#apaparCompostelaGastronomía

‘Flat white’ e roliño de canela no Shot Me Coffee

@JuanEAT_o, gozando do seu café de especialidade no Shot Me Coffee. Foto: Iván Barreiro
@JuanEAT_o, gozando do seu café de especialidade no Shot Me Coffee. Foto: Iván Barreiro

DATOS

Lugar:

Rúa dos Concheiros, 36 - Santiago

Prato:

Flat white’ e roliño de canela

Prezo:

2,50 e 3,20 €

Valoración

*********

Por primeira vez desde que fago estes artigos para Pincha, non fun comer a un restaurante, senón a probar un café nin máis nin menos que da mellor cafetería de España! E é que Shot Me Coffee, na rúa dos Concheiros, acaba de ser premiada nos BCN Coffee Awards como Best Coffee Shop, ademais de acadar o terceiro posto na categoría de servizo.

Aínda que son unha persoa que desfruta moito do café, e de que cada vez hai máis e mellores opcións en Compostela, quédame por diante moito traballo para saber apreciar “como Dios manda” este produto. Así que que mellor que visitar a Jacobo Abeijón e Beatriz Rial, que contan con torradora propia, conseguindo así un sabor único e exquisito.

Eu puiden probar un Flat White, un café moi de moda, moi parecido ao noso café con leite, pero cun sabor máis intenso, xa que polo xeral se prepara con dobre espresso (ou como se di na xerga, dous ‘shots’ en lugar dun).

O café que usou Jacobo e unha produción que torra el mesmo de rexión de Etiopía, cun sabor suave pero intenso en aroma; acompañado dun leite ecolóxico cremado, co que conseguimos unha bebida compensada, digna de todos os padais e, sobre todo, moi rica. A cunca servíronma acompañada dun roliño de canela caseiro que tamén estaba delicioso e que me pareceu moi acaído para acompañar ao Flat White.

Se ti aínda non te iniciaches neste mundo do café de especialidade, recoméndoche que non tardes en facelo. Proba polo menos tres veces, que unha soa non vale para apreciar os detalles! Ha, ha, ha. E, recorda que en Shot Me Coffee van variando a procedencia do café habitualmente, así que cada visita ao local pode ser unha nova sorpresa!

Jacobo Abeijón e Beatriz Rial

“Non gañariamos o premio á mellor Coffee Shop de España, se a nosa clientela habitual non nos permitise ser quen somos”

Por Rebeca Munín

Jacobo e Beatriz abriron Shot Me Coffee nos Concheiros en xullo de 2022. Foto: Iván Barreiro
Jacobo e Beatriz abriron Shot Me Coffee nos Concheiros en xullo de 2022. Foto: Iván Barreiro

Que ás picheleiras e picheleiros nos gusta moito o café non é ningún segredo. E cada vez somos máis as que preferimos que este sexa de especialidade. Aínda que haxa que pagar un pouquechiño máis, primamos a calidade. Así que non debería sorprender a ninguén que na nosa cidade se atope a xa considerada mellor cafetería de España. Shot Me Coffee, na rúa dos Concheiros, obtivo o primeiro posto de Coffee Shop e o terceiro de mellor servizo nos BCN Coffee Awards que se celebraron hai unhas semanas con participantes de todo o país. Os seus responsables, Jacobo Abeijón e Beatriz Rial, non poden estar máis contentos!

Parabéns por estes galardóns! Está vindo máis xente a coñecervos grazas a este recoñecemento?

Jacobo: Moitas grazas! Si, a raíz do premio está vindo moita máis xente a botar unha ollada.  Non o esperabamos. Sorprendeunos moito que non gañara algún local dunha gran cidade. E nós, encantados de poder dar a coñecer o que hai detrás deste produto.

E que é o que hai detrás do café de especialidade?

J.: Non é un café comercial e isto quere dicir un montón de cousas. Quen colleita o café é xente que dedica a súa vida a isto. Ao mellor teñen unha produción anual e, por tanto, buscan ter a mellor calidade posible. Recólleno a man e están adestrados para facer o proceso posterior, que é a fermentación dos grans de café, antes de que chegue a nós. Despois nós seleccionamos o mellor gran posible a través de importadores de café, probando diferentes lotes dos cafeais e escollemos o que queremos en cantidade. Unha vez que temos o saco, facémoslle o perfil de torradura que máis se axeite e pasamos a elaboralo aquí. En resumo, hai un traballo moi grande até que chega á cunca. Ao fin e ao cabo, isto é como ter alta gastronomía, a un prezo de diario.

Que se nota cando bebes ese café despois de todo ese traballo?

J.: Saben máis a froita. Nós buscamos que o sabor sexa o máis natural posible. Son ademais cafés que non saturan. Ti tómalo e vas quedar con bo recordo durante bastante tempo.

É un café que non necesita para nada azucre, non si?

Beatriz: Non, aínda que hai moita xente que non está acostumada a que cando lle sirvas o café non lle poñas o terrón de azucre ao lado. Cando preguntan, sempre recomendamos probar primeiro e a maioría sorpréndese e dáse de conta que non fai falla. De todas formas, temos dispoñible panela ou ágave para quen queira.

É certo que cada vez máis xente prefire este tipo de café de especialidade?

B.: Hai máis curiosidade, si. É un mundo que empezou aquí crecendo moi pouquiño a pouco, pero cada vez si que a xente se anima máis a ver que é o que ten de especial, cal é a diferencia co café de toda a vida.

Abristes o local en xullo de 2022. Por que aquí nun barrio como os Concheiros?

J.: Cando chegamos, a rúa estaba recentemente reformada. Perdera moita vida por tanto tempo de obras que houbo durante a pandemia e xusto despois dela. Tendo todo por facer, vimos un espazo perfecto para espallar unha novidade de negocio na cidade. No inicio foi complicado, pero unha vez que a xente empezou a probar o que facemos, sentimos un montón de cariño polo noso traballo.

B.: Temos moita clientela habitual, que sabe que imos rotando orixes e nos preguntan: “De onde vén o café que estou tomando hoxe?”, “Noto diferencia co anterior” ...

J.: Si, porque hai que subliñar que non gañariamos o premio, se a nosa clientela habitual non nos permitise ser quen somos. Quen pon realmente en valor o que facemos é o que vén aquí a consumir día a día.

Como chegastes vós a este mundo do café de especialidade?

J.: Eu estudiei hostalaría. Sempre busquei achegar a cultura gastronómica ao cliente final e isto só podía ocorrer sendo barman, que é o que fun a maior parte da miña carreira, ou barista. O primeiro café de especialidade que tomei na miña vida foi en Londres no 2012, porque en España case non se coñecía, e quixen entender o que había detrás.

B.: Eu empecei sendo consumidora de café de especialidade hai cousa de 10 anos, grazas a Jaco. Empezamos a ir a sitios moi guais, con perfís diferentes, a probar, experimentar...

Pero en Shot Me Coffee non hai só café. Que máis atopamos?

B.: Á parte do café que torramos nós mesmos, elaboramos a nosa propia repostería: dende o roliño de canela ata un biscoito de pistacho e espinacas. Temos tamén varias opcións veganas, somos local pet-friendly e temos bastante material á venda para xente á quen lle guste facer o seu propio café na casa.

“O café de especialidade é como ter alta gastronomía a un prezo de diario. Hai un traballo moi grande ata que chega á cunca”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.