fbpx
Entre MúsicasGalicia

MJ PÉREZ: “Gústame facer pensar e deixar as preguntas sobre a mesa”

Por Xiana Lastra

María José é licenciada en Comunicación Audiovisual e música. Foto: Miguel Gandío
María José é licenciada en Comunicación Audiovisual e música. Foto: Miguel Gandío

MJ Pérez é sen dúbida unha das mulleres clave da música galega actual.

Con tan só vintecinco anos, leva ás costas un bo feixe de letras profundas e melodías das que se che pegan e rematas levando contigo para sempre.

Se tivese que definila nunha palabra escollería “inquieta”. Se fose en dúas, “inquieta e talentosa”. É licenciada en Comunicación Audiovisual, unha faceta que vincula directamente á súa carreira artística e fai do seu traballo musical algo aínda máis especial. Neste momento está percorrendo os palcos co seu último traballo discográfico, “Casandra” (2017), e desde hai pouco tempo é parte da directiva da asociación Músicas ao Vivo (si, con A, pois vén de cambiar a súa denominación escollendo unha opción máis inclusiva).

Cóntame como chegaches ao mundo do audiovisual, como ao da música e como compaxinas as dúas vertentes.

Cheguei ao audiovisual por vocación e á música porque “a cabra tira ao monte”, como sempre digo. Se ben é certo que escollín en firme o mundo do audiovisual e foi aí onde me especialicei, podemos dicir que “MJ Pérez” nace cando eu estaba estudando a carreira de Comunicación Audiovisual na Coruña, porque foi entón cando comecei a compartir co mundo as primeiras cancións, sen ningunha pretensión, algo que despois deu forma ao meu primeiro álbume: “Ollos que non ven, síntoma de cegueira”. Pronto me decatei de que non teñen por que ser dous camiños separados, máis ben son dous camiños que se complementan dun xeito moi interesante… a música potencia ao audiovisual e viceversa.

Fas a túa música, produces, deseñas, gravas os teus propios videoclips… dende logo é unha virtude poder facelo todo ti soa, mais… consideras que tamén é unha consecuencia da situación que vive a “industria” galega actualmente?

Co que eu fago quero dar testimonio e animar á xente a traballar por facer cousas e por facer realidade aquilo que queren… agora ben, para nada debe ser a tendencia para unha artista o “faino todo ti”. No meu caso, estou segura de que se non fose polo meu lado multifacético, non estaría nin facendo esta entrevista porque sería o dobre de difícil chegar á xente. Precisamente por isto é polo que me dá verdadeira mágoa ver a situación de tantas propostas e grupos que, a pesares do gran talento, están bastante sós no medio desta industria e, logo de loitar un tempo, chega un punto no que tiran a toalla porque pode chegar a ser moi desesperante. Tamén o é para min, eu creo que hai batallas que gaño por teimuda, pero realmente moitas veces faise moi frustrante e costa arriba este camiño. É precisamente por isto que considero que deberiamos traballar por mellorar a nosa industria, hai moito talento, agora falta crear unha boa infraestrutura, que se adapte aos novos tempos, aos novos públicos, ás novas propostas e á diversidade musical que hai no noso país.

É esta situación a que fai que te vincules á directiva de “Músicas ao Vivo” nesta nova etapa da asociación?

Cando me propuxeron entrar na directiva de “Músicas ao Vivo” a miña resposta foi “nin de coña” (hahaha). Eu nunca estiven en nada semellante e pola miña idade e polo tempo que implica meterse en algo así, non as tiña todas comigo. Pero si que é certo que sempre falo de camiñar cara mellorar moitas cousas, de tratar de unirnos para loitar por aquilo que queremos…, e vin unha oportunidade para traballar e aportar o que está da miña man. Estou aí, pero para min é unha responsabilidade moi grande e algo moi serio, non debemos esquecer que estamos para traballar ao servizo das socias e de todas as músicas en xeral. Hai moito por facer e só agardo que saibamos estar á altura.

Cando comeza a nacer a MJ música? Como foi o paso cara a composición propia?

Comecei a compoñer ao pouco de aprender a tocar a guitarra (cando tiña eu 14 anos). Xa dende un comezo descubrín unha inclinación a escribir e cantar cousas que saían de min. Os primeiros temas eran cancións que escribía unha adolescente que realmente estaba xogando un pouco coas palabras e coas melodías, pero máis adiante chegaron temas coma “Sempre” (que ten a súa orixe no meu primeiro disco),“Ninguén” ou “Mirarte”… xa comezaba eu a atoparme. Pero creo que calquera que escoite os 3 discos (“Ollos que non ven, síntoma de cegueira”, “Guerrilleira” (2015) e “Casandra” (2017)) ve aí tamén unha evolución e un camiñar cara a madurez en moitos aspectos.

Como é habitualmente ese proceso para ti? Por onde adoitas comezar unha canción, pola letra ou pola música? Que pretendes transmitir?

Eu son demasiado inquieta, e realmente a miña cabeza está en modo “centrifugado” constante. Non entendo de procesos para compoñer, só entendo de creatividade e de ideas. Moitas veces xorde primeiro a letra, ou fragmentos dela, outras veces estou a voltas coa guitarra e nace primeiro a música. Hai veces nas que é un sentimento ou unha idea o que me leva a escribir e cantar… realmente non hai proceso, hai creatividade, hai un “deixarse levar” polo que vai nacendo de dentro, e isto é o que fai que teña sentido para min. Tamén pretendo transmitir centos de cousas, as miñas cancións teñen moitas capas de lectura, hai que escoitalas varias veces para ir descubrindo o que gardan. Gústame facer pensar e deixar as preguntas sobre a mesa.

MJ Pérez forma parte da nova directiva da asociación Músicas ao Vivo. Foto: José Dáspatas (Músicaengalego)
MJ Pérez forma parte da nova directiva da asociación Músicas ao Vivo. Foto: José Dáspatas (Músicaengalego)

Escoitando os teus tres traballos discográficos percíbese un cambio na concepción da túa música, como unha “apertura” á universalidade que acada o seu culme en “Casandra”, onde incluso se pode escoitar algún ritmo latino. Era esa a túa intención? Como cres que foi esa evolución?

É certo que “Casandra” se pode considerar máis “universal”, pero non camiño intencionadamente cara aí. “Casandra” xurdiu como xurdiu, houbo temas que quedaron fóra, houbo dous temas que rescatei do meu primeiro disco… eu non concibo os traballos cunha intencionalidade de cara o público, para min cada disco é un proxecto independente, que ten vida propia e que conta a súa propia historia. O propósito principal que teño con cada disco é compartilo coa xente, xa o fixen así co primeiro sen nunca imaxinar o feito de chegar ata aquí. Noto que hai unha evolución, noto que hai unha madurez, gana de escribir e falar doutras cousas… pero todo isto é o que me vai pedindo o corazón, non a cabeza. Esa inclinación recente cara ritmos latinos, aínda hoxe me pregunto de onde sae, mais non atopo resposta (hahaha)

Tamén está presente dalgún xeito a música portuguesa. Sei que túa nai é de alí e que ti tes moita vinculación co fado e es gran seguidora de grupos como “Deolinda” ou “Ana Moura”. Temos unha asignatura pendente con Portugal? 

Sempre digo que son tan galega coma portuguesa, síntome tanto de aquí coma de alá. Portugal era unha asignatura pendente, mais creo que xa conseguín sacar parte desa espiña este verán, que estiven actuando con toda a banda no Perosinho Cultural… e ese foi un dos meus soños dende nena. Mais creo que aínda hai moito que facer con Portugal. Un dos meus propósitos é traballar todo o posible por construír verdadeiramente unha ponte que nos una, porque creo que aínda non estamos todo o preto que deberiamos e que se poden facer moitas máis cousas. Véxoo demasiado claro porque estou aquí e estou alá ao mesmo tempo. O que teño por seguro é que vou traballar e poñer toda a miña creatividade ao servizo deste propósito. En breve presentaremos varias cousas relacionadas con Portugal, unha delas será o meu primeiro singleen portugués.

Estaremos moi atentas. Sabemos que tes referentes en Portugal, cales dirías que son os teus referentes a nivel musical en Galicia?

Referentes como tal é difícil dicir porque todo o que escoito despois ten pouco que ver con todo o que fago (hahaha). Debo dicir que escoito moitas propostas, de moitos estilos e artistas. Por destacar unha das centos delas, direi Leilía, que me teñen enganchada dende pequeniña. Esta formación ten case tantos anos coma min e aí seguen dando guerra, un grupo de mulleres que foron facendo o seu camiño e que agardo que continúen por moitos anos máis. O seu último disco, “Consentimento” é deses discos polos que non pasa o tempo e que podes escoitar mil veces sen cansarte.

Que perspectivas de futuro tes? Hai actuacións con “Casandra” aínda en mente ou estás a traballar nun futuro traballo? Pódesnos contar un pouquiño?

Como son miope, non vexo moi ben o que vén ao lonxe, pero a miña cabeza sempre vai moi por diante do tic-tac do reloxo. O problema é que só teño dúas mans, e todo vai sempre máis lento do que me gustaría. Polo de agora só podo falar do futuro inmediato, que traerá un novo videoclip, da canción “Cando te Canses”, que gravamos na cidade de Porto (Portugal). Gravarei o meu primeiro singleen portugués e sairá á luz algunha que outra colaboración que fixen con outros artistas galegos… Ata aí podo ler!

Pois avante e que teñamos música de MJ por moito tempo para romper o silencio, que hai moito por facer…

 

“Rompe o silencio que

hai moito por facer

E eu sigo loitando,

alzando o meu berro

e anque quede sen voz

non cesa o meu empeño.

Mais ás veces canso,

afunden os meus versos.

De que sirve falar cando ninguén dá creto?

Pero sigo en pé,

non me deixo vencer”