fbpx
De baresGalicia

De cata, cos ollos pechados!

O Master of wine, Norrel Robertson, guiando a nosa cata a cegas, nas adegas de Martín Códax.

A cata dos viños é toda unha experiencia, pero facelo da man dun mestre do viño, por así dicilo, é fascinante. Norrel Roberston, escocés de nacemento e graduado con honores en Políticas e Relacións internacionais, é enólogo, viticultor e o único Master of wine que reside e traballa en España. Se non fixestes nunca unha cata, recoméndovos amplamente que probedes! É divertido, aprendes moitísimo, coñeces xente e ensínanche a apreciar esencias e detalles da natureza e da propia vida que ao mellor deixas pasar desapercibidos no día a día. E aquí estou eu… Dominada por unha certa congoxa, sentíndome como unha diminuta formiguiña, rodeada de tanto ilustrado na cultura do viño.

Sentada, cos compis de sala de A Maceta á miña esquerda e con un rapaz do máis encantador a miña dereita, que non parou, por certo, de achegar as miñas copas para que me serviran o viño e así non perder ningunha proba, mentres que eu non paraba tampouco de piar nas redes!… Aínda non sei quen é, pero se le isto: gracias de novo!  E así comezamos unha cata a cegas de viños de todo o mundo, de países nos que Norrel estivo de visita, nos que traballou e de algúns dos que el considera coma “grandes exemplos de tendencias”. Robertson explicou que pretendía rachar co concepto do corto prazo do que tanto pecamos en España, “estamos demasiado acostumados a beber viños novos”. Aló imos! Pechade os ollos, escoitade o líquido caer dentro da copa con forza, os murmurios dos participantes de fondo, o tintineo do cristal… Cheira a froita, cada vez estou máis nerviosa. Eu non entenderei nada, pero gustar, gústame todo! (Se solto aquí e agora unha gargallada, é da emoción!)…

Un Master of wine é a esfera máis alta dos entendidos no universo e na cultura do viño. No mundo hai 360 persoas con este título. Vaia, alucinante!! “Traballar no mundo do viño dame aire. Todos os días aprendes algo novo”, asegurou Norrel. Por iso non debíamos perder detalle do que relataba o noso guía na cata á que fumos convidados nas adegas de Martín Códax, en Cambados. Comezou asegurando que non pretendía facer ningún monólogo, que agardaba a nosa participación e dixo que nos centráramos en conceptos principais como lonxevidade, intensidade e complexidade. “Debes identificar si un viño é equilibrado, largo, persistente, intenso, complexo, aínda que todas estas palabras, en especial as últimas, teñen moitos sentidos e ningunha tradución literal”. E si, a velada foi moi participativa, escoitábanse moitas voces, entremesturadas: “un viño pálido”, “flores brancas”… Cada persoa ten o seu propio vocabulario, explicaba, cuestionaba se o elixir era do vello ou do novo mundo. Os dous primeiros parecéronme bastante fortes, peculiares, o segundo cun sabor seco a madeira, deixaba un recordo intenso e prolongado na boca, pero eu non che sei…

Probamos nesta orde, cando no-lo descubriron, claro!: Un francés, “especiado, graxo”, de garnacha gris, un Jones, traído da rexión de Roussillon (2015). Un alemán, Wunderwerk, “complexo, largo de… -palabrota-“, morremos coa risa, eu dos nervios tamén! (2013). Un Vindel de Martín Códax, explicado por Katia Álvarez, enóloga da adega, que o define como “un branco con corpo de tinto” (2013). Un portugés, da zona do Alentejo, Esporão: un viño dunha zona cunha gran historia de vides e sen unha gran historia comercial, malia a calidade dos seus viños. “Un viño disociado de nariz cremosa”. (2015). Un grego, Assyrtiko, do que Norrel exclamou que era “rompedor, como un coitelo; marca o carácter da illa de Santorini, de onde é orixinario” (2016). E un australiano, Brokenwood, “un viño conflictivo con moitísima textura, moi rápido, contraditorio entre nariz e boca”, que foi a sorpresa da maioría (2011).

Falouse da importancia da idade das viñas, punto no que Norrel, contaxiado pola influencia dos galegos de pura cepa, case solta un: depende! Dixo que os anos das viñas son como os anos das mulleres, para gustos… E houbo moitas gargalladas, evidentemente. Pero doutro caldo, máis adiante, díxose que era tramposo, divertido, comparouse cos homes e houbo risas de volta! Non vos digo cales nin quen, porque senón xa o saberíades todo, e non pode ser! O mellor das catas é iso, as curiosidades, os momentos que regalan as persoas, os enólogos, os participantes, os detalles dos que están sentados preto de ti, as notas e debuxos no papel, as follas de libreta arrincadas, os brindis!!

Ao meu redor oíanse comentarios moi positivos sobre a experiencia, gratamente admirados tanto polo traballo do noso guía por entre as bebidas espirituosas, coma pola acollida e a recepción de todo o equipo de Martín Códax. Falaban de como cambiaran os viños dende que se serviran ata o final da cata. O ulido e as sensacións no ceo da boca son diferentes dun instante a outro, que marabilla!

Teño que dicir que volvín para a casa, non sen antes perderme polas rúas de Cambados ata topar co mar, co maletero mediado de botellas, porque dende a miña primeira experiencia entre viñedos, na que os excursionistas fumos sorprendidos por unha culebra entre os viñedos, e María Grille e todo o equipo da adega sábeno ben, na miña mesa nas ocasións brindamos sempre cun viño galego, cun escumoso no meu cumpreanos, e probamos de todo e achegado de todos os lados, porque probar é de sabios! Lembrade que a curiosidade é a base de todo invento e de todo descubrimento. Entrade nunha adega e descubride. Paseade entre parras, contemplade as vides, pechade os ollos, escoitade, cheirade, imaxinade e, dende logo, catade viños!