fbpx
CompostelaCulturaNovas

Catro citas para celebrar o festival de poesía de Compostela ‘Alguén que respira!’

Lopo, Rosón e García. Foto: Concello de Santiago

O festival ‘Alguén que respira’ readapta o seu calendario ás circuntancias da pandemia e esténdese ao longo do 2021 en catro xornadas que se celebrarán cada día 21 de solsticio e equinoccio.

A inauguración terá lugar no Teatro Principal o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, cun manifesto de Manuel Rivas e unha panorámica de poetas peninsulares que viven a primavera creativa. O programa completo foi presentado  en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director do festival, Antón Lopo.

‘Alguén que respira!’, o festival de poesía de Compostela, chega á cuarta edición readaptando o seu calendario ás continxencias da pandemia pola covid-19. Como salientou Rosón, “sen perder a referencia do 21 de marzo, cando se celebra o Día Mundial da Poesía e o equinoccio de primavera, o festival esténdese ao longo do ano en catro xornadas que lle pemiten adaptarse aos progresivos protocolos sanitarios”.

“No mes de decembro esperamos contar coas condicións adecuadas para ofrecer formatos completos, tanto nos aforos como na proximidade dos asistentes ou na sucesión de recitáis”, indicou o director do festival, Antón Lopo.

En conxunto, non será con todo un programa aleatorio, senón que xoga coas súas datas habituais para establecer unha cadea de equinoccios e solsticios baixo o selo da poesía, ao tempo que fai unha chiscadela cos algarismos do ano actual, o 2021. Por esa razón, o lema desta cuarta edición é Os 21 do 21, “todo un convite de complicidade que permite gravar na memoria colectiva as catro citas clave da temporada, superando a barreira de que coincidan en domingo, en luns ou en martes. Poesía concibida tamén con alento de vida diaria, no medio de semana, como forma de vida cotiá”, incidiu Mercedes Rosón.

Deste xeito, o Teatro Principal de Compostela, sede do festival, acollerá un programa adaptado ás circunstancias sanitarias que correspondan o domingo 21 de marzo, o luns 21 de xuño (solsticio de verán), o martes 21 de setembro (a unas horas do equinoccio de outono) e o martes 21 de decembro (solsticio de inverno). En cada xornada haberá, ademais, eixes temáticos que articularán os ciclos de recitais e desde a organización xa anuncian que haberá propostas inesperadas.

Como lembou Lopo, “o obxectivo é preservar, na medida do posible, seccións características de edicións anteriores, como Atravesei a cerca (un percorrido polos espazos máis recónditos do Teatro Principal) ou o apartado de producións propias”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, puxo de relevo o máxico escenario no que se desenvolverá o festival, o Teatro Principal, e reivindicou o papel e a importancia da poesía en Compostela.

O programa do domingo 21 de marzo
Para a xornada inaugural, o festival conta cun programa de impacto, tanto polos nomes que se reunirán en Compostela como pola persoa á que este ano se lle encargou o Manifesto do Día Mundial da Poesía, Manuel Rivas. O balcón do teatro será, a partir das 19:00 horas, o lugar desde o que Rivas lea o texto, coa Rúa Nova como audiorio insuperable.

Xa no interior do Principal, a partir das 19:30 horas, celebrarase o recital 21 anos [+ ou -], unha panorámica de poetas nas distintas linguas peninsulares que están, precisamente, no equinoccio da súa primavera creativa. Pola lingua galega estarán Belén Senín (Potecesures, 1999) e Iago González (Vilar de Barrio, 1999); polo éuscaro, Martín Bidaur (Toulouse, 1996); polo portugués, Maria Brás Ferreira (Lisboa, 1998); polo catalán, María Isern (Vic, 1994); e polo castelán Mario Obrero (Madrid, 2003). Barbara Switalska porá a nota musicial coa interpretación no violonchelo da Primavera de Vivaldi.

O festival
O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.