fbpx
CompostelaCulturaDe libros

Inés Banet, de Re-Read Santiago: “Cos libros temos unha relación moi especial”

Inés Banet, nun recuncho da súa libraría xunto a Ruth Ríos. Foto: Iván Barreiro

Coñeces o dito: “Ser cociñeiro antes que frade”? Pois a nosa entrevistada, Inés Banet, foi lectora antes que libreira. Ela mesma di que non se concibe sen un libro. Quizais por iso cando decidiu emprender decantouse por un negocio relacionado cos libros, e non calquera tipo de libro, senón aquel ao que lle puidera dar outra vida para achegalo a todas as persoas. Esa é a filosofía de Re-Read, una cadea de librarías de segunda man ben coidadas e con moi bos prezos (un libro, 3 euros; dous libros, 5; e cinco libros, 10) que Inés trouxo a Santiago no 2019.

A túa libraría está a piques de facer dous anos. Como foi este tempo?

Estou contenta. É un proxecto que en Santiago ten que funcionar porque é unha cidade onde se le, universitaria... Teño confianza. Cada vez somos máis coñecidos, temos clientes fieis, que veñen todos os días, o boca orella funciona moi ben. Santiago é unha praza boa para a literatura.

De onde veñen os libros de Re-Read?

Cada día chega alguén cunha pequena cantidade de libros, pero cando temos máis é cando hai mudanzas. Aí é cando a xente dáse de conta da morea de cousas que ten, cando empeza a deixar  atrás. Tamén cando os nenos crecen, cando comezan a entrar na adolescencia e deixan a literatura infantil. E por falecemento, que as casas se baleiran todas. Estas son as fontes de chegada de libros.

Cres que temos menos necesidade que antes de acumular libros?

Creo que cos libros temos unha relación moi diferente que con outros obxectos. Polo xeral costa desprenderse deles. Moitas veces a xente faino porque non lle queda outra. É unha mágoa porque as veces por deixalos tantos anos se deterioran. É triste que un libro morra nun andel.

Que tipo de xéneros vendedes máis?

Calquera obra publicada en galego ten moitísimo éxito. Lese moitísimo máis en galego do que pensabamos nós antes de abrir a libraría. Ademais, no libro en galego hai poucas edicións de peto. Ten un problema de prezo que en Re-Read non hai.

Tamén teñen moi boa acollida a sección Policiaca, tanto en novo como en vello, os Clásicos, o Ensaio, Filosofía, Arte. Son libros que normalmente son caros e que ao prezo que saen aquí interesan moitísimo.

Re-Read Santiago está na rúa Santiago de Chile, 2. Foto: Iván Barreiro

Por que decidiches vencellarte ao proxecto de Re-Read?

Sempre me gustou ler. Non me concibo a min mesma sen un libro cerca. Cando buscaba un proxecto para levar adiante chamoume a atención desta franquicia que era pequena, moi familiar, naceu como unha superación da crise de 2008, foi unha rede de librarías creada por libreiros que se reinventaron. Para min era importante ter detrás a alguén da profesión que me axudase. Somos como unha familia, non son un número.

Sen embargo, combínase o familiar coa tecnoloxía. Por exemplo tedes un sistema de alertas…

Si, nós non podemos saber os libros que van entrar cada día, pero co sistema de alertas apuntas na web o libro que queres e nós estamos pendentes. Ademais, desde fai dous meses temos unha parte virtual na que poder ver a libraría desde casa. Podes comprar desde a web ou podes reservar e logo vir a recoller á libraría. 

Que é o que máis che gusta de ser libreira?

Gústanme tantas cousas… Encántame ir ás casas. A libraría dunha persoa fala tanto… Tamén a charla coa persoa, cóntache a historia de por que se desprende dos libros, de como nos coñeceu, da vida… Por outra banda gústame cando estou na libraría e escoito a alguén dicir “mira, mira o que atopei!”. Encántame cando alguén leva un libro que para el/ela ten un significado especial. Por iso nós sempre dicimos que non podemos taxar os libros porque cada persoa que compra dálle o valor sentimental que ten.

Gústame tamén cando os nenos “negocian” cos pais, cando os ves marchar con cinco ou seis libros, é un alimento para a alma.

Como estades a superar a crise?

Intentamos manter o ánimo, adaptando a xornada, como todo o pequeno comercio.

E para rematar, recoméndanos un libro para adultos e outro para nenos.

Nós recomendamos co criterio de que estea ben escrito. Gústanos tamén recomendar a xente que non é tan coñecida pero que é moi boa. Por exemplo, para adultos Rosa Chacel. Para nenos recomendo Roal Dhal, María Gripe… Sobre todo intentar que (os nenos) teñan o gusto polas cousas ben contadas.