fbpx

Ciclo de teatro amador “Fega Teatro”

When:
10 Xuño, 2022 @ 6:30 p.m.
2022-06-10T18:30:00+02:00
2022-06-10T18:45:00+02:00
Where:
CSC de Lavacolla-CSC de Figueiras

O próximo 10 de xuño, no Centro Sociocultural de Lavacolla, dará comezo o FegaTeatro, que rematará o 10 de decembro no Centro Sociocultural de Santa Marta. Ao longo destes meses levaranse a cabo dez funcións para todos os públicos.

A primeira obra que se representará, a cargo da compañía “A Tequerreté Teatro”, é “Confinad@s”. A cita é o venres, 10 de xuño, ás 18:30 h. no CSC de Lavacolla. E o venres, día 17, tamén ás 18:30 h no CSC de Figueiras, “Teatro Paso de Valverde” presenta “Ultrasónica”.

O “FegaTeatro” xurde como unha aposta cultural por achegar o teatro amador a toda a veciñanza a través da rede de CSC de Santiago, mesmo a aqueles centros que non contan cunha dotación técnica ampla. O obxectivo deste ciclo é ampliar a oferta cultural, e contribuír á creación de novos públicos, chegando a espazos tanto do urbano como do rural que non teñen una programación teatral estable.

Esta iniciativa foi desenvolvida polos departamentos de Acción Cultural e Centros Socioculturais do Concello de Santiago en colaboración coa FEGATEA, a Federación Galega de Teatro Afeccionado, co propósito de achegar o teatro afeccionado a toda a veciñanza.

O teatro amador, tamén chamado teatro afeccionado, é o teatro realizado de xeito non profesional por persoas que non perseguen con esta actividade un interese económico, senón beneficios diversos vinculados co lecer, a socialización, a participación cultural, o desenvolvemento artístico ou a saúde.