fbpx
CompostelaCulturaNovas

O Centro Dramático Galego estrea ‘Os actos e as profecías’, un espectáculo que pon ao público no centro

Foto: Xoán Crespo.

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea Os actos e as profecías, a produción central do seu 40º aniversario, este xoves 11 na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, onde desenvolverá 48 funcións ata o 26 de maio. Tamara Canosa dirixe esta nova proposta, á que lle dan vida 20 intérpretes, constituíndo un dos elencos máis numerosos do CDG nestas catro décadas de historia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu na presentación do espectáculo canda o director do Centro Dramático Galego, Fran Núnez; a propia Tamara Canosa, quen tamén asina a dramaturxia con Xacio Baño, e Raquel Espada e Manuel Cortés, en representación dun equipo interpretativo interxeracional e multidisciplinar. Conviven nel tanto nomes moi coñecidos da escena galega, que xa teñen participado en anteriores producións do teatro público, como caras novas para as que Os actos e as profecías supón o seu debut na compañía institucional.

Ademais de enmarcar o espectáculo no amplo programa da conmemoración destes 40 anos, o responsable de Industrias Culturais subliñou que o Centro Dramático leva traballando máis dun ano nesta proposta ao abeiro do proxecto europeo Phōnē, do programa Europa Creativa. Baixo o lema Dándolles ás linguas minorizadas unha voz, participan nesta iniciativa distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto con entidades escénicas doutros sete países: Alemaña, Francia, Irlanda, Italia, Noruega, Países Baixos e Romanía.

Máis accesibilidade

Para Sutil, Os actos e as profecías exemplifica a folla de ruta que está a seguir nos últimos anos o teatro público galego, con especial incidencia neste ano de celebración. Neste sentido, xunto co devandito traballo de internacionalización, que neste caso se centra no contexto europeo, a nova produción afonda na accesibilidade territorial co reforzo do servizo de mobilidade do Centro Dramático Galego, grazas ao que público procedente de medio centenar de concellos das catro provincias fará uso do servizo de autobuses habilitado para asistir ás funcións no Salón Teatro.

Subliñou, así mesmo, a aposta do CDG pola inclusión a través das habituais funcións descontraídas dos mércores, que posibilitan unha atmosfera acolledora para persoas con déficit de atención, espectro autista e deficiencias intelectuais ou sensoriais, e mais a aplicación do seu sistema SINTE para que o público con discapacidade visual e/ou auditiva poida gozar igualmente do espectáculo.

Foto: Xoán Crespo

Sinopse

Outra das liñas de acción do CDG que se materializan nesta proposta é o apoio á dramaturxia galega actual, neste caso a través do traballo de Tamara Canosa e Xacio Baño. Co mundo dos talent shows como punto de partida, Os actos e as profecías lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.

Segundo a directora do espectáculo, este tipo de espectáculos televisivos “conteñen moitas fendas vitais con potencialidade para amosar os puntos de fricción entre a vida e os soños”. Para levar esta idea ás táboas, Canosa aposta por un uso diferente do espazo escénico a partir do deseño de José Faro, quen asina tamén a iluminación con Iván Nuñez Casal. Conta, ademais, con Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay no vestiario e caracterización, Rut Balbís a cargo do traballo de movemento, Xosé Lois Romero do espazo sonoro e Laura Míguez como axudante de dirección.

As interpretacións corren a cargo de Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro Cou, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal.

“Nós construímos isto arredor dun convite que nos fixo o CDG de poñer ao público no centro. E isto fixémolo de diferentes formas. A primeira, e máis evidente, é a transformación física do espazo. Que as persoas teñan preto aos actores e actrices, as voces, o movemento rodeándoos… pareceunos que fortalece a experiencia e que fai que sexa distinta e especial”, apuntou Tamara.

Neste sentido, unha das intérpretes, Raquel Nogueira, destacou que para o seu traballo “a conexión co público é moi importante”. “Ter esta canle directa de comunicación, poder mirar aos ollos á xente, é unha oportunidade moi boa”, afirmou.

Horarios e venda de entradas

As funcións de Os actos e as profecías desenvolveranse de mércores a domingos ás 18,00 h., cun segundo pase ás 21,00 h. os venres e os sábados. A venda de entradas xa está dispoñible en ataquilla.com e tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación.

Como actividade complementaria a esta produción, os días 8, 15 e 22 de maio levaranse a cabo as Improversións que, en colaboración con The Momento Impro, achegaranlle ao público unha serie de improvisacións con esta produción como punto de partida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.