Escarlatina Pier: “O drag galego paréceme dos máis potentes de España”
Por Sandra Rego

Escarlatina Pier chega a La Urbana para a entrevista como un furacán, preparada para posarlle ao noso fotógrafo. Escarlatina loce seguridade, descaro e moita frescura. A artista será unha das protagonistas do Atlantic Drag, unha xornada temática que terá lugar o 6 de xullo na Praza de Pontevedra (A Coruña) dentro do Atlantic Pride para homenaxear ao talento drag local.
Quen é Escarlatina para quen non te coñeza.
Escarlatina é un circo. Escarlatina non é perfecta, é unha berrona. É unha artista. Gústame describila como unha artista, porque fago o que me pidan e o que me propoñan. É un remuíño porque tamén teño moitísima enerxía, porque non paro quieta, non paro de falar, de berrar.
E como xurdiu Escarlatina? En que momento?
Nun Halloween no que se me cruzaron os cables e dixen: “Apetéceme lanzarme”. A sementiña foi vendo, como moitísima xente desta xeración, Drag Race España e a Pitita. Foi vela entrar pola porta e dixen: “Teño que montarme”. Xa vira outras edicións doutros países, pero vela a ela foi impresionante e dixen: “Veña, lánzome”.
Uns días despois de Halloween, fixémolo e ata hoxe.
Como foi ese lanzamento?
Fixemos unha curta coa miña compañeira Agata Terrier, que é coa que máis traballo man a man, e fixemos unha curtametraxe parodiando como se fose Scary Movie ou Scream… Esas pelis de terror con comedia dos oitenta e noventa que tanto nos gustan.
O equipo chámase “Las Salvajes” e o vídeo “Maldita Muñeca”.
Era para redes?
Si. Para o noso debut dixemos: “Como nos presentamos?” Pois cunha curta, por que non!
A partir de aí empezamos a ir ao Claro Boba!, que é a casa de toda travestí por excelencia. Comezamos indo como clientas, a gozar do drag, e David ao pouco tempo enganchounos e dixo: “Caris, cando queredes escenario?”. E nós: “cando ti nos digas”.
David é o dono.
Si, David é a nai travestí, é a RuPaul galega.
Vés dunha base ligada ao baile. Como inflúe iso en ti?
En todo. É que Escarlatina é baile, é coreografía. Aínda que non sexa súper técnico, nótanse as táboas e a experiencia de escenario. Iso dáche seguridade.
No escenario Escarlatina é baile, non se lle pode chamar outra cousa. Ben... berrona tamén.
Bailarina e berrona.
Exacto.
E xa que es bailarina, a música será importante. Que cancións non poden faltar nun show teu?
Pois hai dúas cancións que son pura esencia Escarlatina: “Knock on Wood” de Amii Stewart —é a canción por excelencia que mestura a música dos 80 e os 90— e en español: “Vivir así es morir de amor”, na versión de Nathy Peluso. Tampouco pode faltar Chenoa con “Cuando tú vas”. Todo o que sexa aura de descaro.
Que sentes ao subir ao escenario?
Transformación. Podes estar morta de nervios, pero acéndense os focos, soa a primeira nota da canción e parece que a música e o personaxe se xuntan cando fago a miña aparición estelar. Eu sinto liberación.
Falabas do descaro e dos oitenta. Cal é o universo que rodea a Escarlatina?
Descaro, humor, moito berro. Esteticamente: oitenta e noventa, pop, hip hop, Britney Spears, Janet Jackson… e tamén escuridade elegante, un toque vampírico, tipo Morticia Addams pero en drag.
Repites este ano no Atlantic Pride. Nesta edición co Atlantic Drag. Que significa para ti?
Participar foi un soño. Eu, que levo dous anos nisto, quería pisar ese escenario. É o lugar que toda travestí coruñesa ten que pisar nalgún momento. Non tanto polos contactos que te vai dar, nin porque a experiencia sexa máis diferente que actuar noutro lado, senón polo que representa. É un lugar de referencia. Vivino con xente moi próxima, con alumnas miñas de baile. Todo tiña sentido.
O Atlantic Drag é a sucesión correcta do que tiña que pasar este ano no Orgullo: o drag galego está ‘efervescendo’, medrando, e o festival necesitaba un día de desfile de travestís. Non só para as que bailamos, senón para as raras, non raras, folclóricas… Era necesario.
Que simboliza para ti o Día do Orgullo?
Para min é loita. Son unha persoa guerreira, non reivindicativa a nivel activismo, pero o Orgullo é guerra. Tamén é unha celebración e unha semana moi divertida, pero non deixa de ser unha reivindicación. Avanzamos, pero tamén hai retrocesos. Hai que loitar.
E como ves a evolución do drag en Galicia?
Levo pouco, pero vexo crecemento. Cada vez somos máis. Drag Race axudou, aínda que tamén é unha arma de dobre fío. Agora atópase nun punto enganoso. Estamos no punto de mira de todo o mundo, pero iso á vez tráenos problemas como baixadas de caché ou de condicións. Aínda non somos consideradas artistas en segundo que sitios.
O drag galego paréceme dos máis potentes de España: é moi variado. Todas temos unha esencia moi marcada. O que vexo tamén é crecemento. Hai máis espazos, máis formatos: bingo, tardeos, previas como se fan no Don Giorgio… Non só o show ao uso. Estamos ampliando miras.
Que sería un “show ao uso”?
Un show máis performativo, musical, sen tanta interacción co público. Agora ampliamos formatos, e iso é positivo. O drag “ao uso” está xenial, pero a variedade tamén está ben.
E para rematar, como sería o teu día perfecto na Coruña?
Levantaríame a unha hora normal, que non tivera que madrugar. Iría de brunch a Fábula Café, despois tomaría un vermú “tontorrón” no Orzán. Faría un tapeo ata ás seis da tarde. Das seis ás oito aproveitaría para descansar e irme logo a Don Giorgio (como boa “loca” do drag) ou a La Chela, se hai show. Á noite remataría no Claro boba! como indispensable da noite coruñesa, sexas ou non do colectivo. E xa perfecto se actúo eu.
Escarlatina Pier é pioneira en incentivar espazos novos para potenciar a escena drag na cidade. Organiza o evento It’s Time for drag xunto a Cloe Savage, e tamén podes vela en actuacións no Claro Boba! ou Don Giorgio. Que viva o drag!



