fbpx
De baresGaliciaTurismo

Enoturismo nas Rías Baixas: Amor a primeira uva!

Enoturismo é ir á terra onde se fai o viño, a namorarse! Nas Rías Baixas é fácil: Paseas entre miles de viñedos, o murmurio do mar de fondo, un ceo de mil azuis… E as xentes!: Viticultores, adegueiros, mariñeiros, mariscadoras e as miñas amigas de Ruta do Viño Rías Baixas!! Como para non caer rendida dun frechazo. Foi amor a primeira uva!

E é que quen che diga que ás Rías Baixas só se vai no verán, minte! Porque as cores do outono resultan embriagadoras; a festa da vendima é máxica e en decembro ou en marzo tamén resulta delicioso brindar cunha boa copa de albariño, dun escumoso ou probar un licor de herbas de verdade, destilado a antiga. E máis se o fas dentro da propia adega que o elabora para ti e para o mundo enteiro! Pero ollo, que quen che diga que os viños brancos destas terras hai que bebelos no mesmo ano, tamén se equivoca. Se fas unha cata vertical -e non necesariamente de pé- (chisco, chisco), poderás observar como un mesmo Albariño Rías Baixas cambia, evoluciona e se cadra o teu novo amor -polas vides- faise inconmensurable de vez!

Vouvos contar como comezou este romance.

Saímos cediño de Santiago con moita sede de aventuras! A min levoume Susana Formoso, quen fixo de cupido nesta aventura, e logo coñecín ás outras dúas argalleiras desta historia de amor: Lorena Varela (xerente da Ruta do Viño Rías Baixas) e Laura Expósito.

A nosa primeira parada foi Salvaterra do Miño. No Pazo de San Mauro, residencia de verán do marqués de Vargas e da súa familia, rodeada de lavanda, hortensias (dun morado e azul inigualables) e vinte hectáreas de viñedos, foi unha bolboreta a raias, branca e negra a que chamou a miña atención e espertou unha estraña sensación de ledicia e curiosidade. Dentro dunha pequena capela que hai no medio da propiedade hai varias tallas de san Amaro, nunha delas descansaba unha fina cadea de ouro… Un milagre concedido!, exclamou a enóloga desta adega (Susana Pérez). Xa todo pintaba digno do mellor dos amoríos, logo ao refrescar a gorxa cos seus viños, nin vos conto.

Non vos direi todo, pero entre as vides fomos dar a unha preciosa praia. Cos pés espidos e á beira do Miño e do noso gran veciño Portugal, observando unha torre ao lonxe e unha corda que fai de randeeira, transporteime nunha especie de nube que me acompañaría no resto da viaxe… Xunto coa terra entre os dedos, claro! Detalliños das andanzas dunha damisela namorada… Non volo vou contar todo, xa o sabedes!

Cos pés sucios chegamos -corrixo, cos pés sucios eu namáis!- a Bodegas La Val, unha das adegas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas e onde coma se dun conto de fadas se tratase, o enólogo (Chema) saíu –abra cadabra- de entre as parras! Con Fernando Bandeira agochado no chan, remexendo entre o canto rodado e a terra e con Antonio Ruiloba suspirando aquelo de “Fíate ti das rosas!!”, xa me veu ben ter os pés un tanto ‘enterreados’, porque tocou facer traballo de campo. Esfollamos, observamos se había algún verme ameazando ás uvas e probamos o viño, faltaría máis! Que os propios encargados da adega paseen contigo polos seus dominios, resulta do máis romántico! Quen che pode falar con máis amor do seu? Creo que ser viticultor é unha paixón, e estes dous homes: uns apaixonados! Malia que sexan, ás veces, os pétalos e as espiñas quen lles dea traizón e lles rompa o corazón!

O seus viños son como de película! (Chisco múltiple). Nas súas instalacións houbo queixos e pulpo, vieiras e fresas con chocolate, para acompañar ese líquido tan prezado. Producen ata 550.000 litros. Probade o Arentei, é difícil non namorarse!

En toda historia de amor, das de ensono ou das de antes, hai un castelo non? Pois nesta ruta, tamén! Entre as murallas do Castelo de Soutomaior, o primeiro en Galicia en ter armas de fogo, con 25 hectáreas de xardíns e viñedos, centos de flores, fontes, con algún pantasma roldándome as ideas, a historia dunha marquesa vermella e mesmo cun segredo do mesmísimo Cristobal Colón, apoltroneime nunha cadeira e como se o espírito dun conquistador, máis ben conquistadora, se apoderase de min, sentín o poderío que emana da Ruta do Viño das Rías Baixas, do embriagador que pode ser o viño e quen o cultiva, dos aromas que desprenden as uvas e estas terras galegas, que te namoran ata afogar calquera outro pensamento! Aquí respiras viño e vida. Aquí ou namóraste ou namórante, unha de dúas!!

Na Bodega Pazo de Señoráns coñecimos a Victoria Mareque. Se non é por ela, non houbera probado unha Augardente de Herbas de Galicia que me fixo caer da burra e afirmar que si, é exquisita!, polo menos a da súa adega. Foi aquí onde fixemos a cata vertical, sentados! (Risas) Non me decido a cal escoller. Pero cóntovos son 115 familias de viticultores, en 300 fincas epodan segundo a lúa. De aquí saen viños redondos en boca, de altura, sublimes e agardan pacientemente para facer os deste ano. O amor non se fai ás presas, non é?!

Puiden soñar esa noite, incluso a pesar do esgotamento, incluso a pesar da cor (terracota, diría eu) dos meus pés! O Parador de Cambados acolleume no seu regazo, para envolverme de todo na maxia do namoramento. Foi unha caricia da luz do abrente a que me levantou aínda soñadora e completamente embelesada! O almorzo a primeira hora, da man de bos xornalistas e mellores persoas contentoume máis aínda, o amor trae fortuna, non cabe dúbida! (Unha aperta a Fernando Franjo, Marité Suite, Carlos Arcay e a María Bueno).

Madrugar para pasear en barco, saíndo dende a Illa de Arousa non resulta menos suxerinte! (Xa volo digo, eu repetín!) Se xa estaba case convencido o meu corazonciño, os de Amare Turismo Náutico (Gabriel Comojo e Juan R. Oliveira) non fixeron máis que afondar nese sentimento. Camiñar entre as augas das mariscadoras e mariñeiros é algo de obrigado cumprimento para os verdadeiros amantes de Galicia e dos galegos. Mans rudas, corpos feroces, miradas desafiantes, forza de xigantes. Os mexillóns das Rías Baixas e as súas ameixas brancas e vermellas saben mellor, logo de ver a quen as cultiva e recolle, faenando no mar. Unha autopista de barcas labran na ría, mentres outros privilexiados, asucamos o seu camiño cara o horizonte. Soa un motor, chían as gaivotas, brilla un areoso dourado e o faro da Illa de Rúa vixía a ruta… Bebemos un viño, probamos unha empanada de pan de millo. Por senón o sabías, isto é amor. O demais son parvadas!

No Pazo de Rubianes, en Vilagarcía de Arousa, descubrimos un bosque de 800 variedades de camelias, as máis vellas plantadas no 1830. Delas extraese un delicioso aceite que perfuma xabóns e pescozos! (Ride un pouco). Aquí hai magnolios centenarios, eucaliptos enormes, tanto como as torres da catedral de Santiago… Paloma Rey Fernández-Latorre, marquesa de Aranda, pasea tranquila pola finca, mentres nos adentramos nos salóns da primeira planta da súa casa. Aquí faise viño!! (O mellor Albariño Rías Baixas de 2018 na XXX Cata concurso Rías Baixas, da Festa do Albariño de Cambados).

Nun estanque animado polos cu-cús das ras, que brincan entre nenúfares, escoitamos atentos ao noso guía, (Ramón Paz) quen nos explica o mimo que requiren as vides. Non lonxe, varios traballadores escudriñan con delicadeza entre as follas, o tacto coa pel das uvas fai sentir cóchegas no estómago, bebelas é xa unha experiencia relixiosa!

A nosa última parada foi na Bodega Terras de Lantaño. Nesta parte da cita amorosa, viaxamos en coches antigos. Deleitáronnos cunhas croquetas sen nome, do ricas que estaban, lumbrigante con arroz, carne, larpeira e un Ruta 49, obrigado cando vas de chateo! Ramiro Martínez abriu unha botella da súa adega persoal, mentres contaba que comezou no mundo do viño nos anos 80 e ata hoxe. Véselle gozar, cando ao seu lado camiñas e observas as parras, perdéndote entre o verdor. A súa enóloga (Susana Pérez) recoméndanos para os callos, un bo albariño!! Dígolle, con susto, que cando lle conte isto a miña avoa, vaime querer levar ao Corpiño (outra vez!), pero fareino e será na festa! Diredes que que atrevida! Pero o amor faite valente… Arriscas, probas, vives e bebes!!

E agora vós non agardedes ata o próximo verán. O enoturismo, como o dos amoríos, éche cousa de calquera día e deixará de ser un día calquera. Escolle unha uva, unha adega e cada mes namórate dunha!