fbpx
CompostelaNovas

Música, gastronomía e visitas guiadas no ciclo ‘Edición Limitada’ do Pazo de Faramello

Do 4 ao 27 de setembro, o Pazo do Faramello volve retomar a actividade cultural que o caracteriza cun proxecto multidisciplinar baixo o título ‘Edición Limitada’. Nel, música, gastronomía e visitas guiadas ao propio Pazo unificaranse en 5 propostas diferentes e gastrúnicas para as que xa se pode facer a reserva de xeito gratuíto. A iniciativa, posta en marcha por Mada Producións e o Pazo do Faramello, conta co financiamento do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e “é unha das que máis nos interesou de todas as presentadas, xa que reúne diversas facetas nas que Galicia destaca”, en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Á presentación do proxecto, que se celebrou na Horta do Obradoiro, entidade colaboradora, asistiron o cociñeiro deste restaurante compostelán Kike Piñeiro, o alcalde do Concello de Rois, Ramón Tojo, a representante de Mada Producións, Inés Portela, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o pianista e concertista da Edición Limitada 2020, Manuel Gutiérrez.
A sesión inaugural, do vindeiro venres día 4, correrá a cargo do pianista Manuel Gutiérrez ás 19 horas cunha visita guiada ao dito Pazo prevista para as 18 horas. A seguinte cita terá lugar o domingo 20 de setembro por partida dobre. Pola mañá, ás 11 horas, poderase realizar unha visita ao Pazo para, ás 12, participar nun obradoiro de cociña impartido polos cociñeiros da Horta do Obradoiro Kike Piñeiro e Eloy Cancela. Xa á tarde, ás 18, de novo visita ao Pazo para ás 19 poder asistir ao concerto acústico de Germán Díaz e Benxamín Otero. Xa o domingo 27, ás 11, celebrarse unha visita guiada ao Pazo, de novo obradoiro de cociña ás 12 para, pola tarde, poder gozar co concerto acústico de Faia ás 19 horas coa visita prevista para as 18.
Os concertos gravaranse con multicámara para poder emitilos online posteriormente.
Non será así nos obradoiros, “pero si van facilitar as receitas”, explicou Inés Portela.
Para poder asistir ás ditas programacións, é necesario escribir un correo electrónico a inesportela@madapro.gal ou chamar ao teléfono 690-195-217.
Reactivación da actividade cultural trala Covid-19
Esta primeira ‘Edición Limitada’ está financiada co Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. No marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, Política Lingüística promoveu a creación dun repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega. Para García, “van ser xornadas que valerán de modelo para que se poidan facer noutros lugares”, xa que “son proxectos os ideais para achegar de novo a cultura á cidadanía”, opinou o secretario xeral de Política Lingüística. Ademais, agradeceu ao Concello de Rois “que sempre está ao dispór da nosa rede de cultura” e a todos os que participan no proxecto.
A responsable de Mada Producións, Inés Portela, agradeceu a implicación de todos os participantes no dito ciclo, cunha mención especial a Valentín García e a Ramón Tojo por apoiar os primeiros pasos do mesmo. Para Mada, volver a estas actividades “é volver á Cultura como xa fixemos no Pazo” en anteriores ocasións. Atención personalizada, cunhas 20 ou 30 persoas cada día para gozar dunha “experiencia única. De aí o nome”, apunta.
Pola súa banda, o alcalde do Concello de Rois, Ramón Tojo, agradeceu a “grande inversión que se vai facer desde a Consellería”, así como considerou moi importante que se “sigan facendo cousas para que o noso pobo e Galicia sigan avanzando cada un no seu nivel”, afirmou.
Kike Piñeiro, da Horta do Obradoiro, amosouse moi satisfeito porque “a Xunta apoie estes proxectos pequenos, que apoie aos cociñeiros, aos pianistas, a estas xornadas”. Ademais, o cociñeiro avanzou que nos obradoiros que impartirán no Ciclo, os produtos cos que traballen “serán de proximidade, de Rois e Ribeira, o meu pobo”, indicou.
Segundo relatou Inés Portela, ‘Edición Limitada’ quedará “como unha marca”, e para iso xa “utilizamos o selo da fábrica de papel que foi o Pazo no seu día”, puntualizou. Seguir programando actividades tales coma contacontos, poesía sempre baixo esa marca, “medrando e aumentando sempre que a Covid-19 o permita”, concluiu.
Neste sentido, Valentín García indicou que o departamento que dirixe seguirá “apoiando proxectos” para axudar o tecido cultural, “para as empresas culturais en sentido amplo”, aclarou. Ademais, o secretario xeral de Política Lingüística, indicou que farán eses investimentos “para que a rede poida resistir a travesía no deserto” e buscar a hibridación dunhas cousas con outras que temos. Que temos moitísimo”, finalizou.