CompostelaEntrevistas

Orixe Ultramarinos, a nosa riqueza gastronómica moito máis cerca

Martín Pais, no interior do Orixe Ultramarinos. Foto: Iván Barreiro

Nin a pandemia da Covid-19 nin a crise económica que supón frearon os desexos de Martín Pais de montar en Santiago o seu Orixe Ultramarinos. O local abriu nas Casas Reais a mediados de maio, en plena desescalada, de xeito diferente a como tiña pensado cando ideou o proxecto, pero con moi boa acollida do público. “Foi unha sorpresa, tivemos moito interese nos medios de comunicación porque fomos dos poucos negocios que arrancaron neste tempo. E ademais había moita xente que estaba á expectativa porque sabía que eu quería facer isto”, explica. Por que? Porque o Ultramarinos naceu ao abeiro do restaurante Orixe que dirixe Pais desde fai catro anos só a uns metros de distancia. “Moitos clientes preguntaban onde podían conseguir os produtos dos nosos pratos: as olivas que poñemos de aperitivo, as verduras, os queixos… E claro, non podía dicirlles onde porque ou eran de produtores pequenos ou viñan da miña horta na que cultivo tomates, teño limoeiros, laranxeiros, kiwis, etc.”, conta.

Así que Martín decidiu escoitar á súa clientela e inaugurar unha tenda con produtos cen por cen galegos, a inmensa maioría de pequenos produtores de proximidade difíciles de atopar nos supermercados. Ofrece viños, licores, vermús, fariñas… un pouco de todo o que se produce hoxe en día en Galicia. Tamén viños a granel, con uvas autóctonas (Mencía, Godello, Treixadura…). E algúns pratos que elaboran no restaurante, como empanadas, empanadillas, mousse de chocolate con froitos vermellos, arroz con leite ou ensaladas, que se venden no Ultramarinos para levar. “O local está pensado tamén para poder degustar dentro algunhas cousas ou tomar unha cunca de viño, pero de momento non o facemos polo tema dos aforos polo coronavirus”, apunta.

Para darlle forma a este segundo negocio, Martín baseouse nun bar-ultramarinos que tiñan seus pais en Muros. “Alí vendía de todo, desde sal a granel, cervexas… incluso ferramentas para o campo”, recorda cun sorriso. E dese lugar incluso aproveitou botellas, garrafas e unha fermosa báscula que serven para decorar con moito encanto o local. Completa o conxunto de pezas antigas unha impresionante máquina rexistradora en pesetas que Pais conseguiu nunha poxa en Madrid. “E que aínda conserva os últimos tíckets”, afirma con orgullo.

Tamén é moi importante para el o compromiso co medio ambiente. Por iso intentan evitar o plástico e empregan para o viño a granel botellas que se poden retornar.

Pais amosando algúns dos produtos que teñen á venda. Foto: Iván Barreiro

Para os picheleiros

Aínda que pola súa localización, na entrada da Zona Vella, reciben visitas de turistas, este Ultramarinos está pensado sobre todo para o cliente local. De aí, o seu sobrenome de ‘Tendeiros, viñateiros e picheleiros’. “A idea é axudar a apreciar o que temos. Eu estiven moitos anos traballando fóra e vin outros produtos aos que se lles dá moitísimo valor e moitas veces non chegan á calidade que temos aquí en Galicia”, destaca. “Realmente nós cultivamos moi diferente ao resto da Península e temos que coidalo. Igual que a nosa música e cultura popular… Son as nosas raíces. Na letra de moitas cancións, se nos fixamos, hai explicacións de como se fai un prato, de como se cultiva… Transmitíanse así os coñecementos e chegaban á seguinte xeración.  Eu creei tanto o restaurante como o ultramarinos con esa intención de poñer en valor a nosa gastronomía e a nosa cultura porque non se pode entender unha sen a outra”, engade Martín.

Para o futuro, e cando o Covid-19 nos deixe, Pais xa está na busca de máis provedores e pequenos produtores galegos que traer ata Santiago e tamén planea organizar catas comentadas ou incluso con música.