fbpx
CompostelaCulturaNovas

Regresa o Cineclube de Compostela cunha programación en liña

Ante imposibilidade de proxectar cinema como até agora, o Cineclube de Compostela decidiu pór en marcha unha programación en liña, que comezará cun ciclo artellado arredor da interactividade e a perda do material audiovisual. Este mércores 2 de decembro poderemos ver as pezas Sesións de espiritismo (Seances, Canadá, 2016), de Guy Maddin, Evan Johnson e Galen Johnson, e Astronauta (Astronaut, EUA, 2011), de Andrew Wong e James Thompson. A sesión terá lugar no horario habitual, a partir das 21:30 horas, e presentarase a través do Instagram do Cineclube, onde se publicarán os enlaces e se realizará unha introdución e un coloquio posterior.

Sesións de espiritismo é unha experiencia fílmica única, ideada por Guy Maddin coa colaboración de Evan e Galen Johnson. Entristecido polo feito de que arredor do 80% do cinema mudo se considere perdido, Maddin decidiu reconstruír filmes desaparecidos ou nunca rodados de directores como Alice Guy, Erich Von Stroheim, Ernst Lubitsch, Jean Vigo, Aleksandr Dovzhenko, Kenji Mizoguchi, Lois Weber, William Wellman, Mikio Naruse ou F.W. Murnau. No Centro Pompidou de París e, posteriormente, no Phi Centre de Montreal puxo en escena estes títulos para proxectar posteriormente as pezas que tentaban capturar “o espírito dos filmes, non o dos realizadores”.

Estes materiais e outros máis tomaron vida, logo das proxeccións de París e Montreal, nun formato web no que se presenta unha experiencia interactiva irrepetíbel. A través dun sitio web, un algoritmo combina os fragmentos para presentar un filme único a cada visitante, que logo de ser visto será borrado e nunca se volverá reproducir. A reproducción está pensada como individual e transitoria: non se pode pausar, rebobinar ou descargar. Unha vez que a ves, desaparece.

Nado en Winnipeg, Canadá, en 1956, Guy Maddin comeza a súa filmografía no underground de Winnipeg, onde xa mostra algunhas das constantes do seu cinema: ironía e humor entrelazados cunha historia tráxica, mestura de xéneros, experimentación formal e numerosas referencias e homenaxes ao cinema. A súa obra conta con máis de trinta títulos entre os que destacan algúns como Arcánxel (1990), Drácula: Páxinas do diario dunha virxe (2002), A canción máis triste do mundo (2003), Marca no cerebro! (2006), ou A miña Winnipeg (2007), que puidemos ver no Cineclube.

Xunto con Sesións de espiritismo poderase ver tamén Astronauta, outra proposta que xoga coa aleatoriedade e a invisibilidade. Creada por Andrew Wong, enxeñeiro de visualización de datos, e James Thompson, deseñador de produtos, esta web parte da idea dun extraterrestre que apunta a distintos lugares da terra cun potente telescopio. O programa presenta un fluxo constante de videos sen nome e sen editar de YouTube, practicamente sen visualizacións, que cambian cada varios segundos a non ser que o usuario toque o botón para permanecer neles.

A seguinte sesión online do Cineclube será o mércores 16 de decembro, día no que se poderá ver O filme infinito (La película infinita, Arxentina, 2018), de Leandro Listorti. Seguindo co cinema perdido, esta fita utiliza os restos de filmes arxentinos inacabados para construír unha historia paralela do cinema, unha historia sobre o que non foi.

COMO FUNCIONA O CINECLUBE EN LIÑA?
No tempo no que o Cineclube de Compostela leve a cabo a súa programación a distancia, o esquema para as sesións será o seguinte:
1. Presentación en liña a través dun directo na canle de Instagram do Cineclube.
2. Visionado das obras, que se tratarán de pezas dispoñibles en liña e en aberto a través de diferentes plataformas. Facilitarán os enlaces a través das súas redes e do seu blog no propio día da sesión.
3. Encontro en liña, de novo no Instagram, para compartir impresións sobre as obras.

Os filmes serán, como viña sendo habitual, proxectados en versión orixinal, e a folla de sala que complementa o visionado será publicada como entrada no blog do Cineclube.