fbpx
CompostelaCulturaNovas

Santiago acollerá en xuño o VI festival FunFunFun de autoedición e banda deseñada independente

Foto: Concello de Santiago

O festival de autoedición e banda deseñada independente FunFunFun celebrará a súa sexta edición en Santiago, cun programa no que colabora o Concello de Santiago, a través dos departamentos de Xuventude e Centros Socioculturais. A concelleira María Rozas e o edil Xan Duro presentaron a actividade, xunto con María Gil, Manuel Barreiro e Xaime Lis, como representantes da organización. O evento será no mes de xuño, cunhas xornadas académicas na Facultade de Historia o día 4; e cunha gran festa con laboratorios de formación no centro sociocultural de Santa Marta o día 8.

A sexta edición de FunFunFun celébrase coa vontade de darlle ao evento unha maior proxección internacional, coa presenza de referentes os sectores creativos do Estado e de Portugal. A concelleira María Rozas explicou que “a vontade da concellaría de Xuventude e tamén contribuir á consolidación do evento, que está íntimamente ligado co público novo, cos intereses da mocidade e co fomento da súa creatividade. Na mesma liña, o edil de Centros Socioculturais explicou que “para nós é importante que a mocidade se achegue á rede de centros, e este é unha temática moi acaída para conseguilo, atendendo a disciplinas que non son as máis habituais na oferta dos centros socioculturais”.

Dúas xornadas

O festival FunFunFun divídese en dúas xornadas. A primeira delas, de carácter máis académico, será o 4 de xuño na facultade de Historia. Están previstas palestras de Teresa Moure, Paula Guerra, ou Miguel Anxo Rodríguez; e unha mesa redonda para intercambiar experiencias entre artistas de Galicia e do norte de Portugal, coa participación Miguel Carneiro, Marco Mendes, Berto Fojo e Natalia Umpiérrez.

O 8 de xuño, o FunFunFun trasládase ao centro sociocultural de Santa Marta, cunha intensa xornada na que haberá tres laboratorios de formación: o lab gráfico, con Maru Astray e Dani Xove; o Lab de Fotografía, co Club de Fotografía da Facultade de Comunicación; e o Lab Audiovisual, con Bruno Arias. A partir das 11.00 horas celebrarse a Feira de fanzines, e ao longo da tarde haberá diferentes sesións djs e performances.

Todas as actividades son de balde, e a inscrición pode facerse a través da web funfunfun.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.