CulturaEntrevistasGalicia

Julia de la Cal, de La Parabólica: “Coa cestería podes chegar a todas partes”

Por Rebeca Munín

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia e La Parabólica.
Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia e La Parabólica.

En pouco máis de tres anos, Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño, Pontevedra), pasou de recibir a Bolsa Eloy Gesto para ampliar a súa formación a gañar o Premio Artesanía de Galicia 2024 coa peza #PERIFERIA01. A cesteira, que traballa con vimbio que cultiva ela mesma, é un exemplo de como con constancia, esforzo e creatividade pódese chegar moi lonxe neste sector.

No 2021 recibiches a Bolsa Eloy Gesto e só tres anos despois, no 2024, recolliches o Premio Artesanía de Galicia. Que supuxeron para ti estes recoñecementos?

A verdade é que estou moi contenta e agradecida. Fixéronme moitísima ilusión os dous! A Bolsa Eloy Gesto penso que é unha moi boa oportunidade para formarte. Sempre tes na cabeza esas historias de que non es suficientemente boa e todos os complexos do Síndrome da Impostora, así que para min foi como un voto de confianza. Algo bo debía de estar facendo.

Co Premio Artesanía de Galicia 2024 quedei xa moi sorprendida cando comunicaron as finalistas e despois sendo gañadora foi unha alegría moi grande.

Fálanos da peza gañadora, #PERIFERIA01.

É unha peza que xorde de andar experimentando no taller, de estar nesa procura de xogar cos materiais e ver como funcionaban... Facendo probas con distintos materiais que tiña pola casa, topeime cunhas texturas que me gustaron. E a partir de aí seguín facendo máis probas ata chegar á peza que presentei. É un traballo que ten un tecido caótico por dúas caras. Primeiro está tecido coa cara máis brillante do vimbio cara a dentro e despois está todo ‘retecido’ pola parte de fóra. Ademais ten unha tintura e un recubrimento de cemento con pigmentos de pasteis para facer un efecto como de pátina nas esculturas de bronce. Ese punto escultórico gustábame moito esteticamente.

Que importancia ten a estética nos teus traballos?

Intento que haxa un coidado na forma e na textura das pezas. Pero tamén hai que ter en conta a súa funcionalidade. Gústame pensar o obxecto de forma global.

Que é o que che fixo querer dedicarte á artesanía?

Cheguei á artesanía dunha maneira natural. Estaba estudando Deseño Industrial en Barcelona, na Escola Massana, xa estaba ademais traballando como deseñadora, pero tiña interese por traballos máis sustentables, de materiais naturais... Nese camiño atopeime coa cestería e pouco a pouco foime enganchando. Tiña que facer o proxecto final de carreira e desde a escola axudáronme a poñerme en contacto con xente do oficio, como Joan Farré. Despois fun facendo cursos que organizaba a asociación catalá de cesteiras e cesteiros. Así foron os meus inicios neste sector.

E cando entras en contacto con Artesanía de Galicia?

Cando regresei a Galicia a finais do 2015. Vin coa idea de intentar impulsar o meu proxecto de La Parabólica. Empecei a plantar os vimbios nun terreo da miña nai. Ao pouco solicitei a carta de artesá na Fundación. Creo que en Artesanía de Galicia fan un traballo moi grande e a imaxe que hai de nós en toda a Península é moi boa.

Como estamos no mes do 8M, quería preguntarche tamén pola túa experiencia como muller artesá. Hai igualdade na cestería galega?

Hai anos en Galicia moi poucas persoas dedicábanse profesionalmente á cestería. E os que o facían eran todos homes que traballaban a madeira. As mulleres normalmente facían outro tipo de cestas, con materiais máis brandos, cos que podían traballar a ratiños, despois de atender as crianzas, limpar a casa, ir ao campo... Pero hoxe en día están as cousas máis equilibradas. Somos tantas mulleres como homes os que traballamos de xeito profesional na cestería. E cando fago formacións para adultos o 90% son alumnas.

Si que me ten pasado situacións como estar nalgunha feira con algún home no posto, que pode ser o teu mozo ou un amigo, e o cliente falarlle a el. Ou se estás ti soa, preguntar polo cesteiro, como se eu fose só a dependenta. Non digo que pase todos os días, pero algunha vez ocorre.

En que proxectos estás traballando agora?

Estou facendo obradoiros en escolas, que é algo que me gusta moito. Acabo de rematar unha instalación en Ponte Sarela, no antigo curtidoiro de San Lourenzo, que é un proxecto de Víctor López Cotelo. E estou traballando noutras instalacións relacionadas coa moda e tamén con diferentes restaurantes.

Porque as posibilidades da cestería son inmensas, non si?

Si, coa cestería penso que podes chegar a todas partes. É moi versátil. Trátase dunha técnica moi primitiva. Non precisas máis que materiais que podes recoller na túa contorna, as túas mans e, se queres, algo que corte. E só con iso podes crear moitísimas cousas.

Agora mesmo estou bastante contenta coas pezas que estou facendo de tecido triaxial. É un tipo de tecido que normalmente se utiliza máis en Asia e que leva tres eixos cos que traballas á vez. É máis dificultoso. Descubrino o ano pasado e quixen empezar a usalo para facer algo diferente.

Onde podemos atopar as túas pezas?

Traballo por encargo e tamén participo nalgunhas feiras.  As miñas pezas poden verse na web laparabolica.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.