GastronomíaPola gorxa

Feixóns verdes

Que non se che ocorra ir ao mercado ou entrar nun restaurante e pedir ‘xudías’. Estarás a demandar unha muller que pertence ao pobo xudeu! Mellor di ‘feixóns verdes’. 

Segundo a Real Academia Galega, o feixón -ou ‘feixó’, aínda que esa forma é menos recomendable- é un substantivo masculino que designa a unha planta herbácea da familia das leguminosas con sementes alongadas, da que existen distintas variedades comestibles, e das que nunhas se aproveita a casula coas sementes aínda verdes ou tenras e noutras as sementes secas. Son sinónimos chicho, faba e fabeira.

Os ‘feixóns verdes’ son as casulas tenras desta planta que se comen cocidas. Teñen forma alongada, plana ou cilíndrica, e cor verde.

Curiosidades

Os feixóns levan connosco desde hai moito tempo! Xa se cultivaban en Asia dende o sétimo milenio antes de Cristo, dende hai seis mil anos en América e máis de dous mil en Europa. E hai máis de 100 clases en todo o mundo!

En Galicia sobre todo dáse nas provincias de A Coruña e Lugo. Dentro da gastronomía galega, destacan as ‘Fabas de Lourenzá’, con indicación xeográfica protexida e selo de Galicia Calidade.

Os feixóns verdes son un alimento nutritivo, rico en auga e de baixa achega calórica. Teñen propiedades desoxidantes, regularizan o noso tránsito intestinal e axudan a manter nun nivel óptimo o noso sistema inmunolóxico.

Segundo a OCU (Organización de Consumidores e Usuarios), se os gardas dentro dunha bolsa de plástico perforada na parte menos fría do refrixerador, os feixóns verdes pódense conservar frescos ata unha semana.

Onde probalo?

Os feixóns verdes véndense durante todo o ano pero o mellor tempo para comelos é en primavera e verán. Aconsellamos ir por eles ao Mercado de Abastos de Santiago entre os meses de maio e outubro. Cando os merques, fíxate que estean brillantes e dunha cor verde viva, e que rexan ao romper.

Habitualmente cómense cocidos, sendo moi común acompañalos con chourizo e ovo cocido ou como parte da ensalada rusa, as minestras ou como gornición dun prato principal.

Son un alimento moi cociñado nas casas pero cada vez son máis os restaurantes que os inclúen entre as súas propostas. En Compostela recomendámosvos probalos -cando están en temporada- na taberna mariñeira Mamá Peixe, na rúa da Algalia de Arriba, 45. Un local incluído na lista Bib Gourmand da Guía Michelin, grazas á súa relación calidade-prezo, onde elaboran unha cociña na que o peixe e a horta galega son os grandes protagonistas.