fbpx

Presentación de “Little Neno descobre a… David Bowie”

When:
6 Novembro, 2022 @ 12:30 p.m.
2022-11-06T12:30:00+01:00
2022-11-06T12:45:00+01:00
Where:
Sala Riquela
Cost:
5 €

Escrita por Dani Llabrés con ilustracións de Jaime Pantoja e publicada en castelán por Bang Ediciones, a colección infantil Little Neno descobre… conta desde este xoves cun novo título en galego. Editado pola Reixa, o seu protagonista é o artista londiniense David Bowie, coincidindo co 75 aniversario do seu nacemento.

Con Little Neno descobre a… David Bowie, A Reixa continúa a súa andaina como editora despois de sacar a tradución dos dous primeiros libros dedicados aos Beatles e aos Rolling Stones. Desta volta, Little Neno, o protagonista do conto, e o seu oso Renato vivirán aventuras fantásticas inspiradas polas letras das cancións de Bowie, como “Life on Mars?”, “Changes”, “Heroes” ou “Sound and Vision”.

Coa tradución ao galego das aventuras de Little Neno, A Reixa editorial pretende fomentar a nosa lingua e a cultura musical dos máis cativos de xeito ameno e divertido.

Trátase de historias orixinais, adaptadas á cativada de entre 2 e 12 anos que as mergullarán por primeira vez no mundo poético e cheo de imaxinación da música e letras dalgunhas das bandas e artistas máis influíntes dos últimos tempos. No caso de David Bowie, no fabuloso universo do creador de Ziggy Stardust falecido no 2016.

Coa lectura deste libro, poderás compartir cos máis pequenos da casa o gusto pola música e a arte do polifacético David Bowie. A edición inclúe ademais “O xogo do camaleón”, co que pasar un bo momento.

A Reixa presentará este novo título da colección en galego o domingo 6 de novembro, ás 12.30 h, na Sala Riquela en Santiago de Compostela. Contará coa presenza dos autores, que asinarán o libro, e incluirá un contacontos musical e pintura de raios Bowie.

As entradas están dispoñibles na Reixa Tenda / Matrioska a un prezo de 5€, de balde para menores de 2 anos.