#apaparCompostela

Brunch no Clem Café

Por @JuanEAT_o

@JuanEAT_o púxose as botas co brunch do Clem Café. Foto: Iván Barreiro

Por fin estou de volta! E xa que estamos na nova normalidade, quixemos facer algo diferente e probar non só un prato senón todo un señor brunch. Para quen non o saiba, o brunch (mestura de ‘breakfast’ e ‘lunch’) é unha comida que se fai por influencia anglosaxoa entre o almorzo e o xantar, en substitución destes. É o que poderiamos entender como un almorzo tardío ou unha comida de cedo.

O lugar escollido foi o Clem Café, que serve o seu brunch todos os sábados entre as 12:30 e as 16:00 horas. En ocasións especiais, inclúe unha copa de cava. Aínda que eu non tiven esa sorte! Oh!

Pero imos co interesante. Como podedes apreciar na foto, temos café (pode ser unha infusión), zume de laranxa natural (pode ser unha caña), froita fresca de tempada, unha tosta (xeralmente vegana), un boliño, un iogur caseiro e un prato quente (que adoita levar sempre ovos).

Eu decidín comezar polo café que pedín con leite -ben feito, por certo-, o zume natural -que estaba no seu punto de dozura- e o roliño vegano e sen glute de dátiles e canela. Riquísimo! E mollado no café aínda máis porque potencia ese toque esponxoso.

Continuei coa tosta, presentada nunha rebanda de pan fresco moi rico e preparada cun hummus de figos como base, pementos asados, berenxena e froitos secos. Teño que confesar que o figo non é dos meus froitos favoritos, pero o hummus estaba boísimo. Como proba, asegúrovos que non quedou nin unha miga no prato! E o toque dos froitos secos, que me encantan, fai unha combinación bastante equilibrada e moi rica no padal.

Fun despois a pola ensalada de conservas en vinagre, na que destacaban uns rechamantes e divertidos ovos de cor rosada. O sabor é bastante intenso pero o resultado final é un prato moi fresco que combina á perfección co resto das ‘pezas’ deste brunch.

Como ‘sobremesa’ optei polo iogur natural con granola e marmelada -ambas caseiras! Unha delicia para os máis larpeiros xa que a textura e o sabor son fabulosos. Nótase que é un iogur feito con cariño. Que digo o iogur! Todo o brunch denota delicadeza e bo facer. Un pracer que aconsello que non deixedes escapar.

DATOS

Lugar: Clem Café. Rúa de San Pedro, 118

Prato: Brunch

Prezo: 15 €

Valoración: 8 estrelas

Fotografía: Iván Barreiro