“Le Tavernier é un pequeno porto nunha céntrica azotea de Madrid”
Por Ana Romero
Presentámosvos Le Tavernier, un local perfecto para unha copa tranquila, na avenida da Mariña, na Coruña, e mais en Madrid, cunha historia detrás que homenaxea aos mariñeiros do mundo e ás cantinas veciñas aos portos.
Cando es hostaleiro, vives en Madrid e tes unha morriña moi forte, que fas? Montar un pequeno porto nunha céntrica azotea da rúa máis famosa da capital.
Antón Sáez, empresario e propietario de Le Tavernier, entre outros locais de hostalería, conta coa súa propia homenaxe ao mundo mariñeiro en Madrid. Un oasis perfecto para tomar a primeira copa, gozar das vistas e deleitarse, especialmente, coa súa proposta líquida na carta.
O galego tivo claro fai xa sete anos que na Coruña había oco para un local no que a cociña e o chef non foran os protagonistas, senón o barman e a mestura de destilados de tódalas partes do mundo. Cando Antón saía de festa cos seus amigos, vía incómodo ter que falar ao oído do seu acompañante polo elevado ton da música.
Ademais, identificou nun voo que faltaban tabernas nas que desfrutar dos produtos máis premium, procedentes doutros países e para tódolos gustos. Dende whiskys canadenses, americanos ou xaponeses a tamén rons, tequilas, cafés especiais, cervexas de todo o mundo, coñacs, brandys e todo tipo de licores. Para crear a atmosfera completa deulle vida a un mariñeiro do século XIX, O Capitán Breixo, que despois de viaxar por todo o planeta e visitar as cantinas de cada porto, decídese a levar un pouco de cada un á Coruña e xubilarse alí.
Non se trata dun espazo cheo de áncoras nin nós mariñeiros. Lonxe dos estereotipos, Sáez soubo aportar pequenos toques de personalidade. Detalles mariñeiros que dan sensación de estar con materiais de preto do mar, nobres, naturais, ferros forxados… ademais de moita vexetación, incluso plantas que saen directamente do chan.
E entón, a embarcación do capitán Breixo arribou á cidade sen porto no 2021. Grazas á súa asociación co Hotel Innside by Meliá Madrid Gran Vía, Le Tavernier, o taberneiro en francés, atracou na oitava planta do hotel, dando acubillo a todo tipo de público.
O empresario asegura non segmentar por idades nin tipos de públicos obxectivos, se non máis ben por inquietudes e inspiracións. Nas súas propias palabras, “cando buscas cubrir inquedanzas e creas un concepto que cubre aspiración, entón aí é cando te abres a un público máis amplo”.
Pais que se atopan con fillos, parellas na primeira cita, compañeiros de traballo para tomar un cóctel tranquilo antes de volver a casa. Todos atopan o olor a mar aínda lonxe da costa atlántica, nun recuncho que serve de porto para todos os amantes do bo beber.
Ollo! A diferencia do seu local irmán na cidade herculina, Le Tavernier Madrid conta con carta para xantar. Unha proposta gastronómica desenfadada, dirixida a compartir con amigos e comer coas mans. Todo isto coas vistas á Gran Vía como colofón.
Pero, cal sería a mellor combinación recomendada polo seu propietario? “Eu téñoo claro, sempre aposto polos cócteles fortes e, como me gusta o picante, encántame o Spicy Mezcal Margarita, con mezcal, lima, Cointreau, agave e ‘jalapeños’, terminando con ‘ají’. Para picar o mellor é compartir con amigos algúns dos nosos clásicos como as croquetas de queixo de tetilla, un bikini de xamón ibérico con queixo curado e trufa de verán ou un ‘carpaccio’ de vaca galega con parmesano e alfábega. Algo imprescindible tamén é o bocadillo de luras, que facemos cunhas luras fritas e crocantes, con pan de cristal e alioli de allo negro. Para min, sen dúbida, é un bocadillo diferente”, e ao mesmo tempo moi madrileño.
Este novo ano preséntase con novidades. Teremos que esperar para saber se ese Capitán Breixo atraca ou non nun novo porto para seguir expandindo a súa paixón polas cantinas do mundo. Polo momento, mentres a morriña dunha servidora chega ata as nubes, xa teño onde ir gozar dun bo Albariño e sentirme sempre como na casa.