CompostelaCulturaDe librosNovas

A Quintana acollerá do 7 ao 16 de xuño a edición máis internacional do Festival da Lectura SELIC

O Festival da Lectura SELIC presentou o programa da súa oitava edición, nunha rolda de prensa á que asistiron Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural; Camilo Franco, director da SELIC; e Xaquín Núñez Sabarís, coordinador da sección Criminal.

Durante dez días, do 7 ao 16 de xuño, a praza da Quintana acollerá unha vintena de expositoras (librarías, editoras e institucións) e desenvolveranse máis de 60 actividades, que porán o foco na lectura para demostrar que é unha das mellores cousas que pode facer a humanidade, divertida e útil a un tempo.

Un ano máis, a SELIC avanza no seu obxectivo de se converter no “evento literario de referencia a nivel galego”, anunciaba Louzao, cun programa moi variado e heterodoxo “capaz de espertar ou ampliar as ganas de ler en calquera tipo de público”. En 2024 veremos a edición máis internacional de toda a historia do festival, coa visita de figuras como o irlandés John Banville e a palestina Adanía Shibli. Esta última recibirá “unha homenaxe especial por parte do Festival da Lectura coa colocación cunha pedra cun dos seus versos gravados no Xardín das Pedras que Falan (Fonseca)”, explicaba a concelleira.

Porén, ao tempo, tamén se trata da edición que ofrece unha maior amplitude na oferta da literatura do país, do Leo de Matamá a Rosa Aneiros, pasando por Afra Torrado, Fernández Naval ou Eva Veiga. “Hai un espazo no que o internacional e o propio se cruzan, e ese lugar é a carpa da SELIC”, explicaba Camilo Franco, incidindo tamén en que o evento se mantén vencellado a Santiago, quer na súa identidade quer nas historias que conta.

Crime en Compostela

Así o demostra un dos destaques deste ano: a celebración do cuadraxésimo aniversario de ‘Crime en Compostela’. Gañadora da primeira edición do Premio Xerais, a novela de Carlos Reigosa inaugura o xénero policial na literatura galega. Este bestseller protagonizado polo aventureiro Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde, presenta as pescudas dun asasinato arrepiante que sacode a comunidade compostelá e mostra o rostro oculto dunha cidade aínda esotérica e misteriosa.

O Festival da Lectura rende homenaxe a este fito, fundamental para o noso sistema literario, a través do seu cartel, no que aparece a pistola Star DKL do 9 curto, arma empregada para cometer o ‘Crime en Compostela’. Ademais, terá lugar unha mesa de debate arredor da importancia da obra, á que asistirán Fran Alonso, Xaquín Núñez Xabarís e o propio autor, Carlos Reigosa, así como dous paseos polos escenarios da novela e polos espazos do xénero negro na cidade, guiados polo escritor e crítico literario Mario Regueira.

Cartel desta edición da SELIC.

SELIC Criminal

Seguindo o camiño iniciado o pasado ano, a SELIC continúa coa súa vocación de reflexionar sobre o xénero negro coa súa sección Criminal. Segundo explicaba o seu coordinador, Xaquín Núñez Sabarís, nacía coa vontade de “cubrir o baleiro nos eventos galegos dedicados a este tipo de literatura, que ten sido moi cultivada no literario, no audiovisual, no cómic…”. Nesta segunda edición, co obxectivo de integrarse na rede de festivais negros, a SELIC Criminal acolle un encontro festivais negros, con Javier Rivero (Tenerife Noir), Javier Sánchez Zapatero (Congreso de novela y cine negro de Salamanca) e Miguel Barrero (Semana Negra de Xixón).

Esta será unha das actividades que colocarán o foco no criminal o último fin de semana do Festival da Lectura, do venres 13 ao domingo 15 de xuño. Ademais, varias mesas traerán a debate outras cuestións como os detectives de ficción, con Bieito Iglesias, Beto Luaces e Araceli Gonda; o cómic deste xénero, con Carlos Portela e Miguelanxo Prado; ou ata as tatuaxes criminais, da man de Servando Rocha.

A SELIC Criminal tamén nos achegará ás obras de Rosa Ribas, Sara Vila ou João Tordo; os dous últimos incluídos no Clube de Lectura Criminal que se desenvolve paralelamente na Biblioteca Pública Anxel Casal de Santiago e na Biblioteca Lúcio Craveiro da Silva de Braga, que terá no Festival da Lectura o seu punto de encontro. Os relatos negros de todo o mundo serán os encargados de fechar a SELIC con Crime en carpaccio, un espectáculo no que Simone Negrin.

Paseos

Ademais do paseo de Crime en Compostela, a SELIC ofrece 12 andainas para descubrir a cidade desde outra ollada. Repítense paseos que gozaron de grande éxito na anterior edición, que nos guían a través da Compostela máxica ou das gárgolas da cidade. Igualmente, este ano poderemos volver a internarnos no Doentes de Vidal Bolaño, percorrendo as rúas nas que transcorre a peza teatral nun paseo dramatizado que medra este ano, interpretado non só por Mónica Camaño e Silda García, senón sumando a Carlos Santiago e Clara Gallo.

A presenza do teatro na cidade será a protagonista de Escenarios de Compostela, guiado por Paula Carballeira, mentres Arancha Nogueira nos levará polas pegadas moradas da cidade; e Xavier Lorenzo Tomé polas personaxes e espazos da súa Baralla de Compostela. “Outros formatos requirirán unha participación máis activa por parte do público”, explicaba Louzao, como é o caso de Enigmas de Compostela, un xogo de pistas por equipos para atopar o Códice Calixtino, ou Pasa a noite con Meiji, caderno de viaxe nocturno, un obradoiro-paseo de pintura en acuarela. Este último forma parte da “sesión golfa” da SELIC, que estenderá o horario habitual de actividades o venres 14 e os sábados 8 e 15 de xuño.

25 de abril

Coincidindo co aniversario da Revolución dos Cravos, a SELIC aproveita para explorar os vínculos que unen este evento histórico coa Galiza. Ao fío do libro 50 anos de abril na Galiza, contaremos con Manuel Durán Clemente, capitán da Revolución de Abril, que dialogará co profesor Roberto Samartim, un dos editores. Ademais, a escritora galega Teresa Moure e a ilustradora portuguesa Maria João Worm achegarannos á singular e íntima visión que en Zeca Afonso. Balada do Desterro fan do cantor portugués.

Música, poesía e máis

A SELIC tampouco abandona a súa teima de traer a lectura ao directo con formatos diferentes, que con frecuencia hibridan distintas disciplinas artísticas. Esta edición do Festival virá cargada de música grazas á visita do Leo de Matamá co seu Libre de libro, de F. X. Fernández Naval e Eva Veiga co Fragor do urdido ou de Celso Sanmartín e Benxamín Otero con A cousa eterna. A Fundación Carlos Casares traerá nas súas Coordenadas outros dous recitais: un con Ghaveta e Rexina Vega; e outro coas cegas de Ouselle acompañando a Santi Romay, que interpretará textos de Xesús Fraga.

Tamén para crianzas

A SELIC mantén a súa decidida aposta pola programación para a cativada. Nesta edición contará con diversos contacontos, algúns deles ata con ilustracións ou música en directo. Ademais, trae propostas de obradoiros que mesturan desde o ioga ata a poesía, pasando polas cartografías persoais.

Máis colaboracións

Ademais da colaboración coas Bibliotecas de Santiago e Braga e a Fundación Carlos Casares, a SELIC continúa sumando socios e socias. Desta volta, conta co apoio do Colexio Oficial Arquitectos de Galicia, os Premios Follas Novas do Libro Galego, a Asociación Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o Festival Atlántica de Narración Oral, o Centro de Estudos Humanísticos da Universidade do Minho (CEHUM) e a Biblioteca José Saramago do Concello de Santiago. A estas cómpre sumar as colaboracións con centros de ensino, que acudirán á SELIC para ter algúns encontros con escritores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.