O deseño da coruñesa Sofía Gómez gaña o certame de Cervezas Alhambra e Creatividade Galega para vestir ao equipo do restaurante Centeno
Un deseño colorido e protagonizado por ilustracións inspiradas nun estilo de comida saudable e de proximidade foi a proposta gañadora do certame impulsado por Cervezas Alhambra e Creatividade Galega -Asociación de profesionais e axencias de publicidade que ten como obxectivo poñer en valor a creatividade- coa finalidade de buscar un novo deseño para os uniformes do restaurante Centeno (Vigo).
O deseño presentado pola coruñesa Sofía Gómez, estudante de terceiro curso de Publicidade e Relacións públicas do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), foi o escollido por un xurado integrado polo chef Rafa Centeo, membros de Creatividade Galega e Cervezas Alhambra.
A proposta de Sofía recibirá un premio de mil euros e formará parte da actualización téxtil que lucirá proximamente o persoal do restaurante que o chef Rafa Centeno ten en Vialia Vigo.
Rafa Centeno sinala que “a formulación realizada por Sofía integra á perfección a filosofía do restaurante que trata de promover un estilo de vida saudable e sostible na cociña. Precisamente na súa creación reflíctense os produtos frescos e naturais, que son a base de Centeno cun enfoque na comida saudable e responsable co planeta”.
O certame púxose en marcha co obxectivo de impulsar o talento entre deseñadores galegos noveis, promovendo sinerxias entre distintos sectores e xerando ademais oportunidades profesionais.
A través desta iniciativa Cervezas Alhambra reforza o seu compromiso co facer sen présa e o apoio a artistas e creadores desde un punto de vista máis próximo, persoal e creativo.