Ule a queixo de Arzúa, nenos!!!

Xa está na porta o queixo, o de Arzúa! E sabédelo. Sep. Unha das mellores feiras que hai en Galicia, non só pola cantidade de ricos queixiños que podes probar e mercar no recinto feiral da vila veciña, senón polo festival musical, as actividades e a gastronomía que hai ao redor da Festa do Queixo de Arzúa.

Pero primeiro o primeiro. Imos ir comer ata enchernos coma toupas, queixear, bailar, berrar, cantar, ir de bares, coñecer aos que son de alí, facer novos amigos, beber uns “guailais” e non queremos conducir… Así que hai que quedarse. Se hai que ir, vaise! Pero ir para nada, é unha parvada!

Eu vouvos suxerir onde. Na rúa Xosé Neira Vilas, indo cara a casa dos pais de Ángel e Jorge (información local) haiche unha casa señorial do século XIX, a pensión Domus gallery. O seu público maioritario son os peregrinos, pero como arzuano de pro, o seu encargado, Alejandro Pampín (non poño alias, que isto é un texto serio) inaugura tempada, aproveitando a mellor festa do pobo. A intención é que a xente dos redores faga noite aquí e aproveite mellor o día e as deshoras, tamén, queridiños! Que teño que dicilo todo.

Tenche máis reservas que o ano pasado, así que apurade e pedide habitación que comigo non colledes todos! Moitos dos hóspedes desta pensión tan cuqui veñen expresamente aos concertos, e veñen de toda España, non só de Galicia. Veñen aos do Queixo Maquetón, a ver aos gañadores Inerttes, a Heredeiros da Crus, Sés, Xabier Díaz e As Adufeiras de salitre, Los Secretos, Broken Peach, Rafa Morcego DJ… Como vedes, haiche para todos os gustos e é un cartel xeitosiño, xeitosiño. Se a isto sumamos as deliciosas tapas con queixo Denominación de orixe Arzúa-Ulloa que fan os bares da vila e o ambiente que hai entre os que son de aquí e os que vimos á festa: é cha-pó!! Non hai motivos para non querer vir e durmir aquí, pero non a ras de chan, nin nunha cuneta! Facede o favor.

E por que escoller a Domus gallery de Alejandro? Porque lle quedou niquelada!! Aquí estivo el picando pedra, día tras días, deixándose quilos e aforros. Porque, en xeral, contou con amigos e empresas da zona para deixar un establecemento restaurado coma novo, cómodo e diferente. Xa sabemos que Iván, “Chiringuito” lle axudou coa lus!!, por exemplo. (Outro chiste local, se queredes saber quen son, vide ao queixo!) Que o almorzo mándache tomalo en “A Lúa”, que está aquí ao lado e onde che atende Isa, a nai de Sheila, máis boa que o pan que vende!! (Tamén ten unha chea de gominolas e café moi rico!! Chisco, chisco).

Este arzuano, que estudou Artes Gráficas, en tempos de crise e sentado nun bar -como non- con seu pai, ideou comprar esta casa con historia e de estilo indiano, en parte. Iso foi en novembro de 2015. “O seu dono, arzuano tamén, era director dun banco e emigrou a Cuba, onde tiña unha fábrica de tabaco. Ao xubilarse volveu e fixo unha ampliación na casa, de aí que se notara unha diferencia dentro da construción. Ao morrer, enterrado está en Arzúa, quedaron varios herdeiros. O edificio é de 1890, polo menos a parte da galería, aínda que a parte de atrás é máis vella, calculamos que pode ter uns 250 anos. Ten trescentos metros cadrados. Está no centro da vila e de lado do Camiño de Santiago. E foron varios os elementos arquitectónicos antigos que se conservaron, como o lavadoiro que está nunha das habitacións, debaixo dunha ventá. Era unha antiga cociña situada na primeira planta. Había dúas pedras de lavadoiros, unha rompeu na restauración. Aporta identidade ao local, ao igual que os muros de mampostería e os dinteles (vigas) das fiestras, que tamén conservamos. A zona interior está toda rehabilitada, con madeira e metal. Intentamos conservar o que se puidera e despois seguir liñas sinxelas, nada de ornamentos”.

E sabías que, ademais de todo, na Domus gallery podes adquirir un queixiño orixinario desta zona? En case calquera local de Arzúa podes mercalo, así que non marchedes sen un! É importante ir aos concertos, tomarlle algo e botar un aturuxo, pero tamén o é contribuír coa economía local, cos negocios pequechos, comendo no sitio, mercando, porque os galegos facemos país indo de bares e ata indo ás festas!

Posdata. Se bebes, chama un taxi! Eu teño o número de teléfono de Moisés. É taxista, de Arzúa, tamén!!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.