fbpx
Gastronomía

Grandes chefs e sumilleres reuníronse en Negreira na décima edición do ‘Estrelas Solidarias no Camiño’

Este luns tivo lugar o peche da décima edición de Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago que, despois de varios días de actividades que fusionaron alta gastronomía e solidariedade, pechou as súas portas ata o ano próximo.

A exitosa iniciativa, que comezou cunha benvida no museo de Estrela Galicia (MEGA), concluíu cunha gran festa solidaria na Finca Casa Barqueiro en Gonte, Negreira, á que asistiron máis de 450 persoas.

O evento reuniu a máis de 60 estrelas Michelín, os chefs e catadores participantes, entre os que se atopaban nomes tan destacados como Elena Arzak, Martín Berasategui, Fran Martínez, Fran López, Paolo Casagrande, María Gómez e Paco Roncero, que participaron en diversas actividades culinarias e benéficas. Tras un almorzo no hotel Quinta da Auga, fíxose unha parada no monumento ao Peregrino no Monte do Gozo, coa presentación do Director de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, para logo visitar as instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG).

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou durante un almorzo cos participantes da iniciativa, que a calidade é o principal atractivo turístico de Galicia, e tamén a peza clave na que sustentar o crecemento do sector. E agradeceu aos cociñeiros e cociñeiras o seu labor como embaixadores da cociña e os produtos galegos por todo o mundo e aos irmáns Rial – propietarios de Casa Barqueiro – que manteñan esta cita gastronómica que cada ano permite exaltar a gastronomía galega con fins solidarios.

A xornada final estivo marcada pola celebración de múltiples estacións gastronómicas, showcookings e actuacións musicais en directo que deleitaron aos numerosos asistentes.  O encontro de peche tamén serviu para facer entrega dos fondos recadados ao longo do evento. Grazas á iniciativa Bocado Solidario, organizada coa colaboración de máis de 60 establecementos da zona, logrouse recadar un total de 1700 euros que foron doados integramente á Asociación Galega Síndrome X Fráxil

Rogelio Rial, promotor do evento e copropietario de Casa Barqueiro, expresou con notable satisfacción: “A décima edición de Estrelas Solidarias non Camiño foi un rotundo éxito, non só pola calidade gastronómica que puidemos gozar, senón tamén polo impacto positivo que xeramos na sociedade. Agradecemos a todos os chefs, catadores institucións e empresas colaboradoras que fixeron posible este evento e á participación do Director de Turismo, José Merelles, e ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares Bermúdez, no evento”.

O presidente da Asociación Galega Síndrome X Fráxil, D. Nicolás Fermoso, expresou a súa gratitude pola doazón recibida e destacou a importancia deste tipo de iniciativas para sensibilizar sobre a síndrome X Fráxil e avanzar na investigación e apoio aos afectados e as súas familias.

A décima edición de Estrelas Solidarias non Camiño demostrou unha vez máis o poder da gastronomía como motor de cambio social. Unindo a profesionais do sector nunha causa común que vai máis aló da cociña, os irmáns Rial conseguiron converter este pequeno concello barcalés no epicentro gastronómico, cultural e turístico do noso país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.