#SomosCompostelaCompostelaGastronomíaNovas

Vinte anos do Hotel Rúa Villar

Sara Santos e o seu fillo Javier Torreiro, no interior do Hotel Rúa Villar. Foto: Iván Barreiro
Sara Santos e o seu fillo Javier Torreiro, no interior do Hotel Rúa Villar. Foto: Iván Barreiro

Coa súa situación privilexiada, a escasos 15 metros da Catedral, a beleza do seu espazo, presidido por un precioso lucernario, e o seu ambiente próximo e familiar; o Hotel Rúa Villar leva xa vinte anos conquistando a miles de turistas e persoas que visitan Santiago.

Foi no ano 2004 cando abriu as súas portas nunha antiga casa señorial do século XVIII á que realizaron unha coidada restauración, respectando a súa arquitectura típica e usando materiais nobres como a madeira ou o mármore. O establecemento conta con 17 habitacións (4 individuais, 9 dobres estándar, 2 dobres con galería e 2 dobres superior). Ademais, na parte baixa dispón dunha cafetería aberta para o público xeral en horario de mañá.

Sara Santos e o seu fillo Javier Torreiro están á fronte deste negocio, ao que no ano 2016 se lles uniu a Pensión Rúa Nova.

Como levades iso de traballar nai e fillo cóbado con cóbado?

Sara: Ben! Ás veces me ‘rifa’ polo móbil, pero ben... (risos). A el gústalle moito estar atendendo, a min gústame máis levar as contas. Entendémonos moi ben! E a verdade é que estou moi orgullosa do traballo que fai.

O hotel fixo xa vinte anos. Sara, recordas como foron os inicios?

Sara: Si, a recepción estaba no entresollado, porque na primeira planta había dous baixos comerciais que estaban alugados. Tiñamos unha cafetería, restaurante e un salón grande. Empezamos con moita ilusión. A min sempre me gustou moito a decoración, comprei para os almorzos moitas bandexas, cestos... e viña eu a colocalos. Aprendinlle aos que estaban daquela a facer os ovos revoltos... Recordo vir ás 6.30 da mañá todos os días. Levaba tamén eu todas as contas. E como outra das miñas afeccións é coser, para as habitacións fixen colchas, coxíns... Hoxe en día, sigo facendo un biscoito para a cafetería todos os días!

Javier, ti tiñas daquela só 10 anos. Que recordas?

Javier: Recordo as obras de inicio e vir moito por aquí. Era como se fora unha parte máis da miña casa. Tomabamos algo na cafetería, falabamos... Gustábame moito!

Tendes clientela que leva vindo estes 20 anos?

Javier: Si! Temos moita xente que vén dous ou tres días todos os anos. Como unha clienta arxentina que leva vindo unha década.

Sara: E un señor de Texas que vén todos os anos e pasa aquí un mes. Sempre nos parece que vai ser o último porque non come nada, fuma moitísimo... (risos), pero sempre volve.

A vosa clientela é entón fundamentalmente estranxeira?

Javier: Si, nun 80% é estranxeira. Iso como media. Hai meses que é máis. E logo, en xaneiro ata marzo, hai menos xente de fóra. O AVE a Madrid veu moi ben. Temos tamén boa conexión con Asturias, veñen cántabros, vascos... Pero cando empeza a temporada alta, só unha persoa de cada vinte é española.

Que é o que máis destaca a clientela de vós?

Sara: Destacan moito o trato, como os reciben. Temos unhas rapazas en recepción que son encantadoras. E tamén lles gusta moito a tranquilidade deste lugar, a súa localización, o confort das habitacións... Pódese ver en todas as dedicatorias tan agarimosas que nos deixan.

Que momentos felices recordades aquí e cales foron os máis difíciles?

Sara: Vivimos uns anos moi duros nos que había pouca clientela, moitos gastos, unha hipoteca que pagar... Era difícil chegar a fin de mes. Despois, con moito sacrificio, fomos remontando pouco a pouco.

Eu o que máis destaco é o bo ambiente que temos. Vimos contentos a traballar. Todos as persoas empregadas que temos levan moitísimos anos con nós. É un ambiente moi familiar. Apoiámonos moitísimo entre todos.

E hai momentos no día a día nos que, o meu fillo maior non porque traballa fóra, pero a miña filla e o pai de Javier nos reunimos para tomar un café aquí. É o noso lugar de encontro.

No 2016 prodúcese un cambio importante porque decidides pechar o restaurante e quedar só coa cafetería, por que?

Sara: Tiñamos unha cociñeira moi boa, Megu Ramil, que cociñaba fantástico! Agradézolle moito o seu traballo. Pero tiñamos o problema de que a clientela normalmente non se queda a comer nos restaurantes dos hoteis. E a xente de fóra non viña porque pesaban que era para o hotel. Entón non funcionaba. Para min foi unha felicidade o día que o pechamos.

Si que quedastes coa cafetería. Que podemos atopar nela?

Javier: Abrimos todos os días de 8.00 a 13.00 h. O que máis nos piden é o chocolate con churros, que o facemos moi rico; e tamén o biscoito caseiro, que fai miña nai e ten moito tirón. Tamén temos tostas, ademais de tarta de améndoa, croissant, napolitanas... Procuramos usar produtos naturais e que sexan da maior calidade posible. Ademais temos unha terraza no rúa do Vilar con capacidade para 16 persoas que é un gusto! Sobre todo no verán, estase moi ben aí.

O chocolate con churros e o biscoito caseiro son dúas das especialidades da cafetería do Hotel Rúa Villar. Foto: Iván Barreiro
O chocolate con churros e o biscoito caseiro son dúas das especialidades da cafetería do Hotel Rúa Villar. Foto: Iván Barreiro

Con respecto á actualidade do sector, os hoteis da cidade tendes por diante varios desafíos: o problema da falta de taxis, a taxa turística o novo rexistro de viaxeiros... Como os afrontades?

Sara: Mira, cando saíu a nova do novo rexistro da viaxeiros, a xente me preguntaba: pero isto como vai ser? O exemplo máis gráfico ensináronmo as miñas recepcionistas que me dicían: “Dáme vergoña preguntar todo isto”. Eu o que observo é que a clientela pode darche a vida enteira con tal de que lle deas as chaves e non a marees. O que queren é chegar á súa habitación, darse unha ducha e relaxarse. Entón, imaxínate un señor que chega cansado do Camiño e lle fas unha enquisa con mil cousas! E ademais, hai moitas cuestións que creo que non respectan a protección de datos. Eu non penso que prospere porque o sector non está de acordo.

En canto á taxa turística, cómpre comentar que en Santiago temos uns meses moi bos, de maio a outubro, pero despois hai unha baixada tremenda. Os que temos hoteis pequenos imos tirando, pero os grandes teñen moitas perdas. Por outra parte, levamos anos loitando polas pernoctacións, que pasen máis dunha noite na cidade. E outra cousa que vexo é que hai moita falta de información nas rúas, que se dirixan eses fluxos turísticos... Porque é certo que hai momentos de saturación en certas zonas, pero provocada polos excursionistas, que case non consomen nin gastan, pero a eses non se lles cobra a taxa... E a un señor que vén ao teu hotel, que está mal informado, vaise marchar e case perde o avión porque non hai taxis... eu cóbrolle unha taxa! Sería recadar para que e para quen?

Javier: Eu creo que estamos ben encamiñados co Goberno local que temos e que de cara a a un futuro próximo a situación vai mellorar. O problema que vexo é que ás veces parece que non queren admitir a cantidade de xente que hai. Non se dan de conta de que con 15 licenzas máis de taxi non se fai nada? Hai que mellorar eses servizos.

E como se presenta o futuro do Hotel Rúa Villar?

Javier: A min preocúpame o nivel de turismo ao que estamos chegando. Se seguimos coas previsións de aumento de visitantes que hai -e non é que nos esteamos enchendo os petos, porque os prezos son practicamente os mesmos- a curva, naturalmente, nalgún momento vai descender. Entón pregúntome, cando vai explotar?

Sara: Eu espero que siga funcionando como ata agora e, pola miña parte, que se ocupen de todo as novas xeracións. Aínda que penso que nunca me vou despegar de todo porque, claro, é un pouco como a miña casa. É un negocio que emprendemos seu pai e eu con moito cariño, que tivemos a sorte de que a Javier lle gustase e siga; así que espero continúe e que sexa a súa vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.