CompostelaDe baresGastronomíaNovas

Que foi primeiro o Nadal ou os bares?

Thor Rodríguez (no centro) e Pablo Martínez, atendendo en O Boneco. Foto: Iván Barreiro

Thor Rodríguez (no centro) e Pablo Martínez, atendendo en O Boneco. Foto: Iván Barreiro

Sen bares, non hai Nadal! E nada máis que engadir, señoría. Non o celebraríamos. Olvidaivos!! Así que foron primeiro os bares e as tabernas e despois inventamos escusas para enchelas!

En decembro, todos os días son de reencontros, de música, de saír, beber, o rollo de sempre… De cotillón! Todos coincidimos. Son datas especiais. Estamos nun bo mes. É unha época ideal para o alterne. Para ir co sorriso de orella a orella. Son xornadas de festas interminables, xantares inesquecibles, ceas entrañables, merendas, coreografías, almorzos, xuntanzas, pinchos, trasnoitados da hora golfa e caralladas varias! De apertas coas amizades, comidas coa xente do traballo, reunións coa veciñanza, quedadas festeiras coas fichas das múltiples aplicacións de ligoteo, de lambetadas cos “exes” e de compadreo ata cos xefes e xefas. Chegou o Nadal, toca encher o bar!

Ningún hostaleiro ou hostaleira renega! E aínda que xa sei que sodes moi Grinch e moi escépticos, voulle dar a volta á tortilla, porque son dúas das miñas escusas favoritas para empezar unha troula, unha esmorga, unha fartura de delicias e caricias… E en Santiago todos os bares estanse vestindo para a época.

Comezamos polo Conga 7, na rúa da Conga. Gonzalo Arias aténdenos detrás da barra e teno claro: “As de Nadal son noites para pasalo ben, o bar énchese de clientes habituais... Hai un ambiente distendido, son días para gozar, máis aló de facer negocio, que tamén! Vén a xente de sempre, os clientes do Conga, pero tamén vén a familia e as amizades. Nós abrimos o 24 de decembro, pola tarde e pola noite. Cada vez sae máis xente, sorprenderíaste! Tendo en consideración que hai xente desprazada, xente que está soa, persoas que non se poden xuntar coa familia nestas datas e algúns que xa lle deron o cambiazo ao 31 de decembro... (Rimos!)  Porque en fin de ano saes máis tarde da casa, moitos non queren pasar afogos dese día, nin vestirse de gala... Así que a tendencia é repartirse entre estas datas e a noite de Reis. Nesta época vólvense xuntar as distintas xeracións. Dende os 18 ata os 50-60 anos, temos de todo!”.

Gonzalo foi taxista durante dez anos e de repente caeu no mundo da noite. Comezou no Conga o ano anterior ao COVID: “Todo fácil, costa abaixo, súper rodado, moito traballo, moita xente, pero chegou a pandemia e, dende aquela, todo é un cambio constante, unha lotaría... Os costumes e a economía cambiaron. Vivimos unha adaptación constante. Malia que xa estamos instalados nunha normalidade, actuamos diferente a hai uns anos”. Aínda que semella que nada é igual, o Nadal permanece: cambiaron os códigos de saír, pero nalgo coinciden as distintas xeracións, todos se atopan en Noiteboa e Noitevella nos bares!

No Conga é un pub con entrada aberta nestas datas, con música para todos os públicos, pero tamén fan festas privadas, de feito ten unha empresa apropiada para estas ocasións: Xowyxo que ofrece servizo de barra, mercancía, coctelería e todo apunto para o lerele navideño. Nestas datas adoita ter reservas no local para aniversarios, ceas de empresa, etc., pero abre para todo o público nos días sinalados. “Traballamos a coctelería, máis a primeira hora que avanzada a noite. E en Noitevella abriremos dende mediodía ata as 20-21 horas. Pola tarde hai máis ambiente case que pola noite. Ninguén se quere perder estas datas, cada vez hai máis xente asidua! Hai tanto ambiente que non colle nos locais, entón acaban na porta e enchendo as rúas. Eu abrirei sobre as 15:00 horas, porque primeiro vou tomar o vermú coa miña muller e despois abro! É unha tradición para min tamén. Hoxe o alterne está nunha continua transformación. Dun ano para outro cambian as rutinas da xente, non sabemos cal é a explicación, pero as cousas son cambiantes. Mudaron propiedades de locais, mudan estilos. Pero o Nadal é para todos, como os bares! Porque no fondo somos ou queremos seguir sendo nenos e nenas!”, afirma. Este Nadal no Conga atoparás a Gonzalo pasándoo bomba, acompañado de DJ JayGo e DJ Pablo Pintos.

Gonzalo Arias (segundo pola esquerda) no seu local Conga 7. Foto: Iván Barreiro
Gonzalo Arias (segundo pola esquerda) no seu local Conga 7. Foto: Iván Barreiro

O Boneco

Movémonos agora ata O Boneco, na avenida de Raxoi, onde Thor Rodríguez nos recibe coma sempre e aos de sempre! “Nós abrimos exactamente igual nas festas ou nos festivos que nos días normais ou o resto do ano, é dicir, nin sumamos prezo á copa, nin cobramos entrada, é unha noite máis! E é que ademais o 31 de decembro é unha noite moi de santiagueses, moi de xente de aquí, van aos locais que van todo o ano, de visita! Vén a xente que realmente mantén vivos os bares durante todo o ano, polo tanto a entrada é libre! É unha noite moi agradable, incluso para traballar, porque todo o mundo vén con moi bo humor, en xeral durante o Nadal, veñen con ese humor festivo, para pasalo moi, pero que moi ben, para esquecer o mal rato da semana e non veñen desafogarse, senón a gozar! Ao final os que te visitan ese día son a xente que vive en Compostela ou arredores, pero realmente non son días de masas como algúns pensan. Non son noites masificadas. De feito, a cidade baléirase un pouco en Noiteboa, porque en parte é unha data moi familiar e todos temos unha aldea... E Noitevella é máis de colegueo! Pero é moi importante dicir que temos máis clientes dos que nos podemos permitir, en momentos puntuais como Nadal ou cando hai congresos hai colas, porque existe menos oferta de locais nocturnos que noutras épocas, máis aínda para a demanda existente nesas épocas ou citas sinaladas. Por iso a xente tamén sae antes, por mor dos aforamentos”.

No Boneco a clientela son maiores de 30 anos e a música depende da xente! (Rimos). “Sempre hai peticións, os nosos sons adoitan ser ochenteiros e noventeiros, pero durante o Nadal a xente pide máis o petardeo, é habitual que nestas datas demanden máis a Raffaella Carrà!! (Rimos máis!!) Siii!! É que a xente ven predisposta e coa intención de pasalo moi ben. Cada noite constrúea a propia clientela. Cando definen o local como moi divertido é grazas aos nosos visitantes, cada noite varía segundo a clientela que haxa, está moi influenciado polos que enchen o local”.

Riquela

Pero non marchamos aínda! Imos ao Riquela, na rúa do Preguntoiro. Aquí, Martín Calviño cóntanos que teñen toda unha programación específica nestas datas. Dende concertos traídos a conto para as festas de gardar, ata unha gran gala de Nadal, chea de sorpresas, da que podes ler máis na axenda deste número. "Intentamos programar tres ou catro eventos coa xente coa que colaboramos ao logo do ano no Riquela. Por exemplo, teremos un concerto flamenco con panxoliñas xitanas, con Moisés Fernández e a súa familia; contaremos con The Fabulous Resaca Brothers, The Lakazans, Autoprestigio, os nosos DJ. Tamén celebraremos a nosa gala de Nadal, o 21 de decembro. E ademais na praza de Feixóo facemos festa con Carrilana, tanto o 24 como o 31 de decembro, en horario matinal, dende as 12:00 horas, teremos diyeis, charangas, ata as 19:00-20:00 horas. E despois en fin de ano abrimos pola noite”.

Unha axenda petada, non?! “Si! Agora xa todos os fins de semana... O movemento empeza dende finais de novembro, esta é unha época moi forte ata a noite de Reis. Vén moita xente de fóra, visítannos as persoas que está traballando fóra. É unha época moi bonita, moi divertida para traballar! Sempre notas aos que veñen das ceas de empresas, máis as que facemos nós, xúntanse as familias... A festa xa empeza de tarde e cada vez traballamos máis e mellor polo día! Especialmente a última semana do ano, cando hai moita concorrencia. Os de a partir de 40 anos xa saen pola mañá! Logo o 31 é unha tolería e pola noite hai persoas máis novas. Ademais sempre aparece xente que non sae case nunca ao longo do ano, pero que nestas datas si que axexa e vén gozar das Festas, ves caras novas!”.

Porque quen non celebra unha data especial neste mes? Quen non ten unha xuntanza das que se celebran unha vez ao ano?! Desas cuxo único obxectivo é facernos felices! En decembro todas as noites son para abrazarse, berrar, brindar e para recordar. E os bares son escenario e banda sonora de cada decembro! Son o visgo para bicos e apapachos!... Pero tede tino coas lambetadas...  (Chisco, chisco! Ha, ha, ha). Porque as noites máis estrambóticas de Nadal ocorren nun bar!

“Sempre aparece xente que non sae case nunca ao longo do ano, pero que nestas datas si que axexa e vén gozar das Festas”

Bailando no Riquela. Foto: Iván Barreiro

Bailando no Riquela. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.