Atrás Tigre: “En ‘Fainos saír’ queremos dar a ver que todo estado de ánimo é impuro ou, cando menos, fugaz”
Emocionantes cancións pop envoltas en atmosferas etéreas, herdeiras da escuridade do after punk e das paisaxes evocadoras do pop máis brumoso. Así se presenta Atrás Tigre, unha banda compostelá formada por Olalla Cociña, Xiana Arias, Pedro Solla e Antón Blanco, que acaban de presentar o seu primeiro longa duración ‘Fainos saír’.
Que imos atopar neste LP e como foi o proceso creativo?
‘Fainos saír’ son dez cancións saídas do noso imaxinario pop, que é un conxunto moi heteroxéneo de texturas e referencias. Moitas veces emprégase o concepto de pop ou indiepop para designar algo bastante concreto, pero para nós sempre estivo asociado a unha paleta moi ampla de cores. Por iso aquí hai cancións máis vitalistas e accesibles e outras máis escuras, ás veces mesmo un único tema vai pasando por tonalidades diversas. Dalgún xeito buscabamos unha certa ambivalencia emocional, como querendo dar a ver que todo estado de ánimo é impuro ou, cando menos, fugaz. Iso interesounos á hora de compoñer e determinou o proceso creativo: cando tiñamos un tema novo rematado, a consigna era que o seguinte se lle parecese o menos posible. Non queriamos que o disco xirase ao redor dun concepto definido de antemán, senón máis ben que fosen as propias cancións quen creasen o seu propio diálogo entre elas.
Por que ese nome? De onde queredes “saír”?
En realidade, na letra da canción que lle dá o título ao disco, “fainos saír” non se refire a un “nós”, senón a un “eles” ou “elas”. Tamén é certo que xa pensamos antes nesa dobre interpretación e tampouco nos pareceu mal. Ao contrario. Gustábanos a sonoridade da frase e tamén esa polisemia, o abstracto que é como título. Xa dixemos nalgún sitio que ‘Fainos saír’ (a canción) é algo así como un conto de fantasmas, pero preferimos que cadaquén a interprete á súa maneira.
Dicides ter influencias dos anos 60 e 80. Son para vós as mellores épocas da música?
Moitos dos nosos discos de cabeceira son dos 60 e dos 80, pero tamén nos fixamos moito en bandas dos 70 e, sobre todo, dos 90. En todo caso, as nosas influencias levámolas dentro e xorden de modo inconsciente, nunca nos preguntamos a quen ou a que queremos parecernos. É máis ben a posteriori cando buscamos as resonancias, de feito sempre llelo pedimos a colegas!! O noso uso dos sintetizadores ou das guitarras jangle quizais nos conecta moi rapidamente cos 80, pero nós non falariamos tanto de décadas, senón de bandas ou de discos.
O ano pasado presentáchedes un primeiro EP. Que vos levou a fundar Atrás Tigre? Que credes que aportades ao panorama musical galego?
Calquera que leve toda a vida indo a concertos sempre soña con tocar algún día. E ese día chegou, sen máis. Puxémonos a ensaiar só polo gusto de facelo. Cando ves que podes darlle forma a algo propio tamén medra a ilusión, ata que chegamos á altura na que nos decidimos a compartilo cos demais. A breve historia da banda é en realidade unha historia de amizade. O que aportamos ao panorama deben dicilo outras persoas, como dato obxectivo, somos unha banda máis na lista das que escriben integramente en galego. Ter un grupo no momento musical actual (de creatividade, de diversidade) é estimulante e fainos sentir orgullosas.
Cando e onde podemos escoitarvos en directo?
Temos algunhas datas no verán aínda pendentes de anunciar. Si é público que estaremos o 12 de agosto no Festival Noroeste Pop Rock da Coruña. A nosa idea é presentar o disco en salas a partir de setembro.