fbpx
EntrevistasGalicia

Novo Cinema Galego VII: Oliver Laxe, a enerxía de crear

Oliver Laxe, na libraría Numax. Foto: Iván Barreiro

Escoitar ao novo Oliver Laxe (París, 1982) é coma escoitar a un mestre oriental reflexionando pausadamente sobre o cinema galego. A través dos recunchos do seu discurso, desciframos o seu pensamento  sobre a verdadeira esencia do noso cinema, o seu o estado actual e o seu futuro. Advírtenos do éxito e tamén do perigo de acomodarse.

Un autor que coñece o aplauso internacional; alabado en Cannes e polo sacrosanto Newyorker; que non traballa con actores profesionais senón con “persoas”; que descobre aos nenos “a enerxía de crear” e que cre que o cinema galego é máis clásico que nunca grazas á volta ao seu auténtico espírito.  De novo o espírito, de novo o mestre oriental.

“Mimosas” foi elixida como unha de las películas de 2017 polo Newyorker. Como te sintes?

Ben, sobre todo vendo o resto das películas que están na lista, que son todas moi boas. Os críticos do Newyorker son duros. Xa “ Todos vós sodes capitáns” estivo na posición decimosegunda desta revista.

Recoñecida en Cannes, logo polo Newyorker… A que cres que se debe o éxito da película?

Ao traballo. Había unhas necesidades de facer esta película e iso se nota. Non hai segredos. A vida é moi xusta. Depende do amor e do traballo. Hai algo inmaterial en todos os xestos que facemos e que se acaba sentindo no traballo.

“Mimosas” ten un estilo oriental que tamén se aprecia nas túas temáticas: o rural, a natureza… Sénteste influenciado por algún director en especial ou polo cinema oriental?

Oriente é o único espazo onde aínda existen certas inspiracións relacionadas co esotérico. O cinema é unha ferramenta de comunicación puramente esotérica, de transmitir algo sutil a través de proporcións. Hai autores occidentais dos que poderíamos dicir que o seu cinema é oriental, grazas a esta ferramenta esotérica. Por exemplo, Andrei Tarkovsky, Robert Bresson ou Yasujiro Ozu.

Tanto en “Mimosas” como na próxima “Aquilo que arde” recorres a actores non profesionais. Que aportan ó teu cinema este tipo de actores?

Verdade, algo único. Pero ante todo, traballo con persoas;  aínda que traballase con actores profesionais, estaría traballando coa persoa dese actor.

Primeiro atopo a unha persoa que me parece fermosa e a partir dese encontro escribo algo para esa persoa. Ou escribo un guión con personaxe e despois busco a unha persoa que teña o mesmo patrón, a mesma cicatriz interior. Nos dous camiños sempre traballo sobre unha análise intuitiva desa persoa e coa cámara intento acoller esa verdade profunda.  Ao final encaixa persoa, relato, personaxe.

No futuro traballarei con actores profesionais, o que pasa e que agora os proxectos non o requiren.

Como ves o panorama audiovisual en Galicia?

En xeral ben. Penso que a esencia galega está marcada pola relación coa natureza e que se está recollendo nas nosas películas. Antes había demasiada copia doutros cinemas. Era un cinema intrascendente. Sin embargo, agora xurdiron novas sensibilidades, novos guerrilleiros, que fixeron pelis que tiraron dos festivais (hai moi bos festivais en Galicia), que a súa vez empuxaron aos cineastas; creáronse novos públicos, hai unha nova camada de produtores…

Apareceron ademais vasos comunicantes entre cineastas, críticos e programadores,  o que foi bastante fértil, e incluso temos distribuidores como Numax. Tamén as administracións seguiron esta sensibilidade.  Cada vez somos máis hexemónicos.

Pero tamén hai certos perigos. Temos que ver como podemos trascender certo escapismo hacia á natureza, de forma que non se converta nunha zona de confort. Deberíamos trascender a nosa propia mirada e a maneira de producir; ser ambiciosos sen selo; facer películas con máis tempo e fondos para crecer sen perder a identidade.

A maior parte dos directores que entrevistamos para esta serie caracterízanse polo cosmopolitismo. Estudaron ou desenvolveron a súa carreira fóra de Galicia, triunfan en festivais internacionais, aínda que seguen vencellados á terra. Cres que hai que marchar para volver?

Non me parece imprescindible ter que saír de Galicia (Oliver enlaza aquí cunha reflexión sobre o espectador para facer entender que o cinema galego actual é fiel a sua esencia aínda que os seus autores estean en Madrid, Barcelona ou Nova York). O espectador está moi atrofiado. Se lle ninguneou desde a produción cinematográfica polo que aquí o difícil foi entroncar coa esencia do noso cinema. Agora en realidade o cinema que facemos é clásico.

Oliver se define a sí mesmo coma “clásico”. Paradóxicamente,  “París “ é o título da última curtametraxe de Oliver antes de “Todos vós sodes capitáns” e á que lle teñe especial cariño. Foi o seu primeiro éxito. De novo, o cosmopolitismo.

Fálanos do proxecto de curta en Os Ancares. Como foi a túa experiencia cos nenos?

Traballo moito en colexios e institutos. Traballamos en tres sesións durante un periodo de seis meses. Trátase de divertirnos e de que os nenos entendan o que é un proceso creativo de maneira inocente e lúdica. A idea é que sintan a enerxía de crear. Sentámonos en círculos e dígolles que estamos coa caña de pescar a ver que ideas pican. Eles mesmos acaban creando. É unha viaxe fermosa.

E que hai do teu próximo proxecto, “Aquilo que arde”?

Queremos recoller certas texturas do rural, silencios, miradas, hábitos… Penso que todos os galegos temos imaxes das nosas casas en xestos cotiáns. Queremos capturar xestos de fraxilidade nun contexto de decadencia, de deriva mecanicista e racionalista na que estamos. Queremos falar desa tensión entre un mundo que está a morrer e outro que é un cadáver. A modernidade é un zombie.

Esta loita entre dous mundos contrapostos chegará no 2019.