Chega o ‘drunch’ a Compostela!
‘Drunch’ de La Morena. Foto: Iván Barreiro
En La Morena, na rúa de San Clemente, sempre están innovando, reinventando e volta e revira! Aproveitan as súas viaxes persoais para empaparse de ideas novas e traelas ao seu local… Así trouxeron e chegou o ‘drunch’ a Compostela!
Unha merenda barra cea, nin moi cedo nin moi tarde, un pouco máis contundente que calquera delas… Queda claro?! (ha, ha, ha!) Nesta época do ano, podemos probalo de venres a domingo, entre as 18:00 e as 21:00 horas, e a partir de abril todos os días da semana. E que leva?! Pois leva unha parte doce e unha salgada: unha táboa de embutidos ibéricos, outra de queixos; croissants que enfornan no local; tomate raiado e marmelada de froitos vermellos, elaborada por La Morena; un brioche; un burriño de polo cajún e un doce a escoller das sobremesas caseiras que teñen na carta. Unha copiña de cava ou unha Kombucha (té chino) a elixir… Nada mal, eh?!
Destacan a elección e a elaboración dun produto bo e galego e sinalan que está tendo moi boa acollida. Está pensado para compartir, entre dúas persoas. O prezo son 28,50€ por persoa e incluso hai xente que compra bonos para regalar o ‘drunch’ ás amizades como agasallo de aniversario ou de Nadal… Organizalo para un baby shower (festa de benvida dun bebé) ou mesmo un bautizo. É unha nova forma de compartir tempo, ocio e delicias varias. Bandullo e corazón sempre foron da man!
Todos os públicos, gustos e petos
O equipo de La Morena está todo o tempo xestando ideas, son unhas apaixonadas da hostalería, do bo comer e de xerar propostas atractivas para a xente da cidade. “Xusto! Intentamos enfocarnos ao público de Santiago, por suposto sen rexeitar ao turista ou ao peregrino, a idea é ofrecer algo un pouco diferente... E cada vez que vemos algo que nos chama a atención, pensamos en traelo de viaxe a La Morena, adaptándoo ao noso modelo de negocio e a nosa proposta!”.
Eu pregunto: Hai que ofrecer cousas novas todo o rato, estásenos indo das mans ou imos acougar? (Rimos). “Ao final tes propostas diferentes, pero a xente tamén busca o de sempre... Cando empezamos coas sesión de DJ polas tardes tiveron moitísimo éxito, porque había poucos locais que as fixeran. Despois hai máis oferta ou variedade, tes que te ir adaptando e cambiando segundo os tempos e a clientela, intentamos reinventarnos, pero sobre todo abarcar a todos os públicos. Incluso me ten pasado a nivel persoal, que ás veces como que te cansa un pouco todo o novo e todo o que me gusta de ser diferente… Pois, ás veces, tamén quero ese pouquiño do ‘de toda a vida’. Nós buscamos sorprender á xente, pero máis que nada con produtos tradicionais, apostamos por elaboracións propias, produto galego... Precisamente para poder ser tamén unha aposta de sempre e para todos”.
La Morena é para todos os públicos, para todos os gustos e todos os petos. “Podes vir comer unhas tapas coas amizades, compartir e pasar un bo anaco, por 15€. E se queres gastar un pouquiño máis tamén hai outras opcións. Buscamos un equilibrio. Apostamos, como dicía antes, polo produto de calidade, intentamos facelo todo nós. Podes comer unha tosta de xamón e unha bebida; un arroz e un bo viño ou pedir un ‘drunch’! Ao final, queremos adaptarnos a todos os perfís e petos, para que a xente poida vir e gozar do noso local e das nosas propostas, por iso temos cousas máis sinxelas e outras máis elaboradas”.
Semella que todos tendemos á complicación e o simple desaparece, pero comer ou cear, merendar e almorzar fóra é un exercicio de gozo, que non implica sempre deixar moitos cartos, senón que pode ser tomar algo similar ao que farías na casa, con moito agarimo e a bo prezo. “Unha cousa é segura e que de certo buscamos dende o inicio da nosa andaina en La Morena: é non rexeitar a ninguén. Aquí hai estudantes, parellas, familias, nais con bebés, cativos e cativas, xente máis maior, grupos... Temos un espazo moi grande, moi cómodo e agradable que nos gusta porque non exclúe”.
Pois como o ‘drunch’, unha opción para maiores, pequenos, larpeiros, salgados e, en xeral, xente riquiña da que nos gusta e le a revista Pincha!
Podemos probalo en La Morena de venres a domingo, entre as 18:00 e as 21:00 horas, e a partir de abril todos os días da semana
Detalle do 'drunch' de La Morena. Foto: Iván Barreiro