fbpx

Ames en Festas

When:
4 Agosto, 2022 – 14 Agosto, 2022 all-day
2022-08-04T00:00:00+02:00
2022-08-15T00:00:00+02:00
Where:
Milladoiro e Bertamiráns

 

O Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) colaboran este ano para sumar once días de celebración no cartel “Ames en Festas”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do xoves 4 ao martes 9, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do martes 9 ao domingo 14 de agosto

As propostas ao longo desta primeira quincena de mes incluirán actividades para todos os públicos, concertos, como o Millarock ou a actuación de SÉS, e nove noites de verbena, con orquestras como Olympus, Gran Parada, Finisterre ou Los Coleguitas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o folleto informativo de “Ames en Festas” 2022

Ames, 26 de xullo de 2022.- O Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) colaboran este ano para sumar once días de celebración no cartel “Ames en Festas”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do xoves 4 ao martes 9, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do martes 9 ao domingo 14 de agosto. As propostas ao longo desta primeira quincena de mes incluirán actividades para todos os públicos, concertos, como o Millarock ou a actuación de SÉS, e nove noites de verbena, con orquestras como Olympus, Gran Parada, Finisterre ou Los Coleguitas.

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por primeira vez neste 2022 as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación de once días dende o xoves 4 ao domingo 14 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames.

O programa foi presentado esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, no que interviron o alcalde de Ames, Blas García; as concelleiras de Cultura e de Promoción Económica, Natividade González e Ana Belén Paz; o presidente de XEA, Jorge López, e os presidentes das comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina, Carlos Rivas e José Ramón Agrafojo. Na presentación estiveron acompañados doutros concelleiros do Goberno municipal, membros das comisións e de XEA.

Abriu o acto a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. “Hoxe presentamos o que serán once días de festa e actividades dende o día 4 ao 14 de agosto, empezando no Milladoiro coas festas da Madalena e rematando en Bertamiráns coas festas da Peregrina. Serán uns días cheos de actividades, música e dinamización das nosas rúas para axudar ao noso comercio e á nosa hostalaría local. O Concello de Ames quere apoiar estas celebracións con distintas actuacións todos os días. Non é fácil organizar unhas festas polo traballo que conleva, que se engade ao día a día das persoas que conforman as comisións de festas e que colaboran”.

A continuación foi a quenda da concelleira de Cultura, Natividade González. “Por primeira vez en Ames temos unidas as festas do Milladoiro e de Bertamiráns. Poñer en valor as nosas festas é poñer en valor o noso patrimonio e a nosa cultura. Dende o departamento de Cultura xa nestes últimos anos levamos tentando casar a nosa programación de verán coas festas para que así sexa, como co Millarock, co que normalmente abríamos as festas da Madalena. Temos que agradecerlle a idea ao actual alcalde, que xa como concelleiro insistía nunhas festas conxuntas, e que agora como alcalde o conseguiu”.

Por parte das comisións das festas falou en primeiro lugar o presidente da comisión do Milladoiro, Carlos Rivas. “Agradecervos que xa en maio vos puxerades en contacto para poñer en marcha as festas do Milladoiro. Para min é unha satisfacción xuntarnos cos nosos veciños de Bertamiráns e programar unhas festas que penso que van sentar cátedra. Agradecer toda a colaboración do Concello de Ames, dos veciños e dos establecementos. Esta comisión volve a nacer e a recuperarse, xa estamos traballando para o ano que vén cunha boa comisión, e xa podo adiantar que imos ter a París de Noia no Milladoiro en 2023”.

A continuación foi a intervención do presidente da comisión da Peregrina, José Ramón Agrafojo. “Quero agradecervos a todos a oportunidade que nos destes de formar parte da comisión de festas da Peregrina e ao Concello polo seu apoio, tamén en nome de todos os compañeiros. Imos intentar facelo da mellor maneira posible, xa que con pouco tempo decidimos coller esta comisión, para nós é todo novo pero esperamos que todo vaia ben”.

O seguinte foi o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Jorge López. “A comisión de Bertamiráns é nova, pero por outra parte cando se falou por primeira vez con Rivas e O Milladoiro, xa case na primeira reunión tiñan as festas feitas, o cal lle agradecemos. En Bertamiráns hai que agradecer á hostalaría que botase unha man. Dende hai tempo buscabamos xente para facerse cargo da comisión. As cousas van ir ben, o cartel é bo, e para o ano seguramente sexa mellor. Agradecerlle aos veciños que están mercando as rifas, animamos a xente a que siga participando”.

Por último interviu o alcalde de Ames, Blas García. “Darlle continuidade ás festas do Milladoiro e Bertamiráns é un obxectivo que nos marcamos neste Goberno, e facémolo por dúas razóns. A primeira, por vertebrar o concello e rachar esa típica discusión e debate sobre Bertamiráns e O Milladoiro. E a outra razón é porque pensamos que un concello coa entidade de Ames, con 32.000 habitantes, necesita tamén unhas festas de calidade. Non quero dicir que ata o momento non se fixeran festas de calidade, cando falo de calidade falo de traballar entre Concello e comisións, empezando a traballar moito antes e que o Concello sexa parte importante delas. Creo que Ames ten unha entidade suficiente como para ter un orzamento propio destinado a organizar as festas”.

Ademais, o alcalde destacou o importante impacto económico que poden ter as festas no tecido comercial amesán. “A ninguén se lle escapa a importancia que ten que nun concello haxa festas. Está a razón cultural, a razón de tradición, a importancia que ten a verbena en Galicia. Pero sobre todo a súa importancia económica, unhas festas coma estas traen un compoñente económico, acabase gastando e consumindo no concello e nos comercios, é unha axuda moi necesaria e importante”. Por último, García adiantou que o 14 de agosto o CD Lugo xogará en Ames un amigable que servirá de homenaxe a Fernando Seoane, que vén de retirarse como futbolista profesional tras 10 tempadas no club lugués.

Festas da Madalena no Milladoiro, do xoves 4 ao martes 9 de agosto

As festas comezan o xoves 4, xornada na que a Concellaría de Deportes instalará uns inchables acuáticos na zona da piscina descuberta do Milladoiro, de 16:30 a 20:30 horas. O primeiro día de festas concluirá coa actuación de Ángel América, un concerto promovido pola comisión de festas do Milladoiro que terá lugar ás 21:30 horas, na Parrillada La Llama, na praza Costa Grande.

O venres 5 o protagonismo será do festival Millarock, que chega á súa décimo primeira edición como unha das citas máis consolidadas do verán no Milladoiro. Organizado pola Concellaría de Cultura, o Millarock comezará ás 21:00 horas na travesía do Porto, coas actuacións de The Rapants, Battosai, Biribirlocke e Chicharrón.

Xa na primeira fin de semana de agosto, o sábado 6 arrincará cun pasarrúas a cargo de Argalleiros, con vermú nos establecementos Cisne Café, ás 12:45 horas; La Trastienda del 7, ás 13:00, e na cafetería da Casa da Cultura, ás 14:15 horas. Pola tarde, ás 18:30 horas, a praza Manuel Murguía acollerá a semifinal do concurso Canta con Ames, organizado pola Concellaría de Promoción Económica. Para pechar o sábado con verbena, a comisión de festas do Milladoiro ofrece as actuacións da orquestra Xacobeo e da disco móbil Fabrik, na travesía do Porto a partir das 22:00 horas.

O domingo 7 a xornada comezará de novo cun pasarrúas a cargo de RqR, e con vermú nos locais de hostalaría La Trastienda del 7, ás 12:45 horas; Café Bar Jisma, ás 13:00 horas, e na Parrillada As Brasas, ás 14:15. Ademais, haberá sesión vermú ás 14:00 horas, na travesía do Porto, coa orquestra La Hora Bruja. A música continuará no serán co concerto de MJ Pérez na praza Manuel Murguía, ás 21:00 horas, como parte do programa “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica. A semana rematará con verbena na travesía do Porto, ás 22:00 horas, coa orquestra La Hora Bruja e o grupo Claxxon, programados pola comisión de festas do Milladoiro.

Xa na segunda semana do mes, o luns 8, abrirase cun pasarrúas coa charanga Tíralle do Aire, e con vermú na cafetería da Casa da Cultura, ás 12:45; no Café Bar Dublín, ás 13:00 horas, e no Café Bar Jisma, ás 14:15 horas. Pola tarde será a quenda para as crianzas, coa actuación de Cé Orquestra Pantasma na praza Manuel Murguía, ás 19:30 horas, como parte da programación da Concellaría de Promoción Económica “AmesON de verán”. Pechará a xornada unha nova proposta de verbena da comisión de festas do Milladoiro, coa orquestra Los Coleguitas e o grupo Puzzle, a partir das 21:30 horas na travesía do Porto.

Os seis días de festa no Milladoiro rematarán o martes 9 de agosto, coa actuación da orquestra Furia Joven na travesía do Porto, ás 22:00 horas, que organiza o Concello de Ames.

Festas da Peregrina en Bertamiráns, do martes 9 ao domingo 14 de agosto

O propio martes 9 comezan as actividades e propostas en Bertamiráns, coa actuación para o público infantil e familiar de Marifaltri no parque do Ameneiral, ás 19:30 horas, como parte da programación da Concellaría de Promoción Económica “AmesON de verán”.

O mércores 10 comezará a música e a verbena, co concerto do grupo Factoría de Subsistencia na praza da Maía, ás 20:30 horas, e coa actuación da orquestra Olympus no campo da festa da Peregrina, ás 23:00 horas. Ambas propostas están organizadas polo Concello de Ames.

Na mesma liña continuarán as festas o xoves 11, un día que arrincará cuns inchables acuáticos no parque do Ameneiral, instalados pola Concellaría de Deportes de 16:30 a 20:30 horas. A música e a verbena chegarán a partir do serán, con dúas actuacións organizadas polo Concello de Ames. Ás 20:30 horas será a quenda do grupo A Banda da Loba, cun concerto na praza da Maía, que deixará paso a unha nova noite de verbena coa orquestra Gran Parada, ás 23:00 horas no campo da festa da Peregrina.

O venres 12 a noite arrincará cun dos concertos de maior importancia do programa Ames Cultural da Concellaría de Cultura, a actuación de SÉS no parque do Ameneiral, ás 22:00 horas. A continuación haberá verbena da man da comisión de festas da Peregrina, coa orquestra Metrópolis e a disco móbil Atempo e DJ Ianis, a partir das 23:00 horas no campo da festa da Peregrina.

O sábado 13 haberá de novo un concerto e verbena. Ás 21:00 horas actuará o grupo Los Jinetes del Trópico no parque do Ameneiral, dentro do programa “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica. Neste penúltimo día de verbena, a comisión de festas da Peregrina ofrecerá as actuacións da orquestra Finisterre e da disco móbil Eme Music, de novo ás 23:00 horas no campo da festa da Peregrina.

Para poñer fin aos once días de festa nas dúas vilas do concello, o domingo 14 contará cunha sesión vermú do grupo Estudio, ás 14:00 horas no campo da festa da Peregrina, da man da comisión de festas. O programa “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica volverá coa actuación do grupo Tinta, ás 21:00 horas no parque do Ameneiral. Por último, o grupo Estudio e a disco móbil Impacto pecharán as festas, a partir das 23:00 horas no campo da festa da Peregrina, coa organización da comisión.