CompostelaEntrevistasGastronomíaNovasSilvia Castiñeiras

Arturo Frank, do restaurante A Lareira: “A xuventude, coas súas ideas, é importante para seguir adiante”

Por Silvia Castiñeiras

Arturo Frank, no centro, xunto aos seus fillos, Víctor e Ramón, posando diante dunha foto do seu avó.. Foto: Iván Barreiro
Arturo Frank xunto aos seus fillos, Víctor e Ramón, posando diante dunha foto do seu avó. Foto: Iván Barreiro

Arturo era un home de cociña en Brasil e segue a ser o mesmo en Santiago, onde o trouxeron as súas raíces e un fillo con inquedanzas. Fai tres anos, en outubro de 2021, deixou o seu negocio e os seus programas televisivos en Sao Paulo e chegou á cidade con toda a intención de ofrecer aquí o que mellor sabe facer, carne. O deles é algo así como que o que uniu a cociña xa non o pode separar ninguén. Unha historia familiar que se coce a carón do lume…

Como foron estes tres anos?

Agora estou encantado, porque é moi difícil entrar na hostalaría en Santiago, hai moitos bares e moitas opcións e pensaba que igual á xente non lle gustaba cambiar tanto se xa estaban cómodos co que hai. O primeiro ano custou, pero agora temos moitos clientes e medramos moito, estamos moi contentos.

Que ten de especial A Lareira?

Temos carnes de moita calidade cociñadas co estilo de Brasil, de grella brasileira, que é distinto ao de España. É un modo de facer churrasco diferente, ao lume moi forte que non quede moito tempo na grella. O sabor cambia, e gusta moito.

E atopaches algunha sorpresa coa gastronomía galega?

Chámame moito a atención a gran calidade das carnes, sorprendeume, e o di unha persoa que ten cociñado moito este produto, porque alá en Brasil é moi típico reunirse para comer carne.

Por que viñeches a Santiago?

O meu pai era de Ortoño e eu xa viñera aquí unhas cantas veces de vacacións. Iso si, nesta aventura o que veu primeiro foi o meu fillo Víctor, que quería marchar de Sao Paulo e estudar fóra. Así que aínda que a súa primeira opción non foi esta, por cousas da vida, coincidencia coa pandemia, ao final pensou en vir para aquí e despois viñemos todos. Foi el, o meu fillo maior, o que se propuxo o do restaurante.

E entón tamén eles son apaixonados da cociña?

Sempre lles gustou, aos dous. Criáronse nas cociñas cando eran pequenos e chegaban do colexio. Este é un traballo de botarlle moitas horas e entón tiñan que estar alí, onde estaba a súa familia, e foi onde empezaron a axudar e a facer cousas e a collerlle o gusto… De feito Víctor estudou cociña e está traballando na Coruña.

Tamén lle puideron coller manía…

(Risas) Tamén, tamén, pero vese que lle colleron o gusto.

E non quixo quedar contigo entón en A Lareira?

El forma parte dalgunha maneira, porque me axuda na xestión, pero ten o seu traballo. Como pai sempre queres que queden contigo todo o tempo, pero eu tamén fixen o mesmo co meu, marchei facer o meu, é o normal. E penso que é unha etapa moi importante para coller experiencia porque cando estás cos pais estás máis protexido e así tamén colles novas ideas.

E quen cociña na casa?

Pois cociñamos os tres. Víctor ao estudar tamén trouxo cousas novas que está ben saber, ten aportado moitas ideas e penso que ao final a xuventude, coas súas ideas, é importante para seguir adiante.

RADIOGRAFÍA FAMILIAR

Víctor Frank, 24 anos, formado no Centro Superior de Hostelería de A Barcia

A COCIÑA. Collémoslle o gusto a estar na cociña despois de toda a vida aí metidos. Aínda que é unha vida moi sacrificada, pero se che gusta… Nós é que é algo que tiñamos moi interiorizado.

EXPERIENCIA. Efectivamente eu fun o primeiro en vir e abrir ese camiño para o restaurante, estiven un tempo traballando alí antes de ir por libre, pero sigo vinculado no que é a xestión e produción de ideas. Marchei porque penso que é importante coñecer outras cousas novas e adquirir outras experiencias.

MÁIS DE PEIXE. Curiosamente, o que máis me gustaba cociñar e me segue a gustar é o peixe, porque é unha peza moi delicada e esixe moita máis técnica, que non digo que a carne non, pero xa ves que todo o contrario ao concepto de A Lareira (risos).

GALICIA. Estou moi satisfeito con esta decisión de vir aquí, non se está en ningún lado mellor que en Galicia. E tamén estou moi contento porque o meu pai puidera iniciar unha vida nova, que non é doado empezar coa súa idade noutro lugar, e estamos moi ben. Grazas ao meu avó xa coñecíamos a gastronomía de aquí, así que non foi un impacto grande, pero teño que dicir que o produto galego é impresionante.

Ramón Calvo, 19 anos, collendo experiencia entre fogóns

EXPERIENCIA. Traballo na cociña do Deportivo da Coruña para coller algo de experiencia neste sector, unha vez rematado o instituto, porque me gusta, logo verei que pasos seguir, se os mesmos que os da miña familia…

A COCIÑA. Vaime nos xenes porque sempre estivemos na cociña dos restaurantes da familia, foi unha experiencia moi boa. Con iso aprendes moito para a vida en xeral, a saber ter paciencia, por exemplo.

A FAMILIA. A cociña tamén xera estrés e hai que saber separar o traballo do tema familiar. Cando tes que sacar un servizo ninguén é nada de ninguén.

A LAREIRA. Estou moi contento polo meu pai e meu irmán. Meu pai sempre tivo gañas de vir aquí porque o seu pai era de aquí. Nalgún momento creo que me gustaría involucrarme no seu restaurante, pero de momento o que quero é vivir outras cousas e coller experiencia, que é o máis importante.

TODOS Á MESA!

Moito cociñar pero tamén hai que comer! Saberá o pai cal é a comida favorita dos seus fillos?

Ramón sempre foi moi raro para comer… agora abriu máis a mente para iso, o del era sempre comer carne e patacas!”

Víctor tamén cambiou bastante, pero penso que a súa comida favorita segue a ser a ‘feijoada’, prato típico de Brasil”

Pois as respostas son totalmente correctas, porque Ramón confesa que segue a ter predilección polo filete con patacas e o seu irmán maior non se esquece do prato nacional brasileiro!

Pola súa parte, os dous apostaron a que ao seu pai tamén lle segue a apaixonar a ‘feijoada’, e deron no certo. Iso si, conta Arturo que tamén se lle fai a boca auga co cocido galego. “Teño elaborado cocido en Sao Paulo para 600 persoas!  E non me saía nada mal…”, explica este cociñeiro que foi artífice de grandes enchentas na Sociedade hispano-brasileira de Sao Paulo, onde o mesmo se deleitaban cos mellores manxares á galega que lambían os dedos cunha paella.

Sexa cal sexa o menú que máis lles guste preparar ou a súa comida favorita, o mellor deste pai e dos seus dous fillos, unidos polo amor á cociña, é que eles, máis alá do mundo profesional, o que máis gozan é de cociñar para a familia e en familia. Porque, que non se diga que non é ao redor dunha mesa onde nacen as mellores historias e onde, cada un coas súas cousas, se fan as mellores familias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.