EntrevistasGalicia

Mad Martin Trío: “Gravamos Tornado con micros dos anos 60 e iso fai que soe moi ben, moi cálido”

Por Rebeca Munín

Lolo e Martin de Mad Martin Trío. Foto: Iván Barreiro
Lolo Logan e Mad Martin de Mad Martin Trío. Foto: Iván Barreiro

Tres tolos polo Rock & Roll e o Rockabilly. Así se definen Mad Martin, Lolo Logan e Guille ‘Califa’, os tres compoñentes de Mad Martin Trío. O próximo 2 de decembro presentarán o seu último disco – por primeira vez en vinilo! – ‘Tornado’, nun concerto na Sala Sonar. Noutra Sala, na Riquela, reúnome con Martin para falar deste traballo e do seu concepto da música para unha reportaxe que podedes ler en #pincha4. Así foi a nosa conversa.

Estades a piques de presentar ‘Tornado‘, un disco que se gravou grazas a unha campaña de crowfounding. Que tal vos foi?

Si, estamos especialmente orgullosos del porque fixémolo financiado cos cartos dos seguidores. A xente portouse moi ben. Logramos 5.500 euros. Eu non son experto nestas leas. Seguín os pasos que me indicou a plataforma Verkami. Seguro que fixen cousas moi mal e aínda así funcionou! (Sorrí).

E que van atopar os vosos seguidores neste disco que xa apoiaron desde antes de nacer?

Vanse atopar un disco que soa moi ben. Técnicamente ao mellor non todo o mundo está versado neste tema pero é destacable que se gravou con micros dos anos 60. Non hai nin un só micro moderno na gravación. Fíxose nunha mesa analóxica, soa moi cálido… A textura, os matices, cambian moito así. O disco ten tres temas nosos e cinco versións. Pero hai un par de versións que son tan persoais que case son coma nosas. Algunha é unha adaptación porque se pasou ao inglés. Hai xente que de entrada non sabe cales son e se sorprende cando as recoñece.

Este traballo está producido por Mike Mariconda, todo un luxo!

Si, é un crack! Botounos uns cantos piropos. Viunos a ver en directo primeiro, porque tocabamos en Barcelona. Xa nos escoitara antes por Internet pero cando nos viu en directo dixo: “Quiero captar esa energía”.

É un vinilo de 10 pulgadas. Por que este formato?

Eu vou facer 48 anos e levo gravados… non sei cantos discos! Todos en CD. E non teño ningún vinilo! Cando eu son amante dos vinilos. Iso é un motivo. Pero outra razón é que o vinilo é un formato moito mellor que o CD. E xa non falemos de pinchos, memorias, música streaming… nin todo iso. Vinilo é o FORMATO.

Cando nace en ti o amor pola música?

Teño unha foto, estando en Londres, con 5 aniños e xa estou cunha guitarra. Empecei moi neno. Na miña casa tiñan moi bo gusto coa música. Habia moi bos discos. Viviamos en Londres e a miña nai traballaba para unha actriz moi famosa, Britt Ekland, que estivera casada con Peter Sellers. Eu crieime coa súa filla, Victoria Sellers. E con Nikolaj Ekland, que era fillo de Britt e dun produtor. Incluso había discos que antes de que saísen á rúa xa os tiñamos en casa porque llos regalaban.

E a quen seguías ti sendo pequeno?

Eu sempre escoitei rock and roll. Recordo que o primeiro disco que merquei, con sete anos, era un single de ‘Rocky Sharpe & The Replays’. E recordo tamén un doble álbum dunha actuación dun grupo americano que se chama ‘Sha Na Na’, de rock and roll vocal. Tamén recordo un EP de Deep Purple do ano 69. Moi difícil de atopar! Hai relativamente pouco que desapareceu da miña casa e estou todavía investigando…

Con quen aprendiches a tocar a guitarra?

Son totalmente autodidacta. Pola comunión regaláronme unha guitarra española. Bastante boa ademais. Eu chapurreaba porque non sabía afinala. Entón un día veu a casa un amigo que tocaba un pouco e dixo: “Isto está mal”. E afinouma. Eu tiña tantas ganas de aprender que quedei con esa referencia para afinar e nunca máis se me esqueceu.

Ata que creces un pouco e xa empezas a montar os teus propios grupos…

Si, cheguei a España a principios dos 80. Meus pais eran galegos e marcharan para Londres. Pero cando Britt e os seus fillos íanse mudar a  Malibu, aínda que lles ofreceron aos meus pais irse con eles, meu pai dixo que non, que tiña morriña. E voltamos. Profesionalmente empecei no 1987, estando aínda no instituto. Empecei en orquestras. Pasei así moitos anos, alternándoo con outros proxectos. Estiven con Miguel Costas, fundador de Siniestro Total; fundei Clan Moriarty, que foi un referente na súa época; tamén fun fundador de Los Tonstons… Moitas bandas. No 2008 empecei con Dr Gringo. Estiven moi contento nese grupo pero ás veces as cousas retórcense sen saber por que. Agora vou facer catro anos con Mad Martin Trío e tamén estou moi contento.

Como evolucionou a túa música en todo este tempo?

Primeiro tes que desenvolverte como músico, pasar un periodo de aprendizaxe, e de repente fixen o xiro inverso, a involución. Volvín ao que me gustaba cando tiña 18 anos. E voume quedar alí porque é o que máis me enche. E ademais porque cando falamos do rock and roll clásico, do rockabilly, parece que se fala sempre de revival. E non o poño en tela de xuízo. Non me gusta esa palabra porque sigue saíndo música nova. Por exemplo, cando sae jazz máis retro non se fala de revival.

Ti defendes que o teu é rock and roll, non rock. Por que?

Porque rock hoxe en día engloba moitas cousas. Non o digo con ningunha connotación negativa. Incluso hai xente que considera que o que eu fago non é rockabilly, ou non é clásico. Así que só digo: rock and roll. E a ver quen mo discute! (risos). Pero non me gusta definir a miña música. As etiquetas que mas poñan. Nalgunhas crónicas dalgún concerto noso, se les varias pensas: estos están a falar de dúas bandas distintas.

O que sempre ten a túa música é moita enerxía…

Iso si. Pero cada vez menos (risos). Estámonos domesticando un pouco. Agora incluímos algún medio tempo, así medio country. Básicamente porque nos apetecía. Entón hai no disco un par de cancións que teñen unha onda un pouco country, entre comillas eh! Había tempo que as quería facer.

Como valoras a escena do rock and roll en xeral hoxe en día?

É complicado porque neste país nunca houbo un número tan grande de bandas e que, polo xeral, teñan un nivel tan alto. Pero si que é verdade que non hai nada que rompa… Eu, que tamén son técnico de son, vexo bandas que veñen con propostas totalmente distintas que me causan gracia. É o seu momento. Cando nos tocou a nós intentamos dar un golpe na mesa. Facer un cambio. E agora tócalles a eles. Pero claro, eu vexo algunhas propostas desde a miña perspectiva e digo… non vale! Cal é o problema? Que ten que haber máis demanda. A xente ten que consumir máis música en directo. E mercar máis discos. Pero non estou impoñendo nada a ninguén. Temos que crear a demanda. Que non sexa forzado.

Sempre se di que é moi difícil poder vivir da música…

Si, é difícil. E levamos uns anos que é moito máis complicado. Eu non adoito queixarme porque ao final fago o que gusta. Pero eu traballo moito. Non teño vacacións nin fins de semana. E hai uns dez anos vivía ben. Non era millonario pero mantíñame ben. Agora chego xusto.

Que lle dirías aos que non son todavía afeccionados para que se acheguen a este mundo do rock and roll?

Pois que non hai nada máis vibrante neste mundo. E a música en directo, quen a proba, repite. Sempre hai emocións. Hai concertos de todo tipo. Hainos máis intimistas. E hainos coma os nosos, que temos unha proposta máis enerxética, onde toda a xente acaba bailando. Dá igual que sexan pequenos ou maiores.