Nuria Quintela, de O Afiador: “O viño é un túnel sen saída. Entras e caes profundamente”
Por Rebeca Munín @rebecamunin
Cando Nuria Quintela se iniciou na hostalaría todo era novo para ela. Viña de estudar Relacións Laborais e sen experiencia ningunha nun sector que é moi duro laboralmente, pero “tamén moi satisfactorio”. Foi o seu home, o cociñeiro Fran Rosas, quen a introduxo neste mundo aló polo 2002. Hoxe en día, co seu título de sumiller baixo o brazo, exerce de xefa de sala en O Afiador. E desde alí, tamén rexenta os outros dous locais da familia, as pulperías-vermuterías O Trasmallo e Redeira.
O ano que vén O Afiador cumpre unha década. Que balance fas deste tempo?
Levabamos moitos anos con A Barrica, que abrimos no 2002 (agora é O Trasmallo), e gustábanos este local que estaba en fronte. Ata que no 2010 dímolo conseguido. Fomos evolucionando, pasamos pola crise económica e agora demos un cambio importante. Especializámonos na cociña e tamén nos viños, desde que eu fixen o curso de sumiller.
Empecemos pola cociña, que tipo defendedes en O Afiador?
Utilizamos produto galego e caseiro. Cociña moi de casa, moi Atlántica. Por exemplo, para as marmeladas, utilizamos os froitos que cultiva a familia do meu home, que son de Cangas, como pementos, pexegos, figos… Ou para o cocido empregamos as patacas que plantan eles porque non se desfán.
Entón, por un lado, sempre tivemos claro que empregaríamos un produto cercano e de tempada. E por outro, desde que naceu o noso fillo, especializámonos en intolerancias alimentarias. No hospital de Santiago está o Centro de Atención a Enfermidades Metabólicas e Metabolopatías. Son centro referencia. E hai moita xente que ten enfermidades metabólicas que veñen aquí, porque saben que poden atopar comida axeitada para eles.
Tamén vos preocupastes por contar cun espazo para nenos e nenas. Por que?
Porque queriamos que as nais e os pais puideran comer tranquilamente, tendo aos nenos nun lugar seguro. Entón fixemos unha parte no xardín como de parque, con algúns xogos.
O pasado mes de novembro cambiastes a parte de abaixo do local e naceu Arauxa. Cóntame que é.
Si, decidimos deixar a parte de restaurante arriba e facer a parte de abaixo máis informal, para tomar un viño e algunha tapa. Iso é Arauxa. Temos dúas cartas. ‘Amaral’ e ‘Arauxa’, que é unha viaxe na que facemos paradas nas diferentes denominacións de orixe. Cámbiase cada mes e medio. Agora, por exemplo, estamos en Ribeira Sacra e temos unhas 15 referencias da zona.
E despois temos viños moi diferentes ao que podes atopar noutros sitios da cidade. Temos de países como Francia, Italia, Eslovenia, Grecia, Rumanía, Arxentina, Chile, Sudáfrica…
Aquí, por exemplo, podes beber un Tondonia. A copa é cara, está a 11 euros, pero onde podes tomar un Tondonia do 99? No Arauxa podes facelo grazas a un marabilloso aparello que se chama Coravin que nos permite utilizar calquera tipo de botella sen ter que abrila. E así non se estropea.
E os clientes, atrévense a probar viños diferentes? Déixanse aconsellar?
(Sorrí) Hai de todo. Hai xente moi aberta de mente. E a min encántame que me pidan consello. Vexo o ceo aberto! Os gregos están gustando moitísimo. Pero tamén hai xente que non. Que vén coa idea dun viño en concreto.
Dirías que, en xeral, falta que teñamos un pouco máis de coñecementos sobre o viño?
Si, fáltanos por coñecer moito. É un mundo que é un túnel sen saída. Entras e caes profundamente. (Sorrí) Eu ata fai dous anos, non consumía viño, nada, non me gustaba. E mira agora!