiga: “A comedia é verdade e iso conecta moito coas persoas”
Un con leite. Iso foi todo o que pediu a actriz, cómica e presentadora de televisión Lucía Veiga (A Coruña, 1979) cando quedamos no Fábula Café, na rúa Alameda, para esta entrevista. “Quitei o azucre, que é algo marabilloso, e agora saboreo o café doutra maneira. Pero tomo demasiados. Poden ser seis ao día tranquilamente...”, confesa. “E co bo tempo, con xeo!”, engade. Admite, por outro lado, que cociñar é algo que cada vez fai mellor e que está moi orgullosa da súa “empanada de xabaril con castañas”. “Son de moi bo dente! Os meus favoritos son os pratos de culler. E só hai unha cousa que se me cruzou e non son capaz de tomar: o guiso de chocos”, asegura. Encántalle tamén descubrir diferentes propostas hostaleiras. “Gústame o ambiente e o faladoiro de bar”, afirma. E ata ten un grupo de Whastapp que se chama ‘A comer!’, no que as súas amizades recomendan locais para ir probar.
Pero non nos reunimos en Fábula só para falar dos seus gustos gastronómicos. A de Lucía é unha historia desas que poucas veces suceden. Ía para profesora de Latín, dedicouse a vender móbiles e, xa preto dos 40, arrancou unha vertixinosa carreira en teatro, cine e televisión. Actualmente podemos vela enriba dos escenarios co dúo cómico Izquierdo Sisters, xunto con Marita Martínez, e coa obra ‘Códice-K’; na TVG presentando o programa ‘Malicia Noticias’; e, tras participar na premiada ‘Rapa’, acaba de rematar outras tres series e unha película con Icíar Bollaín. A finais deste mes de maio comezará a rodaxe doutra longametraxe e para mediados de outubro, xa ten pechada a seguinte. Un gran ano para unha talentosa coruñesa que nunca pensou que podería ser actriz, pero que está demostrando que o seu era brillar coma a que máis.
Coruñesa e moi orgullosa de selo, non si?
Si, estou moi orgullosa. E é curioso porque todo o meu ADN non é coruñés. Son froito desa xeración que chegou aquí a traballar. Unha metade da miña familia é de Malpica e a outra, de Lugo. Aquí ‘chocaron’ e aparecín eu! (Ri).
Os Mallos é a túa zona. Xa te recoñecerán polo barrio...
Si, aínda que en realidade eu pasei toda a vida en Juan Flórez. Na zona dos Mallos estaba o piso dos meus avós de Lugo, pero sabes desa sorte de cando te independizas e está o piso dos avós baleiro e non tes irmáns? Pois iso (Sorrí). Recalei alí a vivir no 2006. E estou moi contenta coa vida de barrio. Cada vez reivindico máis o comercio local e o ambiente que hai alá. E si que me recoñecen, pero porque eu son moito de saudar, son moi expresiva... e fálanme desde o coñecemento previo. Home, algunha vez, si; estás no supermercado e de repente alguén di: “Véxote na tele!”. E eu non sei quen é! (Risos). Pero sempre é desde o cariño.
A túa historia é daquelas nas que cando menos o esperas, chega o éxito. Con 37 anos, aló polo 2017-2018, e estando en paro, decides probar sorte no mundo artístico. Que é o que che fixo intentalo?
Máis que decidilo, foi deixarme levar. En principio non era unha das opcións para nada. Son unha persoa á que lle gusta a estabilidade e ter control sobre a miña vida. Sempre dicía que nunca podería ser autónoma. Si é certo que fun moi consumidora de cultura e que bailara moitos anos no grupo Xacarandaina, pero como unha afección. E con iso, a necesidade de expresarme no escenario tíñaa cuberta. A miña mellor amiga é actriz e facía impro. Deu un curso e apunteime, pero tamén como un divertimento.
Pero cando me despediron e chegou a gran estepa da incerteza... “Que fago agora da miña vida con 37! Oh my God!”... Como tiña dous anos de paro, quería tomarme o tempo de decidir o que facer. Entón outro amigo, que ten unha escola de interpretación, propúxome ir a clase. Fun e xurdiu todo dun xeito bastante natural. Foron chegando propostas e eu ía probando. E cando me din de conta, no 2019 estaba encadeando un traballo con outro.
Os teus comezos foron coa impro, co dúo Izquierdo Sisters que tes con Marita Martínez. E facer rir non é nada doado... por que dedicarte á comedia?
Porque é moi terapéutico. É a vía de escape semanal. Para min a comedia é verdade. E iso conecta moito coas persoas. A risa axuda a calquera cousa: a durmir, a facer a dixestión ben, a crear... Por iso entrei por esa porta, porque era a que a min máis me enchía. Non é que non me guste o drama, pero realmente o que me amplía os pulmóns é a comedia. Si que é certo que podo ser moito máis tímida do que parece, pero non son vergonzosa.
Ou sexa, que se tes que facer o parvo, fas o parvo...
Si, pero de toda a vida! Nunca tiven medo a falar en público. Por exemplo, no instituto cando había que presentar algo, eu sempre dicía: “Sairá mellor ou peor, pero eu fágoo!”. Por iso tamén botei para diante na profesión ao ver que os que me rodeaban, os compañeiros e compañeiras neses primeiros cursos de impro e monólogos, estaban nesa onda de bo rollo. O teatro nese sentido é moito máis compañeiro que o que pode ser o audiovisual en xeral.
Dirías entón que é máis complicado traballar no audiovisual que no teatro?
Si, o audiovisual é un pequeno microondas de egos. Algúns cocen ben e outros estoupan. Estase moi pendente das audiencias e deixas de poñer o foco no produto ou no teu goce, pensando no público. Non hai censura, pero si tes moitas máis barreiras.
Con moi pouco tempo na profesión, consegues o papel nunha serie con tanta sona como ‘Rapa’; papel co que gañas o teu primeiro premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina no 2023.
Foi inesperado e deume unha alegría tremendísima. Foi como o broche a todo ese traballo que fixen en ‘Rapa’. Porque eu sempre fixera comedia. Comecei coa impro, despois estiven en programas como ‘Maloserá’, ‘Luar’... Pero isto era outra película distinta. E non sabía se estaba preparada para facela. Tiveron un acto de fe importante comigo.
E ben que acertaron! Porque incluso fuches candidata aos premios Feroz por ese papel...
Parece ser que si... Pero foi a mestura entre o ‘Síndrome da impostora’, da que acaba de chegar... Non tiña experiencias na miña vida coas que comparar. É como se che poñen unha táboa de surf e din: “Ti seguro que ‘surfeas’ ben! Ponte aí!” (Máis risos). Dá moita vertixe!
Neste 2024, repites galardón, gañando o Mestre Mateo á mellor comunicadora polo programa ‘Malicia Noticias’. Como recibes este recoñecemento?
Este último foi un ‘shock’! Non o esperaba para nada. Tiven un pouco a sensación como de roubalo. Síntome máis actriz que comunicadora. O feito en si é innegable, estou facendo un traballo de comunicación nun programa de televisión en directo, pero téñolle moito respecto á profesión, tanto aos xornalistas como aos comunicadores audiovisuais.
Volvendo ao teu cambio de vida con 37 anos, ti comezas na profesión de actriz xusto cando estás chegando aos 40, idade na que historicamente os papeis para mulleres empezan a escasear. Están a cambiar as cousas neste sentido?
É por esta puntería que teño moitas veces para vida! Agora hai moita máis conciencia que antes de presenza da muller na pantalla, de personaxes ricos, cun abano de idade moito máis amplo. Eu chego nese momento. E tamén estamos na época de normalizar a diversidade. E iso é moi importante.