CompostelaCulturaEntre MúsicasSilvia Castiñeiras

Xiana Lastra, de A banda da Loba: “Falamos dos afectos nunha sociedade que cada vez foxe máis deles”

Por Silvia Castiñeiras

Foto: Sonia García
Foto: Sonia García

O mes de febreiro veu cargado de emocións, como ben facía presaxiar o título do novo traballo de A banda da Loba. Con este quinto disco, “Lovismo”, o grupo fai unha viaxe que vai moito máis alá do simple amor, aínda que o amor non sexa simple. Andrea, Estela, Marcela, Xiana e Iria abrázannos coa súa música para deixarnos un grande agasallo: querernos ben.

Encantoume o xogo de palabras co título “Lovismo”, quen é a creativa do grupo?

A creatividade en cada disco depende, unhas veces recaeu nunha e outras noutra, pero xusto neste caso son eu mesma a ideóloga do título. Vin algo polas redes que poñía ‘lovismo absoluto’ e fíxome gracia. Pareceume guai facer o xogo de palabras xusto nun disco que fala diso, do amor e dos afectos, e lovismo levaba a Loba…

Entón isto é un disco de amor?

É un disco de amor pero observado desde múltiples perspectivas. Falamos do amor familiar, da sororidade, da amizade, do autocoidado… non está baseado só no amor romántico, aínda que por suposto, tamén está.

E por que chegou agora a necesidade desa temática?

Coincidiron moitas cousas, Andrea foi nai e acompañámola nesa chegada de Carmela, á que lle tocamos unha canción. Era unha nova experiencia. Tamén aconteceu que Inés, a nosa guitarrista, tivo que deixar o grupo por unha cardiopatía. Así, foi un momento no que nos demos conta que todo viña relacionado cos afectos e o coidado, con pensar en nós e aproveitar para facer o proceso compositivo con máis vagar. Cando o decidimos, ademais, non había ningún proxecto que nós coñeceramos que abordara o amor desta maneira, e xusto agora que saíu “Lovismo”, non deixo de escoitar cancións con temáticas similares, por exemplo de Vega, de Zahara, de Resaka Emocional ou mesmo de Mondra, aínda que saíu un chisco antes. Parece que todos vibramos na mesma onda amorosa e do quererse ben a unha mesma.

Unha bonita maneira de chegar ao quinto disco. Como foi o proceso de creación?

Sacar un disco custa moito traballo e nós teremos moitos defectos, pero temos moita capacidade de traballo e, ademais, gústanos moito o proceso compositivo. Neste disco foi moi diferente aos outros porque tivemos tempo e calma. As outras veces faciamos todo mentres estabamos de xira, sen parar, todo á vez. Nesta ocasión baixamos durante un ano dos escenarios e puidemos gozar do proceso con máis tranquilidade. O proceso estivo moi ben e ao final un ano parece moito pero pasa rapidísimo!

Aínda que unidos na súa esencia, que teñen de diferente os 11 temas?

Moito, porque a nosa música sempre se caracterizou por ser moi heteroxénea. Englóbase baixo o gran paraugas do pop, pero logo xogamos cos estilos musicais que nos pide cada canción. Temos bachata, disco, funk e ata unha nana. Cada canción é un mundo, mesmo exploramos a música electrónica nunha colaboración con Terrae. Incluso creo que podería dicir que este é o noso disco máis ecléctico.

Que lle aportan as colaboracións a este traballo?

Aportan moito, a min encántanme. Hai moitos compañeiros e compañeiras no mundo da música coas que conectas e gústanos moito compartir música, tanto nun disco como nos directos, sobre o escenario. Ter a De Vacas, a Tomé, a Terrae e ao cuarteto de ventos neste proxecto faino aínda máis especial para nós.

E cóntame, desde que saístes ‘bailando as rúas’ ata caer no ‘lovismo’ como transcorreu este tempo?

Desde ese primeiro disco (2017) vivimos un tempo de ilusión e aprendizaxe porque a nosa banda creouse da nada. Unhas coñecían a outras e fómonos xuntando, pero non tocaramos xuntas antes. Iso si, coñecémonos e houbo unha gran conexión. Medramos xuntas e a medida que avanzaron os anos esa evolución nótase moito nos discos. Ademais, o mellor deste tempo de crecemento é que, ademais de xuntas,  tamén o fixemos acompañadas do público.

Pois rematamos falando do voso público, sempre tan importante…

Estamos moi orgullosas do apoio que temos. Non é doado ter sorte no panorama musical  e nós estamos moi agradecidas pola xente que nos segue, pola cantidade de actuacións, porque a xente cante con nós as cancións, é emocionante. Esta é unha experiencia marabillosa.

As impresións neste primeiro mes desde que presentamos o disco na Sala Capitol o pasado 1 de febreiro son moi boas. Para nós é un repertorio co que xa nos sentimos bastante cómodas de inicio, aínda que é certo que os espectáculos teñen que rodar. E a nivel escénico penso que tamén se ve unha evolución bastante grande. Á xente estalle gustando moito.

Que próximos concertos e novidades tedes por diante?

En marzo temos unha gala polo 8M en Ferrol e volveremos o día 14 para presentar “Lovismo” no Teatro Jofre. O 20 de marzo actuaremos nos concertos da Primavera Cultural na Igrexa da Universidade de Santiago. Fainos moita ilusión porque é un lugar moi diferente aos que tocas habitualmente. Seguro que será especial.

Proximamente tamén imos sacar un vídeo do tema ‘Olliños’, para o que xuntamos a 150 persoas na Estrada para gravalo. Ademais de aquí ao verán temos xa bastantes concertos programados, principalmente en Galicia e incluso con algunha cousiña fóra. E a nosa intención é sacar algunha sorpresa para o Día das Letras, como facemos sempre. Vai haber moito “Lovismo” nos vindeiros meses!

A banda da Loba © Sonia García
A banda da Loba © Sonia García

CON AMOR…

A máis amorosa de todas. Ui, que difícil! Non sei, igual por máis expresivas Marcela e eu, pero todas somos moi sensibles e afectuosas.

A máis toxo. Buff aquí non digo nada, non vaia ser (risas). Penso que ningunha, somos lobas pero non toxos!

A máis loba. Nós sentimos ser lobas non en sentido pexorativo como se di moitas veces. Para nós é ser unha persoa con forza, con garra e determinación, unha persoa que di que te liberes e non te deixes levar polos clixés, así que as cinco somos moi Lobas.

Amor a un disco. Non sabería elixir, os do principio foron especiais por iso, porque foron a orixe. Quizais “Fábrica de luz” porque está dedicado ás nais. E “Lovismo” pola mensaxe que transmite nunha sociedade que foxe cada vez máis dos afectos.

Amor á lingua. Para nós é fundamental cantar en galego, non é algo ao azar. Cantamos en galego porque temos a mesma maneira de querer a lingua e porque uns dos nosos obxectivos principais son defender a nosa cultura e a nosa identidade coa nosa música.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.